Non se trata dun aumento de temperaturas: trátase de que alguén na prensa mentou un artigo meu publcado en A Mariña de El Progreso o 30 de agosto. Revisei, e non sei por que, pero non estaba no blog, nin o tiña no ordenador: tíveno que recuperar do xornal, corrixindo dúas cousas que faltaban e me lembraba. Bo, pois xa vai estar, a continuación:
--
Rinlo.info é un xornal de nenos para maiores.
Pero non só eso. É un xornal que se vende estes días en Rinlo feito por tres cativos e que está tratando de sacar información obxectiva no mesmo carozo do enfrontamento que se está a vivir no pobo por mor da instalación dun criadeiro de rodaballo nunha zona natural protexida.
Despois de estar e falar con xente de Rinlo, tanto xente a favor como en contra, atopo básicamente que a compañía, Acuinor (da que ben pouca información obtiven en internet) e o Concello artellaron dende fai xa meses unha defensa das instalacións no pobo, co que teñen alomenos tres estructuras a favor, contado a da directiva da asociación de veciños.
Por contra, os ecoloxistas chegaron fai pouco e se ben non teñen aínda feitos consumados sobre o terreo, si se atoparon xa co traballo a favor da empresa realizado por esas estructuras, mentres que a xente que está a favor, como boa parte das mariscadoras, está desorganizada; se teñen tempo, será unha labor máis que teñan que facer. Se teñen tempo: esta semana, o tema ronda arredor dos papeis: autorizacións e documentos que faltan fronte a permisos conseguidos cunha rapidez pouco usual, consecución dunha orde de paralización preventiva das obras contra consecución dunha orde xudicial de desaloxo dos ecoloxistas.Fai uns días tivo lugar en Rinlo a festa do percebe. Repasando a foto de conxunto correspondente (atopable en A Mariña) pregúntome se dentro duns anos unha festa así terá que usar percebe importado. E é que hai moitos datos que conxuntar en relación á instalación:
¿Como atacan os residuos do criadeiro á zona costeira, en particular á producción e calidade dos percebes? Falouse da oferta da empresa de 10 postos de traballo nunha primeira fase e outros dez máis nunha segunda: a documentación que se atopa no Concello non da pe para pensar en moitos máis de 6 ou 7 en total (entre persoal cualificado, que viría de fora, e o non cualificado). ¿Cómo afecta ó turismo, en forte auxe na zona e ó futuro dunha vila que pode ter fortes atractivos neste sentido e que se pode potenciar a través do plan turístico para o Concello? Serían algunhas das preguntas a contestar, a parte da construcción da planta nun paraxe nautral protexido, que é ó único que di ADEGA que se opón (segundo eles, uns centos de metros máis aló non tería problema).
Hai outras consideracións que neste caso chaman a atención. Así, estaría tanto o respecto á lei, que debe ser igual para todos e igual de respetada. Hai indicios de que o anterior non se cumple, pois hai un expediente dunha instalación semellante pero máis pequena parado no Concello dende abondo antes de que se comezara co papeleo desta instalación. Respecto ó segundo apartado, a lei di que a paraxe está protexida de actuacións a excepción de saúde pública.
Coido que a confrontación de ideas, nunha mesa redonda por exemplo, sería clave para aclarar as posturas e que os veciños da zona poideran formarse unha opinión crítica. Nese sentido están comezadas xestións para unha mesa redonda con diversos participantes. Atopando que dende a empresa néganse a participar. Nembargantes, onte mesmo, en Rinlo, para min estaba claro que a convocatoria para unha concentración informativa que se me dixo ía a ter lugar foi unha mera manipulación para poder sacar unha foto e dicir que os veciños apoian as instalacións. Ó tempo, entereime de chamadas a casas particulares de xente en procura de emprego para presionar que foran poñerse contra dos ecoloxistas, e oín falar de ‘provocación’ a xente desinformada pero influínte ó ver a catro persoas con camisas negras iguais que se achegaban á ‘concentración’ ignorando que eran empregados municipais. A zona é paraxe protexida e constitúe un hábitat fráxil colonizado por toxo e queiruga e preténdese meter unha instalación que destuiría o hábitat e eliminaría o percebe na zona próxima e diminiuría a súa calidade nun entorno maior, e crearía algún posto de traballo, pero se nos quedamos só en eso, illado, non nos enteraremos de nada.
--
Por certo, dito escrito alude, vaia por Deus! a que estou utilizando os pícaros. A mesa redonda fíxose, e a parte de cousas que tería que comentar do alcalde e non o faigo por estar esperando unha disculpa, non asistiu ningún representante da empresa.
Se teño tempo, sigo (non vai ser doado...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario