20051207

Falemos de Ribadeo

Aló polo mes de abril publicouse o meu artigo 'O Ribadeo que Queremos'. Dende aquela, outros continuaron na mesma liña. Aínda o pasado día 3 de decembro, en 'La Comarca', A. Torrente (ex-presidente da AAVV de Vilaselán) continuábaa co artigo 'Peligro, no reaccionen'. Se deixamos de lado os escritos de Balbino Pérez contra min, contra José María Rodríguez, contra Adega, etc, poderemos adicarnos a falar de Ribadeo, dos problemas do pobo e non dos do alcalde, que son diferentes. Xa dixen máis veces que non querería que polémicas persoais alteraran a discusión sobre temas importantes de Ribadeo. E así o deixo, despois de ver que o derradeiro artigo de Balbino amplía o número de acusados para diminuír a acusación (é dicir, unha rectificación vestida de insistencia e dilución de culpas), e publícase nun corpo do periódico que comeza con tipos grandes 'La piscifactoría de Rinlo deberá seguir paralizada'. Por certo, que na información baixo ese título dedúcese que Acuinor pode ser indemnizada. Poderá selo polo mesmo Concello que lle eu para adiante?
Se miramos outras obras, e tras ver a proliferación de grúas en Ribadeo, a continua ocupación da beirarúa e rúas anexas do edificio que se está a facer na Avda. de Galicia, a nova de que por fin comezan a chamar a construtores pola posible filtración do PXOM, a multiplicación de urbanizacións que se prevén despois do acordo sobre as catro primeiras no Concello, etc, cabe reflexionar. Podemos preguntar: quen é o gardan do PXOM? (como o fixo un amigo meu) Porque sería o responsable dunha posible filtración. Por que sigue ese plan sen ter uns criterios de base despois de ser pedidos xa antes do verán e contestar o alcalde que algo de eso tería xa para setembro? Porque sería o lóxico que os tivera. Por que o alcalde adianta que non espera retardos no plan polas procuras xudiciais? É que sabe o resultado das procuras? É que foi levar o caso ó xulgado porque a alguén lle deu por aí? Para despistar?
Mentres a mesma Xunta parece poñerse en garda contra a marbellización da costa, aquí durante o verán non fixo senón aumentar a proposta de novas urbanizacións. Tardará en chegar esa correa de transmisión dende Santiago? Pode que, xa que ven de Compostela esa onda, teñamos que esperar pola autovía ou a circunvalación, incluída a saída para a estrada de Vilela. É dicir, ó próximo mandato municipal.
Así, a cuestión parece estar na comunicación: anúncianse cartos para o Parque de San Francisco, pero que se vai a facer? Váise contar coa xente de Ribadeo? Cándo se vai consultar? Outro exemplo: despois de deber contestacións escritas ás preguntas formuladas dende as asociacións, esquécense de contestalas nos plenos. Esperemos que non sexa esa a aposta comunicativa do Concello para o resto de mandato, se ben as sinais non son optimistas.
De calquera xeito, na actualidade, pretender contrastar datos co Concello pode resultar complicado. Sobre irregularidades urbanísticas non sei moito, só vexo e anoto cousas que me chaman a atención. Sobre o tema da movida, vexo, oio, escoito e teño algo máis de información: considero que segue a haber irregularidades despois de múltiples denuncias (que se seguen dando). O anterior, tanto en concesión de novas licencias mesmo contra o aprobado polo propio Concello, como en permitir locais sen dobre porta, sen saída de emerxencia adecuada, sen illamento, ... e negando información ós veciños afectados. Terminou o 'plan' de revisións comezado xa vai tempo polo Concello? Non será porque non fora reclamado.
Neste batiburrillo de cousas que é hoxe por hoxe Ribadeo, o abrir liñas que non levan a ningún sitio parece unha boa técnica de despiste. Por exemplo, non comprendo a que ven que salte á palestra o tema do traslado de posto de traballo dun concelleiro: a controversia sae a flote cando xa está fóra de prazo de reclamacións, polo que parece non reclamou antes, ...
... Mentres o anterior sucede, o novo recheo serve de almacén base para area: esa era a súa necesidade e a súa présa. Contra algo diso se fixo unha manifestación.

Ningún comentario: