... lóxico, si, claro. Pero non vai moito que me enterei aínda que o vira o ano pasado nunha propaganda do Concello citado de pasada. Resulta que os hórreos como os da foto, tomada en Vilaselán, os dese estilo, chámanse 'hórreos estilo Ribadeo'. Certamente, teñen unha feitura que se diferencia claramente dos da Terra Cha ou dos das rías baixas, así como dos cadrados que se atopan xa ben metidos en Asturias. Nembargante, na zona hai invasión tamén de otros 'estilo Mondoñedo', menos numerosos pero abundantes, que parecen máis pobres e endebles. Cales foron antes, non o sei: non vin con abonda profundidade a clasificación do tal 'Frankowski' onde se fai esa distinción. Pero parece claro que o que podía facío do estilo rico, o 'Ribadeo'. E é que Ribadeo ten fama dende vai tempo de 'raigame e abolengo', vila de influenza na corte (naturalmente, en relación coa súa importancia poboacional) e ela mesmo con aires de grandeza. Os numerosos escudos, dos que se fixo un vídeo xa vai anos (Paco Rivas lembro que participaba dalgún xeito, aínda que non do principal) así como o número de casonas testemuñan esa importancia.
Estou a preparar unha pequena presentación sobre Ribadeo, que titulo 'Ribadeo falls' (Ribadeo desmorónase) sobre as casas do casco vello que necesitan amaño. Cando esteña lista, poñerei un post avisando e enviareina a quen quera, algo máis de 20 fotos nun arquivo de non moito máis de 1Mb con algo de letra, licenza CC e en principio, en formato nativo de Open Office (... se alguén o quere pasar despois a outro formato usando o Open Office...)
* Unha nota sobre Frankowski, para quen esteña interesado: Hórreos y Palafitos de la Península Ibérica (1918) de Eugeniusz Frankowski
--
De Hernán Naval, espera de ser colgado no sitio web de Hernán:
Data: 4-5-6/11/94 | Fonte: Congreso de Bandas Populares de Galiza |
Título: POLA MODERNIZACIÓN | |
Autor: HERNÁN NAVAL PARAPAR | |
Descrición: Pode servir como idea do texto o seguinte comentario „DEBERIA SER TEXTO OBRIGADO DE ESTUDO NOS CONSERVATORIOS E ESCOLAS DE MÚSICA ASI COMO DE LECTURA OBRIGADA PARA DIRECTORES DE BANDA. E O RESUME DA SITUACIÓN QUE NON VARIU DENDE O ANO 94 E DENDE A MORTE DE HERNAN NINGUEN QUIXO VARIAR TAMPOUCO“ | |
Comentarios: -
|
POLA MODERNIZACIÓN
Hernán Naval
Nos ámbitos do pensamento avanzado sempre se estimou sintomáticamente progresista a capacidade humana, individual ou colectiva, para modernizarse, sobre todo cando a cotidianeidade nos colle distáncia e entramos na zona de perigo do aillamento e da ancoraxe na anacronia. Andando a artellar este Congreso, un xornalista perguntounos se seria o obxectivo do encontro dar coa dirección de saída dunha suposta encrucillada na que se atoparían as Bandas populares na Galiza; respostamos que antes de optar hai que saber entre que optar, e que entón o que pretenderia o Congreso seria levar ao colectivo á encrucillada antes que sacalo dela. O feito nada anecdótico de que non se teña rexistrado nen unha soa comunicación libre (sabemos do proxecto dunha baseada nunha espécie de enquisa sócio-cultural que ao cabo non se concretou porque as Bandas requeridas a informar non cumpriron co compromiso de entregar en tempo os impresos da enquisa) (*), o dado, dicimos, ou mesmo que a montaxe da exposición documental paralela o Congreso fose máis laboriosa do que puder aparentar ao non enviaren moittas Bandas o material solicitado, dá triste conta do mundo taifático (“a nós axúdanos a Deputación, pasamos da Federación”) ou auto-complacente (“fixemos vinte festas en Agosto”) en que viven na Galiza finisecular as Bandas Populares de Música. Un mundo –discúlpesenos- valorecido.
Nós temos un ideario alternativo, que esta ponéncia quer sintetizar; se quixemos –e por iso pelexamos- organizar en Ribadeo este Congreso non foi por razóns de promoción turística, senón porque pensamos que deste barco, que viaxa con tanto retraso, débense salvar todos os pasaxeiros, mesmo quen, feliz e indocumentadamente, pense que vive no mellor dos mundos posibeis... Asumimos esa intención modernizadora mentada; desde os seus presupostos, e recoñecendo con amargura que nisto das Bandas Galiza si dá as costas a Europa, lanzamos estas nosas propostas co aval empírico do humildemente feito en Ribadeo desde hai menos dun lustro.
Dignificar as actuacións das Bandas
Descrebamos unha estampa. Ás dez da mañán dun caluroso dia de verán, perto de cuarenta persoas de idades comprendidas entre os dez e os sesenta (!), uniformemente vestidos con camisa branca e garabata cor viño e armados de aboiados metais Rott e desvencixadas madeiras Noblet, adoptan unha formación militar de catro en fondo; fero o ademán, un seu Director ordea o ataque do paso-dobre (con gaitas obrigatto) O Chopo. A foto recolle entón o comezo dunha xornada laboral para esas dúcias de persoas na que non importará o feito de que menores de idade realicen traballos que a UNICEF condearia ou que o produto final do traballo, a música, sexa, en boa lóxica, de escasa calidade. Porque virán hora e pico de dianas e alboradas por rúas, estradas e se se tércia corredoiras da vila ou parróquia en festa,, para visitar a casa de don Fulano que deu moito para as festas (máis vilego e disimuladamente nobre é desprazarse até o asilo de ancianos, pobres); apurarase o tempo nos últimos tramos, para chegar en tempo á consagración da misa cantada (pode ser campestre) para “tocar” a Marcha Real...Hai xa beizos que comezan a sangrar cando sae a procesión, que con sorte dará a volta á igrexa pero que con má sorte darálle dúas voltas ao povo. Pero non hai problema, porque antes das pezas da misa (“sesión vermouth”; hai pretenciosos que lles chaman concerto), os músicos, os de dez e os de sesenta, terán tempo para un grolo de ribeiro. Naturalmente, o xoven trompeta fallará no só de El sitio de Zaragoza porque machacou o beizo no flamante pasarrúas, e o cañonazo do bombo e redobre da caixa estarán acompañados de sereas de autos de choque. A xantar, e a beber. Zarzuela ás oito, ou antes, para o cultivo ególatra dos eruditos melómanos locais, nada máis, porque axiña comezarán os pases de verbena até case o mencer...; é imposíbel tocar ben aquí chegados, e é unha sorte, porque como se faga só regular hai que desfilar ao son etílico dun paso-dobre de andar arredor do campo da festa...ás catro da mañá!.
Sí, estamos a marcar esaxeradamente os caractéres do cadro. Efectivamente, hai Bandas que teñen modernizado a súa indumentaria, os instrumentos son cada vez mellores, e andando tócase moito, demasiado, Baixo a dobre águia. Se cadra só na provincia de Pontevedra se mantén a tradición de tocar nas verbenas...Máis a secuencia esquemática dunha actuación dunha Banda galega en verán un día de festa segue a ser: tocar para despertar, tocar para honrar santo patróns, tocar para enxugar o aperitivo, tocar para bailar. A Banda, na Galiza, toca para que a escoiten as menos das veces.
Absterémonos absolutamente de enxuiciar o porqué de carácter económico que podan esgrimir as agrupacións que manteñen estes hábitos contractuais, e non nos interesan as histórias de diferencias na retribución deste “traballo” entre músicos dunhas Bandas e doutras en virtude dunha lealísima competéncia. Oque está claro é que a situación non pode constituir alicente artístico para nengún xoven; e se o constitue en princípio, acabará dexenerando economicamente e provocando a coñecida sangría: xóvenes músicos feitos en Bandas van parar ás orquestriñas de baile, donde gañan moito máis (felizmente, isto ocorre cada vez menos). Como for, nen artístico nen económico o alicente, o músico ábrese coa primeira excusa (os estudos, a mili, a moza...).
Infelizmente, hai institucións públicas que fomentan a persisténcia deste método de actuación das Bandas; as Deputacións, verbigratia, participando en distintos tantos por cento (segundo os respectivos convénios provinciais) na financiación das actuacións das Bandas nas celebracións festivas de vilas e aldeas, seguindo en moitos casoso constatados critérios clientelistas (Lugo) tanto na seleición de lugares como de agrupacións. Pola contra, non promoven a actuación das Bandas dentro das programacións culturais de concellos (deses concellos que tan pomposamente exiben ao seu técnico de cultura ou animador sociocultural) ou asociacións nas que participan, en inverno, época de letargo ou morte cíclica de moitas bandas, e en local pechado.
Reducir as actuacións incidentais
Eis a nosa alternativa: reducir até o razoábel as actuacións de carácter incidental, protocolario e mesmo exclusivamente lúdico. Ninguén obxecta nada a unha entrada en marcha na praza donde logo se vai oferecer un concerto a un público sentado ou alomenos non aturdido por nengún tiovivo, pero soprar da Alameda á Quintana, labirinticamente, é un exceso, por moi vistoso que lles resulte aos turistas xacobeos...O cauteloso mantenimento de certas tradicións (independentemente do seu valor antropolóxico) aconsella que toque a Banda na procesión (curta, por favor) do Patrón da Vila, na de Corpus se as donas contra o cáncer logran desatar presión social, e todo o máis no Santo Enterro como sincero agradecimento ao párroco por che deixar a igrexa para os teus concertos durante o ano (ali donde a deixan), pero tocar sete procesións en tres días na Semana Santa de Viveiro (e na de Lugo, en en Ferrol...) é un disparate, por moita solfa que requira a devoción popular e teña o atractivo turístico que teña a Paixón do Noso Señor.
Cando o Rei de España visite Ribadeo a Banda ha tocar a Marcha Real, pero non cada vez que se alce un cáliz...Co Hino galego inaugúrase unha rúa ou clausúrase un Congreso, pero fai que á túa Banda a escoiten, en concerto, os peatóns ou os congresistas, porque ensaias co cultivo cultural nos miolos.
En fin, trátase de dar co ponto de equilíbrio que conxugue unha tradición interpretada con patróns culturais (e os seus feitos consumados) coa modernidade e o progreso social.
A función social das Bandas de concertos
E unha Banda moderna e progresista é a que é capaz de se erixir en todo intre en colectivo axente cultural, con iniciativa instrutiva e intelixéncia nas formas.
A situación administrativa da maioria das Bandas populares antóllasenos idónea e maleábel, por máis que sempre perfeitíbel, para os propósitos que neste ponto queremos expoñer. Na maior parte dos casos unha entidade civil de tipo asociativo promove o conxunto e recaba o apoio, mesmo absoluto, da institución local. (Non entra nos propósitos desta ponéncia a análise, sequer superficial, das fórmulas administrativas posibeis para dotar ás Bandas de Director –presumimos unánime a opinión de que ha ser profisional- e equipamento instrumental mínimo; particularmente defendemos a maior implicación posíbel dos concellos, o Director con dedicación exclusiva e obrigas didácticas e ensaístico-concertísticas, etc.)
A asociación como cerne da Banda serve para a súa organización e administración, pero tamén hase marcar, lóxicamente, uns obectivos culturais e sociais alén de que cuarenta persoas amenicen festas. O esencial, ao noso entender: a actividade concertística pública, de carácter gratuito, como elemento de difusión cultural e traslación a públicos emerxentes (non sempre ao “maduro” público de Banda) dun traballo docente prévio con persoas específicamente interesadas no coñecimento empírico do fenómeno musical técnicamente, por máis que a maioría desas persoas desexe manterse en todo intre no ámbito do afeizoado praticante ou do dilettantismo, e que senterán, co concerto ben organizado e o público agradecido, o valor do seu traballo de estudo e de prática, case sempre ímprobo; non cobrarán moito por un concerto asi, ou non cobrarán nada, pero a satisfación intelectual auto-subscitada será abrumadoramente maior que a gratificación económica de dúas ou tres mil pesetas por andar un kilómetro tocando até a casa de don Felisindo que deu moito para as festas e ao que non lle gusta a música.
Hoxe, estimamos, a conceición dunha Banda ha ser a dunha moderna Banda de concertos. Concertos encardinabeis nas programacións culturais dos concellos ou de máis altas institucións, concertos promovidos pola própia Banda, concertos en réxime de intercámbio con outros conxuntos de similares pretensións sócio-culturais...
A situación cultural de Galiza non permite que a maioría dos seus habitantes teña acceso regular a concertos en vivo de música clásica. Excusaremos nengún longo excurso ao respeito. Sinalar entón que as Bandas concebidas como apontamos sono para ocupar un lugar intermédio, culturalmente, entre as programacións de concertos clásicos que podan ter lugar na Coruña, en Compostela ou en Vigo, e a penosa situación ao comezo da nosa intervención descrita. Isto é, institucions e asociacións deben programar con regularidade e periodicidade razoábel concertos de Bandas de Música nunhas determinadas condicións: en local pechado se non é verán (mesmo en época estival, algúns concertos, por razóns do programa, deben ter lugar en recintos pechados: auditórios, igrexas, salóns de casas de cultura con suficiente aforo para o público e cenário para a Banda, etc.), imprimindo programa de man con notas informativas e formativas, publicitándoos intensa e elegantemente, coidando a orde en todo intre. Estaráse incidindo socialemnte, formando e sensibilizando a un público predisposto a escoitar e non só a folgar de calquer xeito.
O repertorio
Naturalmente, non serve o repertório máis tradicional, os mesmos paso-dobres e as mesmas paráfrases de zarzuela desde hai médio sécula ou máis. Afortunadamente, son xa ben delas as Bandas galegas que nos últimos anos se teñen aberto a outras músicas interpretabeis por elas: as versións de bandas sonoras, as obras orixinalmente escritas para orquestras de vento, obras absolutamente modrnas, etc. Pero coidamos que non abonda co descobrir que en Holanda están as mellores editoriais de música para Banda e que a través de Valéncia pódennos chegar os catálogos. Hai que pulir o criterio. E non estamos a apelar a unha renúncia absoluta á tradición, donde a peana dos maxistrais paso-dobres Ponteareas ou Lugo-Ferrol está blindada, senón ao seleitivo desterro de moita rapsódia populista e moito bailáble chabacano. Iso, non cair no populismo, é un reto que as Bandas debern asumir con audácia. A experiencia está a demostrar que a intelixente combinación en programa das músicas citadas (de cine, orixinal para Banda, moderna) coas trancripcións de obras sinfónicas, mantendo en menor proporción páxinas moi seleitas do repertório considerado tradicional, cria paseniñamente un novo publico para a Banda, fundamentalmente xoven (canto tempo a xuventude –como público, non como músicos partícipes- se mostrou reticente coas Bandas!), sen perder en absoluto ao sector tradicional, sempre arelante de, por exemplo, un schotis.
En coeréncia coa opinión antes expresada de qque hoxe as Bandas, na Galiza, deben cumprir unha sobranceira función de dinamización social e formación cultural de emisores e receptores, a preséncia en aumento nos programas de concerto das Bandas da música clásica universal, maiormente a través de trancripción das páxinas sinfónicas, é case unha obriga ética, política: estamos a falar da educación.
As Bandas nos médios de comunicación
Até este momento, resistimos a tentación de adobar a nosa mensaxe con recurrentes exemplos extraidos da experiencia ribadense (a polémica das procesións, os concertos de programación estábel na igrexa, o que vimos de dicer sobre o repertorio); aínda que queiramos darlle carácter de tese ás nosas palabras, folgan, por máis que estemos dispostos a comunicar ponderadamente as nosas expereincias a quen por elas se interese. Agora, sen embargo, váiseme permitir que conte, sequer polo atallo, o noso paso pola Televisión de Galiza. Como outras Bandas, a de Ribadeo foi convidada a participar nunha emisión do programa “Galicia enteira”, cando éste se emitía en directo. Hai disto un ano exactamente. De contado, mostramos o noso total desinterese, toda vez que o noso estilo non conxugaba en demasía, máis ben en nada, co do programa. Os responsabeis déste libraron unha auténtica batalla diplomática para conquerir que acudisemos; nós, e representantes do Concello, quen tampouco eran proclives á participación por razóns semellantes ás nosas. Aceptamos ao cabo, mesmo viciñalmente presionados. Cando comunicamos a nosa intención de tocar, nos pouco máis de tres minutos oferecidos, a versión de Johan de Meij da banda sonora de Memorias de Africa de John Barry, volveron os problemas. Que o programa cenificaba unha espécie de festa no povo ao que se dedicaba a emisión, que o que entón pegaba era un paso-dobre ou outro aire ledo, que Out of africa era preciosa pero que non pegaba na tele, etc. Claro que a peza por nós escollida non pegaba, pero era representativa do noso quefacer, que tampouco pega nese programa e, se me apuran, en nengún programa da TVG. Aceptamos ir, logo esiximos que se nos aceptase a obra a tocar. Aceptaron malamente. Obviarei detalles organizativos lamentabeis. A Banda saiu ao final cos créditos sobre-impresionados. Se cadra o único posotivo da experiencia foi que os apresentadores se visen obrigados a apresentar á Banda e a obra, enon simplemente deixar tocar á música da festa, desa súa festa, con baile de convidados e todo cando o programa se dedicou a outras vilas. Poucos meses despois fumos convidados a facer un play back no programa “Luar”. O problema non é tanto o play back como “Luar”, como a propia TVG, esa ordinariez audio-visual. Educadamente dixemos non. Non sei se nos volverá chamar para máis nada.
Falamos ao comezo da dignificación das actuacións das Bandas, e a súa presencia na TVG non está a ser, case nunca, digna. Pero excusamos laiarnos diso se afinal, por uns segundos catódicos, facemos o que nos manden. A modernización pola dignificación depende de nós.
Non hai na TVG –e non hai na TVE e moito menos nas cadeas privadas- un espacio específico, dentro da franxa cultural, dedicado ás Bandas, como ocorre con Rádio Galega, da que inmediatamente diremos algo. O desinterese do médio áudio-visual público da Autonomía polo que é a máis importante das manifestacións culturais populares no ámbito musical –as Bandas, sí, as Bandas de Música Populares- é total e absoluto e estase a demostrar no seguimento, nulo!, que está a facer a TVG do Congreso que estamos a celebrar en Ribadeo; nen a rolda de prensa oferecida... en Santiago!... hai quince días acudiron... Un ponto diferente é o caso da Radio Galega (donde sí se dixo algo, aínda que velocísimamente, da apresentación do Congreso en Rolda de Prensa), por máis que conceitualmente, polo xeral, sexa igoal de ramplona a súa programación que a Televisión autonómica. As Bandas de Música Populares de Galiza deben, colectivamente, expresar o seu agradecimento a don Avelino Abuin de Tembra (e aos xóvenes que hoxe continuan co seu espacio dominical) polo seu labor de anos de difusión da música de Banda, pola súa apoloxía das Bandas...; este Congreso se cadra sexa a tribuna desde a que manifestar esta consideración.
As grabacións
A propósito. Todos lembramos os constantes lamentos de Abuin pola escasez de grabacións de Bandas disponibeis e mesmo pola escasa calidade da maioría das que hai. Moitas das emisións radiofónicas eran de expresa grabación para o programa, case sempre en locais (sás de festas, igrexas, centros sociais...) da mesma vila da Banda. Afortunadamente, moi recentemente teñen mellorado algo as condicións: á própia RTG dispón dun estudo de gravación que pode albergar unha Banda en case óptimas condicións acústicas e técnicamente ben dotado, e algunhas Bandas (moi poucas) teñen descoberto o mundo do compact-disc fronte ao da casette abrasiva de bar de carretera...
O problema da financiación
Ao fío dos custosos compact-disc imos falar dos cartos brevemente. Brevemente, porque o problema –que é o que son os cartos para as Bandas, un problema- é absolutamente político. E xurde axiña unha cuestión de sintonia. Estamos a defender, desde que comezamos a falar (e desde que hai anos comezamos a bregar propagandísticamente polas Bandas), a modernización. Ociosa tarefa, sob risco de cair na puerilidade, se parella á modernización das Bandas non vai a modernización, de dirección política, do país, e por extensión, a de toda a sociedade galega en todos o s ámbitos culturais. Dicíamolo ao comezo: modernizarse é avanzar. Sinceramente, dubidamos que a actual situación de correlación política sexa favorábel ás Bandas: non hai máis que reparar no xeito de investidura do Presidente...Na memoria de todos está, supoñemos, a gran movilización reivindicativa das Bandas galegas a finais de 1991. Teñen transcorridos tres anos e ten habido comícios autonómicos por médio: ten mudado algo a situación?, debe a Federación de Bandas exibir a mesma demanda financieira? Reservandonos algunhas valoracións particulares ao respeito (mesmo dados de concreción improcedente nesta intervención), apelamos aos congresistas á reflexión colectiva, no deebate de despois, sobre eses e outros interrogantes.
Hai análises sinalados polo óbvio. Montar unha Banda de nova criación require recursos financierios que as sociedades promotoras, por si soas, non poden asumir (profesores de educandos, director, instrumental pesado, uniformes, etc), e moitos concellos tampouco. Renovar, desde a modernidade, tamén aquí, a Percusión dunha Banda de vello é algo que non poden acometer todas as interesadas. E cuarente novos uniformes, elegantes e non pailáns? (Para aforrar, segueremos os responsabeis de todas as bandas delinquindo ao fotocopiar partituras e materiais que, mercados, poden fundir o presuposto anoual ao respeito –as que teñen presuposto para partituras- nunha so adquisición). Etcétera, etcétera, etcétera. É cara a modernización. É carísima. Nós defendemos a centralización total das subvencións da Consellaria de Cultura ás Bandas na Federación, entidade que é susceptíbel de calquer crítica que non sexa infantil e que ademáis é perfeitamente fiscalizábel por todos nós. ¿Por qué? Porque hai políticos que pensan que a modernización que algúns defendemos estaba antes financiada polo KXB e agora pola CONSEO... É broma , o que ocorre é que ás veces importa máis a aniquilación (económica, social) do discrepante que a própia Cultura...
A neutral Federación debe ser quen concentre e arbitre. (Igoal función deberán cumprir, teóricamente, as seccións provinciais da propria Federación, e acabar con eses clientelares convenios coas Excmas. Deputacións Provinciais...).
Concluiremos este incómodo e delicado capítulo, o dos cartos, reiterando que a fórmula asociativa pode se rpara s aBandas máis que o obrigado requerimento para legalizar colectivos ou para federalos (ou mesmo para intentar lexitimar inútilmente escandalosas subvencións particulares...), ou o ardide para eludir o pago do IVE. Un esforzo especial por alcanzar un número considerábel de sócios (en Ribadeo, “Amadores da Música” case chega aos 800, pero é o melómano e auto-estimado Ribadeo..., e descúlpesenos máis unha vez a alusión ao próprio), pode supór unha humilde pero en absoluto despreciábel fonte de ingresos.
Apoio crítico á LOXSE musical
Imos dar cabo á nosa exposición, xa demasiado longa, cunha brevísima reflexión sobre a controvertida Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo no ámbito musical.
Fronte a sectores do profesorado que no intre do comezo do seu calendario de aplicación paulatina puxeron en marcha os resortes corporativistas para intentar frear non unha ordeación coa que se discrepaba en aspeitos técnicos, senón unha lei que afectaba aos chiringuiños particulares dubidosamente docentes pero absolutamente rentabeis (lémbrese a polémica sobre a anulación dos exames libres...), fronte a istos, dicimos, nós, coñecidos os rudimentos da lei (en materia musical, insisto, non analizamos nen valoramos a parte da reforma referida ao ensino xeral primário ou secundario), manifestamos desde un comezo o noso apoio. Na teoría (con labor difusora en público vivo e nos médios de comunicación) e na prática (abrindo, en Ribadeo –perdón-, a primeira Escola Municipal de Música recoñecida pola Consellaria de Educación, con Decreto de autorización no DOG incluido, de Galiza). A razón: axuda á modernización xeral do ensino da música, singularmente na Galiza terceiro-mundista, e de xeito substantivo no eido das Bandas de Música Populares.
Sempre se dixo que as Escolas ou académias de “educandos” das Bandas Populares galegas foron durante lustros os verdadeiros Conservatorios de Galiza (teno dito até no Parlamento, recurrentemente, o profesor Xosé M.Beiras); delas sairon, sorteando múltiples dificultades, extraordinarios instrumentistas de vento que logo tiñan que revalidar os seus coñecimentos e a súa destreza nos Conservatorios oficiais. A LOXSE, agora, permite a formación reglada dos músicos nas Escolas Populares e o seu acceso, chegado o caso, aos estudos profisionais dos Conservatorios de Grao Medio ou Superior coa mesma consideración que un pianista, que un violoncelista ou que unha soprano. O menor custe en investimento dunha Escola Municipal de Música que o dun Conservatorio, pero con planos de ensino a nível elemental comparabeis, fai que nos centros primarios que defendemos (sen renunciarmos ao Conservatoriomedio para os aspirantes a profisionalización) poda aumentar o plantel de profesorado (canto tempo se andivo con só o Director multi-usos!) e a oferta de especialidades instrumentais (a corda, ouh!, Ribadeo...), e con maiores médios en equipamento, locais, etc., se a implicación dos Concellos é sobranceira (Ribadeo, Ribadeo...).
Ademais non se trata de nada novo. O modelo é importado. Importado dalí donde a modernización non tardou tanto (Alemaña, Holanda..., que emularon a tempo o sistema soviético triunfante en Cuba: a ver até cando!).
Remato donde comecei, no apelo á modernización como expresión dun progresismo conceitual. Abandoar as corredoiras e os pantalóns con cinta de purpuriña. Tocar por sensibilidade cultural colectiva e non para que Cacharro –que non puxo un peso para facer este Congreso- gañe outra vez... Tocar Ponteareas, pero tamén a sinfonía de de Meij que imos escoitar hoxe pola Banda Sinfónica de Galiza ou as Variacións para Orquestra de vento e órgano Hammond de Schönberg. Tocar na Televisión se nos garantizan a decéncia. Grabar con calidade se damos artellado un sistema de financiación mixto (institucións públicas-entes asociativos) que nos permita facelo con Timbais Premier e Tubas Miraphone (é un exemplo) nos que saibamos tocar moi ben porque na Escola Municipal de Música trabállase arreo, con bons profesores, con entusiasmo...
Ser progresista hoxe, ser moderno, é adentrarse con audácia, sen perxuícios e sen complexos, nos territorios sinalados no mapa debuxado nesta ponéncia, territórios inéditos, polo de agora, para moitas, demasiadas Bandas de Galiza. Este Congreso pode sinalar o comezo do democrático asulagamento deses territorios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario