--
A Asociación de Gardas Civís de Galicia, colectivo maioritario na provincia de Lugo, cunha afiliación que supera xa o 50% dos de axentes das escalas máis básicas na provincia, iniciou accións xudiciais contra un dirixente da asociación “O Tesón” de Ribadeo. A orixe dos feitos tivo lugar no mes de setembro, cando un dirixente da asociación “O Tesón” manifestou que, segundo recolleron os medios de comunicación, certos establecementos da Vila de Ribadeo abrían as súas portas para convidar os axentes da Garda Civil da Mariña, e máis concretamente os destinados en Ribadeo. Deste xeito, certos establecementos eludirían supostamente as denuncias dos gardas civís por non respectar o horario de peche dos mesmos. É dicir, a cambio dunhas consumicións de balde, os gardas civís non denunciarían as anomalías detectadas nestes establecementos onde supostamente os convidarían os donos dos mesmos. Os axentes de Ribadeo, os mais afectados polas supostas declaracións deste dirixente de “O Tesón”, publicadas nos medios de comunicación, impuxeron este ano máis de 800 denuncias, sen contar as vinculadas o tráfico de automóbiles. Delas, preto do 10% son por feitos relacionados con irregularidades neste tipo de establecementos, entre as que se encontrarían “non respectar os horarios de peche”, “contra a propiedade intelectual”, etc. Queda logo acreditada a súa labor policial na inspección deste tipo de establecementos e as correspondentes denuncias formuladas a este respecto. Este tipo de declaracións non poden tolerarse dende este colectivo de gardas civís. Por iso, esta organización xa iniciou, contra este dirixente, accións xudiciais que tiveron “entrada” no Xulgado de Mondoñedo. Esta asociación de gardas civís de Galicia non considera que as declaracións que orixinan esta denuncia sexan compartidas necesariamente pola asociación “O Tesón” no seu conxunto. Por ese motivo as accións xudiciais empréndense só contra o presunto responsable das declaracións e non contra ese colectivo, no seu conxunto. Nestes intres, cando o bo nome dos profesionais da Garda Civil, entre os que estarían os axentes de Ribadeo, está a poñerse, de maneira constante, en tela de xuízo, esta asociación non dubidará en iniciar cantas accións legais estime convenientes en defensa destes traballadores da seguridade pública. Inda recoñecendo que esta labor de defensa corresponderíalle as instancias gobernamentais, como responsables dos traballadores das Forzas de Seguridade do Estado, algo que non están a facer. Os axentes de Ribadeo víronse seriamente afectados psicoloxicamente pola denuncia de “O Tesón”. Incluso algún deles a tratamento médico-psiquiátrico. Acusados inxustamente. Os axentes seguen a estar esquecidos. Sometidos o severo réxime militar da Garda Civil, último vestixio da era preconstitucional, que os oprime de maneira constante. Por iso, como agora, teñen que calar. Abandonados por seus propios dirixentes, cando son asoballados, como neste caso, dirixentes que logo non dubidan en dicir que loitarán na defensa dos gardas civís, algo que inda seguen a esperar.
--
Coido que eu non dixen nin causei moitas das cousas que se me atribúen. Teño claro en cambio, o afán de protagonismo dunha sociedade escindida vai pouco relativamente de outra maior e que actúa en conxunto como tal, non en nome de supostos gardas afectados ou moito menos do propio Instituto armado. Nembargantes, ante a presencia do xuíz, coido que debo calar e non seguir falando do tema, e eso vou facer. Gracias por aguantarme esta pequena digresión persoal. Como agasallo, un vello artigo:
Procesións e fauna
Cando se fala de fauna en relación a algunha actividade humana, considérase ás persoas nun sentido despectivo. Non é o caso que pretendo, senón máis ben clasificar a masa que intervén nas celebracións da Semana Santa.
Como toda clasificación, depende dos criterios que se usen para establecela. Non é o mesmo usar o criterio de poder de decisión sobre a organización das actividades que o de adicación a elas ou que o de interiorización das mesmas, por poñer tres casos.
Usando o primeiro criterio antes dito, o poder de decisión sobre a organización de actividades, establecería unha xerarquía no mesmo pobo (xerarquía de tipo social), que se vería reducida ó párroco e a asociación “Amigos de la Semana Santa” nun nivel e o resto do pobo noutro. Evidentemente, calquera pode pasar ideas dun ó outro grupo, pero estamos a falar do nivel de decisión. Habería que incorporar ó grupo que poderiamos chamar de cabeza, en funcións adxacentes pero determinantes, por un lado, a xerarquía eclesiástica, e por outro, a xerarquía política. Quedaría así a “masa” desgaxada como nivel baixo dunha estructura decisoria xerárquica. Sen entrar en detalles do funcionamento interno de cada unha desas estructuras na cabeza decisoria nin a relación entre elas ou a base do poder interno dos membros dentro de cada unha delas. Por exemplo, parece evidente que se unha persoa se incorpora a “Amigos de la Semana Santa”, supónse que é para colaborar e traballar, e en base a dita colaboración así terá unha capacidade de decisión. Nembargantes, a proporcionalidade entre ambas características non será exacta por influencia doutros factores como capacidade de xeración de ideas, coñecemento do funcionamento social, trato cos demáis dentro da sociedade, etc., como ocorre en calquer outro grupo.
Referente a adicación, esta vai dende a indiferencia total, pasando pola aversión ata chegar a unha adicación de tempo importante. A orde na que están postas as diferentes adicacións pode ser variada, naturalmente, pero de non ser máis minucioso incluíndo outras categorías ou subcategorías, deixaría sempre no medio das tres expostas a da aversión; ó fin e o cabo é un xeito de adicación, que poderiamos chamar anti-adicación, pero tal que a persoa que se identifica neste grupo implica que ten un tempo adicado ó enfrontamento, e polo tanto, adícalle un tempo ás actividades da Semana Santa. Sen facer máis comentario sobre o grupo de indiferentes, creo que habería que dar aquí un agradecemento ás persoas que lle adican unha porción importante do seu tempo ás actividades da Semana. Son as que a organizan e por tanto fan posible un cambio de ritmo vital no ciclo diario de cada un, incluído o grupo de xente indiferente, e por suposto, o da que mostra aversión. Para algúns, a ruptura da rutina diaria pode supor un contratempo, para outros, unha liberación, pero a quen máis, a quen menos, permítelle o retorno posterior ó día a día cun sentemento de novidade do vello e polo tanto vitalmente influínte.
O criterio de interiorización implica unha clasificación que vai dende a xente que o cre (non confundir con xente crente no sentido relixioso xeral) a aquela outra que o figura. Neste caso, o termo medio sería a indiferencia, entre o extremo das persoas que sinten os feitos que rememoran as procesións como unha parte dos propios sentimentos a nivel interno e o outro que serían as persoas que acoden ás actividades da semana por razóns como o vistas, o que significa un utilitarismo das procesión en aras doutras causas como presentarse como máis católico ou non perder un ápice de posición social.
¿De que serve tanta clasificación? Sería demasiado presuntuoso o pretender que a próxima vez que nos enfrontáramos á Semana Santa nos preguntáramos onde estamos encadrados e sobre todo por que. Nembargantes, antóxaseme que todos, pasando polo organizador xefe ou o pasota cantante en calquera chiringuito á hora da procesión, todos, sairíamos gañando con que unha parte significativa da xente cavilara o tema en serio.
Foi publicado en A Mariña / El Progreso o 3 de xuño de 2003, e aparece en este enderezo
Ningún comentario:
Publicar un comentario