20051203
Amigos e música en Ribadeo
Pola miña culpa, non puiden asistir a unha reunión de asociacións contra o ruído en Santiago. Foi unha mágoa que tentarei suplir. En troques, tiven un día no que non só estiven acompañado pola familia, senón que puiden disfrutar da compañía de bós amigos, e para rematar, de música.
A foto corresponde á actuación da Real Filharmonía de Galicia no auditorio ribadense, interpretando a Rogelio Groba ('Catro bagatelas') e Luigi Boccherini (Retirada nouturna en Madrid, Concerto para cello n.9 en SiM e Sinfonía n.6 en Rem, Op.12 'A casa do diavolo') nun concerto sen cata que foi moi aplaudido, resistíndose o conxunto a agasallar á súa vez cun bis. A conta de celbrarse o concerto no, na época de Hernán, chamado 'Auditorio de Playmobil', aquí engado o meu artigo para o libro do 5º cabodano de Amadores, unha celebración preparada por Hernán cun libro que comezou a artellar Choupín e houbo dificultades para pagar...
--
Sonríe para hacer felices a los demás
Así rezaba o lema dun programa de corte relixioso fai cerca de trinta anos. Algo así pode ser tamén o lema de Amadores e a Banda: tocar para disfrute dos máis. Ó mellor non queda ben como lema, pero é unha realidade feita a base de traballo e esforzo diario. E colaboración, moita colaboración.
Igual que se celebra o cabodano do momento do parto, na banda celébrase o da presentación. Nembargantes, houbo unha xestación e tamén hai que lembrala. E en calquer caso, a moita xente: dende o primeiro momento, Choupo, e Tino, como os liantes do cotarro, pero tamén Ernesto, facendo desinteresadamente o lenzo que puxo o telón de fondo na presentación, César, sucesor del en moitas ocasións, del Río, cedendo instrumentos para o seu usufructo pola banda, Hernán, por suposto ... e moitos outros, como Pepe, co seu esforzo contínuo como pipa, que a parte de pagar as cuotas para manter económicamente a sociedade poñen o seu traballo e dan o que teñen para colaborar nesta empresa.
Tamén houbo os seus desencontros e miserias na vida destos anos. Non se trata de esquecelos, que quen esquece está disposto a volver a cometer os mesmos erros, senon de superalos nesta celebración.
A andadura da banda, primeiro, Banda de Ribadeo, logo Banda Municipal de Ribadeo (BMR), non foi sinxela. Diferencias e dificultades de todo tipo foron pasándose mellor ou peor, ate chegar a hoxe en día. E así podemos atopar a esta agrupación herdeira de outras anteriores, pero ó tempo, netamente diferente a elas na súa concepción. Se nalgún momento se viu a banda como unha nova época doutra banda anterior, pronto quedou anulada dita visión, tanto pola variación de músicos (novamente o Choupo, esta vez como nexo e testimonio de outra época), como polo tipo de música, a voluntade fortemente discutida de non combinar a interpretación coa marcha e moitos outros pequenos detalles.
Son opcións así escollidas, que configuran unha banda, repito novamente, diferente, pero que ten moi en conta, e disfruta das ventaxas que lle supón, a tradición musical en Ribadeo.
Noutro lugar se atopa un listado de músicos. Moitos deles, a maioría, seguen facendo a súa labor ensaio tras ensaio para que podamos escoitalos concerto tras concerto. Outros, como Enrique, Clara, Goyi, Charo ou eu mesmo, por diversas razóns estamos fora da formación, pero seguimos apoiando e disfrutando dela. Outros en fin, volven ocasionalmente, cando poden, á disciplina que manda a batuta.
A banda, dende o principio, foi unha familia, aínda que pola extensión actual variaran moitas cousas dende os comezos ate a actualidade. Esas e outras "moitas cousas" están incluídas tamén na historia: Olvidos de instrumentos por parte dos músicos para actuacións fora de Ribadeo (maiormente, clarinetes), necesidade dun servicio de orden que permitira ter a algunha actuación, como na Plaza Real barcelonesa, noites enteiras en autobús no medio dunha nevada ou polo contrario, actuacións cos ollos medio cerrados e sudando a gota gorda. Autobuses que se estropean e que fixeron chegar co tempo xusto ou aínda con retraso a algunha actuación, e coches particulares, sucedáneos de autobús, nos que o ambiente non deixaba de ter o mesmo calor que naquel.
Tamén, accidentes. Pequenas cousas polo momento, das que poden dar conta César ou Javi. Ou roturas inoportunas (¿cándo non son inoportunas as roturas?) de resortes ou mecanismos, amañados sobre a marcha polo "equipo técnico" da agrupación, a veces aínda con sofisticados instrumentos como gomas elásticas ou navallas.
Son montóns e montóns de anécdotas as que van conformando a cultura da banda, acompañando ás pezas tocadas, ó saber facer musical, a adicación, ... Esas cousas, que configuran a vida interna do conxunto, a que non se ve normalmente dende fora, van acompañadas doutros detalles que si se notan pola audiencia.
O que a banda saíra con carpetas deseñadas con coidado, aínda que baratas, a inclusión da manga corta de camisa no uniforme, carteis que son para coleccionar e que se poden ver en máis dun lugar como decoración de gusto, dípticos con información que tamén forma, saídas e recollidas do esceario en orde, a ilusión a flor de pel que rezuma nas actuacións, en particular na casa, ...
--
Tamén, as polémicas mantidas na prensa e na rúa, parte delas creadas cunha idea non musical, conforman xa a historia da banda e de Amadores. Ou a Escola de Música "Carlos Álvarez Fernández-Cid", ou os boletíns editados, ou ... a historia da banda é corta no tempo, pero dilatada en feitos. E segue.
--
* E tamén a colaboración de Hernán, cedida de xeito libre para dito libro:
--
>ASÍ QUE PASEN CINCO ANOS
Aviso inicial para leitores sagaces: este artigo comeza e acaba en páxina par, isto é, aberto o libro, ollemos á esquerda. Non en balde foi un membro do comité Central do PCP que xestionou a participación da banda que ate hoxe dirixo no Festival Internacional de Bandas Amadoras (amaters) de Loures (Portugal) en Novembro de 1995. E de tocar na mesmísima Lisboa ocupeime eu. Non vaia pensar ninguén, tras a leitura da penúltima plana deste heteroxéneo libriño, que só se accede á glória pasteleira dende unha das beiras. Lembro con saudade unha viaxe a Madrid con Eduardo Gutiérrez en Decembro do 94 para conseguirmos que a banda tocase na capital do Estado un mes despois (no Auditório de La Vaguada, no Hotel Foxá e... na Praza Maior!) sen arruinarnos de todo. O que leva chovido! (que lles pregunten aos de Múrcia...).
Este meu artigo, esta miña canción, leva letra, mesmo desde o título, de arrebatado bolero paixoal: "de lo que pudo haber sido y no fue".
Queria rememorar cun ponto de ponderación o congreso de Bandas de Música Populares de Galiza que organizamos en ribadeo en novembro do 94, pero entroume a amargura: só o concello -daquela- puxo o hombreiro económico institucional de xeito non limosneiro; os compoñentes da Banda sinfónica de Galiza que dirixiu Marcel van Bree cobraron con moitos meses de retraso as súas dietas, e se non é polo concello -daquela- e pola Federación de Bandas, había ter que pagar eu do meu peto a publicación das ponéncias. Miren agora este libro, pero insisto, a min léanme, con cartos ou sen eles, de páxina para a páxina par. De tódolos xeitos, o pior é que as propostas conceituais de renovación e de modernización que lanzamos naquel congreso, coa bagaxe ribadense como prototipo, estánna despensa mental, sen perspectivas de consumo, da maioría dos participantes foráneos; e van máis de dous anos.
Quería publicar, como se prometeu nas notas do programa do último Aqui como en Viena, a lista de paso-dobres interpretados pola Banda desde o seu debu o 25 de xaneiro de 1992, pero se hai entre os colaboradores do libro que se auto-limita o espácio para non falar de nós, da Banda actual, e si das de antano, conmigo pode a pereza -e o espácio- e non hai lista que valga, porque, pésie ao que digan, é case tan longa como a de Schindler, que musicalmente prefiro.
Releo o anterior e descúbrome algo influído polo exuberante barroquismo literário dalgúns articulistas precedentes (impares) que teñen algún pequeno problema coas comas, os guións, as frases parentéticas e as "aspas" (ouh!, as aspas), pero nengún co espácio. Pésie a que quedei coa directiva de "amadores ..." en coidar eu da edición do volume, non teño vocación e menos capacidade para actuar de censo, nen sequer fronte a un émulo do profesor Quintana que tamén circula entre estas páxinas (e menos mal que, como asertan vários, a música é unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, etc.). Poñerlle a man a algun artigo seria, por suposto, excederme nas miñas atribucións, que hai que confunde con "atributos"; o dos atributos non son eu.
Tamén tiña pensado cantar as exceléncias da Escola Municipal de Música, pero xa hai -no libro- quen lle descobriu unha paternidade oculta e quenexpresamente me recomenda dirixila (e non falo de decretos, falo de algo que se di nesta publicación).
Neste libro fálase por primeira vez de licenciaturas en instrumentos musicais, de títulos de director de banda, de mestres, compositores e musicólogos dos que non sabia. E eu con istos pelos (poucos). Está claro que me teño que reciclar. No entanto, para qué dar outra vez o coñazo coa música de cámara, coa corda, coa Banda Sinfónica... Estudiarei en recollimento, con este documentado libro na cabeceira e os meus eses: Sibelius, Shostakovitch, Strauss...; e igoal discurro un método Stanislavsky (comeza por ese) para a interpretaciónmusical. Prometido.
Quería falar de como case non fumos a Barcelona en Abril/95 e de por que non fumos a Ourense en Xullo/93, pero con tanto patrocinador institucional polo médio será mellor que cale unha vez máis. a min mesmo si que me podo auto-censurar. E non pasará nada porque diga que a tocar ao teatro Colón da coruña, en agosto do 93, levounos a nacionalista Federación de Asociacións Culturais de Galiza, entidade hoxe desaparecida por inanición institucional, entre outras cousas, e que naquel concerto escoitounos e felicitounos a deputada Pilar Garcia Negro.
Destas cousas e dalgunha outras tiña decidio falar cando a Xunta Directiva de "Amadores da Música" ideou tirar este libro conmemorativo do quinto aniversário da Banda. Déixoo para o décimo. A ver se no segundo lustro Eli e máis eu vivemos tempos musicais de fartura, Coté e máis eu fartámonos de cervexas, lalo e máis eu montamos unha ópera (el xa sabe cando), a Banda -con Eva- e máis eu damos unha volta ao mundo de verdade e non só no pentagrama e grabamos o disco dunha puñeteira vez. Daquela, á nena oculta da fotografía da páxina anterior chegaranlle os pes ao chan, e agardemos que todos teñamos os nosos na terra. Asi que pasen (outros) cinco anos.
Todo, claro, se non sego algúns consellos nen sego a Carlos Núñez e á Nova trova Santiagueña cando interpretan xuntos aquela que di...
Hernán Naval
Etiquetas:
banda,
cultura,
Eduardo Gutiérrez,
fotos,
Hernán Naval,
Música,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario