Non se me ocorre outra introducción a estas horas. Por primeira vez decátome de que podo acceder a un periódico xa e atópome que o PP teme que a liña de protección da costa chegue ós 500m. Será que despois de estar en vela varias horas a miña capacidade de xuizo xa non é a mesma (aínda que non sexa recoñecido dano físico por ruído). Ó mellor ó levantarme mañá xulgo a nova de outro xeito; polo momento, non me atrevo a profundizar e paso a un artigo de Hernán antes de deitarme.
Unha nota: detectei un erro de visualización no post de onte. Corrixido. --
Continuando o que comecei en decembro, de Hernán Naval, en espera de ser colgado no sitio web de Hernán:
Data: 1992 | Fonte: Km0 |
Título: Sinal de modernidade | |
Autor: Hernán Naval | |
Descrición: Artigo para a revista do Instituto de Bacharelato „F. Rodríguez de Valcárcel“ no que trata de marcar distancias coas bandas antigas. | |
Comentarios: |
SINAL DE MODERNIDADE
HERNÁN NAVAL
Identificadas coa troula festiva, as Bandas populares sofren aínda un algo hoxe o aponte dun damóclito índice: dianas e alboradas entre nove e doce, procesión á unha, sesión vermouth (antes pezas da misa) ás dúas, concerto (?) ás sete, verbena de dez da noite a tres da madrugada...A soplar!
Vivin desde o atril, infante, xornadas de estío e hastío así. Facíamos cinco horas de autocar. Antes de arrincar co pasa-rúas ou pasa-corredoiras almorzábamos... viño! Tocábamos meio paso-dobre á porta de cada notable local de cuantiosa aportación monetaria á festa. Unha vez, a carón de Vigo, a santa siu tan correndo da capela que a seguemos, en “procesión”, ao paso da marcha militar El turuta. Na provincia de Pontevedra acostumaban a nos grabar os bailabeis do meiodia para poñelos pola megafonía, cal fío musical, durante as primeiras horas da tarde: nunha ocasión, entre-sesteando, escoitamos polos embudos aqueles a voz rexistrada do noso director no meio dun cha-cha-chá, quen amolado pola observación do aperitivo dun clarinetista a piques de se aderir á caña, bramaba: “Tira el chicle, coño!”. Xantabamos con viño. Largábamos unhas galegadas antes de cear con viño. Na verbena quen non durmíamos contra o atril, pasábamos a coitelo a Machín, a Lecuona, ao autor (cuxo nome non lembro neste preciso instante, e non podo demorar a entrega do artigo, senón os bacheleres pasaríanme a coitelo a min) do bolero Piensa en mí, que agora canta a paisana Luz Casal, pero non tocábamos Piensa en mí, que era moderno daquela e que o é agora, e nós, ai, diós! Éramos antigos.
Acabouse. En Ribadeo, corenta e un vimos de facer unha Banda moderna. Somos tan finos que non habemos tocar antes da hora do Ángelus; menos andando; en inverno, a cuberto. Pasamos o que se pode da música funcional e da incidental protocolaria. Se algún día cadrase termos que tocar nun acto de inauguración dun pantano, haberia que atreverse –sentados, of course- con Pompa e circunstancia, de Elgar. Góstanos os paso-dobres, pero máis aínda Wagner; tocamos Airiños, aires! Porque é noso e fermoso, aínda que preferimos o jazz ás muiñeiras. En fin, procuramos a versatilidade contemporánea do vento cando aínda moitos coidan que unha Banda é unha pachanga.
O que aconteceu o outro día en Lugo é produto da anormalidade (ollo!, non dixen sub-normalidade) dun país asinfónico. A excelente Banda Municipal da cidade ofreceu un concerto dominical no Círculo das Artes perante meia dúcia de persoas. A Municipal de Lugo é unha Banda de prestixio, pero hoxe as autoridades non a prestixian. A heroicidade auto-dignificante de se iren tocar ao Círculo fuxindo do frío de xaneiro na Praza de España pagárona tocando para o mármore. Deben insistir, sen embargo. Os músicos das Bandas non teñen por que conxelarse (conxélase Perales, gañando máis, sabendo menos?), nen por que abrir bóchegas en pes e beizos tocando pasa-corredoiras ou pasa-rúas interminabeis. Ser moderno é ser digno e que te escoiten, todos sentados. Ser moderno é tocar Wagner e non popurrís tabernarios, Bernstein e non El gato montés. Ser moderno é tocar na Banda de Ribadeo, donde, por riba, pasámolo bárbaro. Sen viño? Piensa en mí.
Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):
Hernán Naval, escritos e prensa VII
Hernán Naval, escritos e prensa VI
Hernán Naval, escritos e prensa V
Hernán Naval, escritos e prensa IV
Hernán Naval, escritos e prensa III
Hernán Naval, escritos e prensa II
Hernán Naval, escritos e prensa I
Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses
Ningún comentario:
Publicar un comentario