20060108

A nova do hoxe

Que producen tres días seguidos festivos ou semi? que o xornal traia como máximo expoñente da actualidade hoxe en Ribadeo a procura do ganador do soldo de premio de ACISA. Coido que non é moito. Únome á tendencia traendo tres fotos que poden parecer insulsas, pero que coido que van direitas a retraer á memoria a un vello Ribadeo que xa non existe. Teño máis sacada conxuntamente con esas, pero con tres chega, alomenos polo momento. A substracción de ría para o comercio que fai a lonxa mái so edificio 'decorado' pode que apra lembrar máis aínda o que se perdeu non contrastan en absoluto coa nave industrial na outra beira do recheo ou a perspectiva de recheo como base de vista turística da outra foto. E, como base, os aparcamentos, algún máis de 50 dos catrocentros previstos. Un pregúntase, dentro dunha ducía de anos, o novo recheo que suprimiu 100m de peirao para os barcos, terá un aspecto semellante? Ónde se vai ir botando a nova area que se saque da ría, despois de encher (para aforrar custes, botar achegado) a praia en Burela, Os Bloques, o (xa vello) recheo e o novo, recén feitiño? Porque aínda que non dispoñía de cámara no momento, a situación de marea estes días di claramente que o dragado efectuado xa non se nota moito, e os tesóns están tan crecidos como antes de facelo, incluído o máis afectado, fronte ó mesmo Mirasol. Abondan os comentarios despois de ver as fotos.















--
De Hernán Naval, espera de ser colgado no sitio web de Hernán:
Data: 23/10/1993 Fonte: La Comarca del Eo
Título: De interese para afeizoados
Autor: Hernán Naval Parapar
Descrición: Este artigo daba conta de todo o proceso de creación dun centro pioneiro que no seu momento foi moi criticado dende alguns sectores. De feito, a escola estrela educativa do concello e o seu director serían desprezados sucesivamente pola oposición naquel intre e logo no governo.
Comentarios: comentario
De interese para afeizoados, estudantes e... políticos
SOBRE A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA
Hernán Naval
O comezo do calendario de aplicación da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) nos Conservatorios de Música o pasado curso académico, suscitou en diversos sectores a normal inquedanza perante calquer reforma educativa ou política. Menos normal, menos xustificábel, foi o rexeitamento sen análise de moitos profisionais do ensino da música. Tantos, que algúns Conservatorios simplemente non aplicaron o calendario de substitución do plano de estudos de 1966 (ben vello, ¿non si?) e segueron a impartir e realizar exames oficiais e libres de asignaturas que tiñan ficado eliminadas ou substituidas. Incurriron, xa que logo, en ilegalidade, e as administracións educativas central e autonómica, no canto de sancionar aos centros infractores, enmendaron a própria lei para que neste curso que comeza, tais centros, á vista da normalidade académica habida nos conservatorios viciños, aplicasen a LOXSE sen prexuícios negativos. Enténdese, por máis que non se comparte, a oposición dalguns centros e dalguns profisionais do ensino privado da música ao novo plano educativo, toda vez que éste obriga a unha auto-reciclaxe profisional eminentemente pedagóxica, que ao cabo revertirá máis na formación musical de nenos e mozos que nas rentas de cada un. Recuperada a paz musical educativa, e agora que en Ribadeo se abre unha Escola Municipal de Música ao abeiro da nova lexislación, decullaremos algo désta, brevemente, nas liñas que seguen, ao tempo que significaremos alguns aspectos administrativos e académicos da Escola, xa que hai quen califica de inserción publicitaria eleitoral o anuncio do prazo de matrícula oficial no centro...

O Pleno do Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade, en xaneiro de 1992, a criación dun Conservatorio de Música en Ribadeo; inmediatamente, solicitouse a autorización de apertura á Consellaria de educación. Tiven a honra de coordenar, meses despois, a elaboración dun necesariamente minucioso expedente, seguindo tardías instrucións da Consellería. Mais o início de aplicación da LOXSE nos Conservatorios o curso pasado, como se apontou enriba, fixo que o Consello da Xunta conxelase a apertura de novos centros. Daquela estaban solicitados, ademáis do de Ribadeo, aínda que con expedientes elaborados con menos ponderación que o de aquí, os de Padrón e Ribeira. Que Ribadeo cumpría superiores condicións infraestruturais para a apertura do seu Conservatorio non o dicimos nós, senon os responsabeis técnicos da Consellaria; con todo, non se autorizou a apertura de nengun, pésie ao sigue antipócico dos governos municipais das outras vilas citadas.

Aspeito crucial da filosofía da LOXSE en materia musical é a segregación física dos ámbitos de estudo dos graos elemental e medio ou profisional. Querse que paulatinamente os Conservatorios asuman funcions exclusivas de formación de profisionais do ensino, da criación ou da interpretación pública. Isto é, os actuais Conservatorios de grao elemental asumen unhas leoninas condicións de profesorado, locais e equipamento (seis especialidades instrumentais diferenciadas que permitan a posta en marcha duna orquestra de cámara, sá de concertos própria, etc.) para pasaren a ser de grao médio-profisional, ou se reconvirten en Escolas como a que aquí se cria de principio baixo tutela municipal. A función destas Escolas é meridiana: fomentar a afeizón desde a própria prática musical e preparar aos alunos máis dotados e vocacionais para o acceso aos estudos profisionais: en calquer caso, mediante exame de ingreso nun Conservatorio de grao médio. Transitoriamente os Conservatorios, mesmo os de grao médio, deber impartir os ciclos elementais da LOXSE musical, nos que desaparecen as convocatorias de setembro e as de exames libres.

Na Galiza, a regulación das condicións de criación e funcionamento das Escolas de Música recóllese na Orde da Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993, publicada no Diario Oficial de Galiza o 22 de Abril. Convidamos a quen cultive reticencias políticas a consultar os papeis polo miudo. A orde sinal desde os obxectivos docentes ds Éscolas até os trámites precisos para que un Concello, ou unha entidade privada, obreña a autorización de apertura e a inscripción no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galiza. As Escolas autorizadas fican sometidas á Inspección da Consellaria de Educación.

Tamén recolle a Orde unha série de orientacións metodolóxicas a seguer, no organizativo e no docente, nas Escolas de novo tipo, como ésta que nasce agora en Ribadeo da man do Concello. Reitérase nestas orientacións a función de preparación de profisionais futuros. Inciden ao detalle na necesidade do ensino da prática instrumental e vocal de conxunto, algo absolutamente descuidado, no nível elemental no plano de estudos de 1966 . Aconsellan a implantación, de haber matrícula suficiente, da clase de Música e movimento para nenos e nenas entre os catro e os oito anos, asi como a atención a nenos con necesidades especiais.

As novas Escolas de Música, fronte aos Conservatorios elementais tradicionais, gozan legalmente duna série de vantaxes engadidas: non se estabelece límite de idade para a inscripción; o precio da matrícula, ao non constituir tasa pública estabelecida pola Consellería de Educación, será sempre, con toda probabilidade, ostensiblemente inferior ao dos Conservatorios: será moi inferior en todo caso, na Escola Municipal de Música de Ribadeo.

O plano de estudos de 1966 conleva a obtención dun Diploma Elemental nas distintas especialidades instrumentais ao concluir os estudos de grao elemental de respectivo instrumento (catro cursos nos casos do Piano e do Violino, tres no dos intrumentos de vento) máis o 4º curso de Solfexo e o 1º de conxunto coral. Ese Diploma expedido polo Ministerio de Educación, non faculta para o exercício da profisión musical en nengunha faceta, nen na docente nen na concertística; é só un recoñecimento formal da realización dos primeiros estudos de música. Na LOXSE desaparece. A citada Orde da Consellaria faculta ás novas Escolas de música para expedir as próprias credenciais de estudos realizados, os próprios “diplomas” aos alunos que concluan o plano de estudos do centro. Nen os diplomas de antes nen os que agora se permite expedir son un título; só son un recoñecimento formal en papel. Non hai diferencia substancial algunha. Os alunos que por especial vocación ou adicación querian acceder a estudos profisionais, haberán facelo mediante exame de ingreso un Conservatorio Medio ou Superior. Para iso terán de prepararse en Escolas como a de Ribadeo, na que, polo demáis, o profesorado será titulado e a infraestrutura de locais e equipamento plenamente satisfactoria.

A oferta é variada: Piano, Violino, Violoncello, instrumentos de vento, Linguaxe musical, Coro, Harmonia....A matrícula , ben barata. Nada obsta para que estudantes de música que teñan comezado os seus estudos seguindo o plano de 1966 receban nesta Escola de novo tipo as ensinanzas precisas para concorrir a exames libres de Conservatorios tradicionais.

Para concluir este xa demasiado longo excurso, desexo manisfestar con certa contundencia a miña filiación crítica e construtiva á filosofía da LOXSE en materia musical, expresada desde o comezo do proceso: non é o meu un arrimo oportunista a destempo. Durante anos, os profisionais da música deste país reclamaban case ao unísono a reforma musical no ensino seguindo o modelo dos máis avanzados, culturalmente, estilos de Europa. Cando ao cabo veu esta reforma –con lagoas, con imperfecións, pero ao fin veu- racharonse vestiduras porque se pensou que se rachaban petos. “Todo pasa y todo queda”, dixo Machado: que pasen desconfianzas e que fique a música. Estudar música é, desde agora, máis fácil, máis divertido e, ao cabo, máis produtivo. Tamén en Ribadeo.
** Comentario:
Hernán parece que está comezando aquí unha loita. En realidade, é a súa traxectoria vital a que neste momento está levando a cabo unha difusión de ideas en prol da música no país, difusión que neste escrito ten tres frontes definidas:
  1. A política, tratando de calar a oposición polas mesmas normas que dictou o partido no governo en Galicia naquel entón, e oposición en Ribadeo.
  2. A práctica, trtando de enfocar os estuidos de música como cultura mási que como adicación profesional, de saída moi restrinxida.
  3. A de ben local, por comparación entre o que sería a escola de múscia municipal para Ribadeo en relación a un conservatorio que entende que aprotaría principalemnte precios máis altos sen unha recompensa de entidade para o pobo.
Hai que remarcar que aquí exprésase ben ás claras a titularidade da escola e a súa promoción, sendo un texto do que a sinxela lectura despaixoada poderia evitar a polémica xurdida e o enfrontamento a que a escola leve o nome de hernán Naval.

Ningún comentario: