

En fin, esperemos que mentras se van amañando estas minucias 'na casa' tamén xe amañen outras que ocupan outros niveis, como a folga, xa xeral e indefinida, do sector do transporte ou a gripe aviar, que está encarándose a nivel internacional xa como pandemia, aínda que polo momento non chegou a eso.
Máis novas, mañá, que xa quedan de hoxe preparadas.
--
Unha entrada vella para máis lectura (publicada con anterioridade en ribadeando (o libro), en A Marña/El Progreso e no blog vello:
Marzo, o pobo elixe
Marzo, o pobo elixe. - Antes de citar o comezo do mes ou o seu final, antes que referirme ó título, está o 11M, unha data para lembrar á hora de batir marcas macabras, que dende Madrid trascende o noso pobo e abrangue a todo o estado nunha especie de doloroso caer da burra colectivo antecesor da Semana Santa: pó somos e en pó nos hemos converter. Noutro nivel, algo como un 98 moderno sen perda de colonias pero co seu Maine civil e autóctono, algo que deu comezo efectivo ó novo milenio por estas terras. Algo que sucede, non por non ter coñecido o terrorismo, senón pola dimensión súbita que manifestou, número de víctimas e tamén ampliación na variedade de posibles verdugos, e, de xeito subsidiario, polo tratamento dado ó tema, que propiciou un cambio na política a nivel español e máis aló, cambio que parece aínda non ter rematado. Pode haber análise, pero non palabras.
- O mes comezou nestes lares cunha primeira pedra política polémica, a do tramo da autovía que agora ten outra relevancia por pasar a vella carretera á beira dunha pedra branca coa testa dun azul que rememora o partido protagonista. Tras preparar unha terra para a celebración, a prensa asistiu ... e o alcalde tamén. Estábase a punto para unhas eleccións estatais das que non se prevían os derradeiros días e que parecía que ían permitir ó daquela partido gobernante seguir séndoo. Seguramente eso pesou na asistencia ó acto, que se veu contestado tamén nos días seguintes ó 14 M por quen quere cambiar o trazado.
Sobre as eleccións? O día 20 en Le Monde apareceu un artigo no que se poñía de manifesto unha explicación do transcurso dos próximos anos en España e tamén na nosa zona: Aznar, cronoloxía dunha manipulación. Mentras, na entrada de Ribadeo, segue un cartel: 'Juntos vamos a más': Eso esperamos, ir xuntos, ir a máis. Todos. Agora.
En Ribadeo, o día da árbore pasou sen celebración. Foi celebrado días despois: as árbores son pacientes e o tema está en acostumar a xente. O que foi puntual foi o mesmo 19 de marzo, día do pai: o PP trata de dividir o goberno de PSOE e BNG no Concello atacando ó primeiro e eloxiando ó segundo, tamén a modo de celebración da renovada oposición a outro nivel que o local. Pregunta na prensa: Resistirá a entente no Pazo de Ibáñez? E por que non?
O que segue a ser puntual diante da Casa do Concello é que segue a lembrarse a Xosé Couso. Non só é lembrar: é pedir outro mundo con insistencia seguindo sen un prantexamento estricto unha versión atóctona do dito de 'pensa globalmente, actúa localmente'.
Mirando a vella compañeira de Ribadeo, vese que continúan as obras en Porcillán. Xa está rematado o piso do espolón sur, e vense apilados os novos pantaláns. Pode que en correspondencia, a draga segue a rascar o fondo (mesmo deixando a area ás portas da ría (*) en marea baixa) mentras que os tesóns teñen unha vista magnífica dende Mirasol. Menos pesca na ría (eso lle teño oído dicir a xente que pesca), pero máis beirarúas diante dos armacéns (curioso, velos en Mirasol e sen saída para camións).
A zona alta tamén cambia: beirarúa branca na Atalaia... limitando a herba como adiantada da invasión urbanística que xa comezou. E mellores beirarúas, pavimento, ... eso se espera, baixando do Cantón. Tamén foi progreso o aparcamento aberto, aínda que sexa (ou pode que mellor por eso) con un querer/non querer meios de comunicación na apertura/inauguración.
Tras un aviso en falso na prensa para a reunión sobre ruídos, houboa. Resultado? Informe de que remataron as inspeccións de ruídos. Criterios? Non son públicos. Resultados da inspeccion? Tampouco. Mentras, o lema de Ribadeo parece ter cambiado de novo: segundo un cartel á entrada, a antiga 'Porta norte' parece ser agora Ribadeo, 'tu AS de COPAS'.
Antonio Gregorio Montes
(*) a un setecentos metros da punta da Cruz e algo máis da Pancha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario