20060111

Dende o descoñecemento


Adxunto hoxe un texto enviado para a súa publicación (aproximadamente igual, non igual de todo, que xa lle atopei algún erro). As dúas fotos, a corta invernal no parque, coas árbores romas e o primeiro cargamento en ocupar o novo recheo. Por certo, non se ve no PXOM...




Dende o descoñecemento.
'Cando era feliz e indocumentado'... frase feita para denotar un tempo sen preocupacións, que leva a considerar a falta de coñecementos como unha fonte de felicidade, nuo mesmo sentido que 'ollos que non ven, corazón que non sinte'. Tal parece que as autoridades quixeran esmerarse nesa indocumentación para proporcionar felicidade á xente sobre a que rexen. A cousa é que queremos (non todos, non sempre...) saber que pasa co que nos rodea, e queremos sabelo aínda a costa de complicarnos algo a vida: a liberdade é así.

A presentación do PXOM ribadense na Xunta o pasado día 2 de xaneiro de 2006 deixoume unha sensación de rapidez inaudita en relación ás actuacións do concello. Ben sabido é aquelo de que as cousas de Palacio van despacio, e outras informacións relativas ó PXOM non desmerecen ó dito.

Case parece contradicir as miñas palabras un artigo que vexo no semanario. Nel aparecen diversas afirmacións e frases laudatorias dun ou outro xeito respeto á rapidez e bondade do plan. Non deixo de cavilar nalgunhas das cousas que di. Para comezar, entendo que hai unha confusión, entre 'un lugar máis humano' e un lugar con máis humanidade, é dicir, con máis xente. Humanizar non é cambiar o aspecto de algunha rúa ou circunscribir a circulación rodada a certas áreas. Pode selo tamén, pero non só. E tampouco meter máis xente en relativamente menos espazo significa humanizar; máis ben todo o contrario.

Tamén son citados 'criterios de urbanismo moderno'; mentras, foron pedidos os criterios de urbanización de Ribadeo, sen resposta polo momento. Non me refiro ás leis que hai que cumprir de xeito obrigado na redacción dun plan, senón no modelo, na finalidade que se está a pensar cando se está redactar, ou se non o redacta un, as instruccións que se deron para quen faiga a redacción e nas que se pensa para a súa aplicación.

Fala como se o plan fora feito en Ribadeo por ribadenses, en troques de ser encargado fora. Xúntese a eso o xa dito sobre os criterios. Engádase a afirmación de que o complicado é facer o plan e o sinxelo é aplicalo (nun momento no que aínda falta boa parte do camiño ata que chegue esa fase de aplicación) etc, e non estrañará que diga que as cousas se están a a facer dun xeito inadecuado.

Seguindo, no mesmo artigo aparece o plan como un descoñecido. Por mágoa, non é só eso, senón que está baixo sospeita de filtracións e segue adiante, sufre variacións e non se sabe cales son ... Aparecerá recollida a reforma do parque no que se presentou? Porque na versión coñecida, non. E o ascensor da Atalaia? A fonte da entrada dende A Veiga? A caseta de entrada do porto? O recheo? Cousas que, dun xeito ou outro, están 'xa' na realidade ou pensadas, estanno sobre o papel que vai deseñar o futuro ribadense?. Din que inclúe todo o que a xente recoñece que falta en Ribadeo: Claridade tamén?

Unhas palabras sobre a caseta do porto. A petición para que se pare o tema (que certamente hoxe mesmo está parado) parece depender da circulación, do tráfico, das necesidades actuais. Non dos dereitos. Así, cando se xulgue (e a ver quen vai xulgalo) que a circulación vai marchando, que o tráfico está un pouco máis amañado, aí estará o impedimento para o paso ó porto. Os dereitos? non reclamados, perdidos. Esta reflexión, dun xeito ou outro, pode estenderse a todo o plan: o Ribadeo do futuro, depende das circunstancias miúdas ou de algo máis profundo?

Naturalmente habería que falar de outras cousas; por exemplo, vai sen financiación... normal, non é unha lei con acompañamento orzamentario. Nembargantes, o custe dos servicios derivados de ampliacións ou reformas, ten que saír de algún sitio. É certo, hai que falar de moitas máis cousas que non se poden facer desaparecer á cidadanía. Porque aínda hai dereitos.

... como remate, e relacionado co anterior, unha cita sobre socioeconomía: 'Os recursos naturais como o petróleo, gas, diamantes e outros minerais preciosos fomentan a corrupción, porque os gobernos poden vivir a costa dos beneficios obtidos coa exportación sen ter que pactar coas súas propias sociedades.' Podería pasar algo semellante co urbanismo?

Ningún comentario: