20060204
Hoxe toca... educación!
Hoxe trae o periódico que aumentan os casos de expedientes por indisciplinas educativas. Xa estou afeito a escoitalo, e imos con moito retraso respecto a outros lugares. Neste caso, retraso saudable. Nembargantes, que apareza na prensa que se alerta sobre a situación non me parece ben. Coido que po propio sería ir ás causas e tratar de atallalas, e coido que eso se está a facer de xeito moi deficiente.
O seguinte tamén é de educación, e vai precisamente sobre o atallar de xeito social (como se está a facer e a necesidade de facelo) algunha habitude considerada como antisocial: tamén trae que se impoñen (polo momento de xeito non definitivo, poden interpoñer recurso, etc) dúas multas de 6200€ a dous locais de Ribadeo por deixar entrar menores. Como a nova é pouco explícita, pasei ó DOG e resulta que a) son 3100 a cada local. b) a nova foi publicada no DOG por non poderse comunicar de xeito direito de primeiras. c) os dous locais son o mesmo, sito en avda. de Galicia 8, pero baixo diferente denominación de titularidade: Ribalider e Skorpio, que é o nome que soa máis. Éntrame a dúbida de se será pagada a multa correspondente despois de ver as circunstancias que remato de expor.
E, de carambola, outra sobre educación, neste caso, libre: ó ir ver o DOG, decátome que o sumario aparece en formato .odt. Explícome: O 'Open document' é un conxunto de formatos para textos, follas de cálculo, etc, aberto, non propietario, que está a usarse cada vez máis e que se pode abrir e facer gratuítamente por exemplo con Open Office, un conxunto de aplicacións informáticas totalmente gratuíto, descargable na rede para linux, windows, etc, e de código aberto e libre. Pois ben, parece que xa se está a usar na adminsitración galega, con abondo adianto sobre o que eu pensaba que sucedería. Por certo, a min abríuseme direitamente no navegador, no Mozilla firefox, unha versión xa algo vella, un navegador libre, de código aberto, licenza gnu, etc. que se pode descargar na rede e que avanza na carga de páxinas en xeral máis rápido que o típico MSexplorer.
Máis? Si, hoxe as novas son moitas. A parte de que se vaia a comezar hoxe a homenaxe a Suso Peña, Alfonso Rodil pregoará o antroido, segundo se anuncia. Para min, xa era hora,pois é un dos clásicos da comisión do antroido en Ribadeo. Na ligazón, uns cantos pregóns (hai máis na wikipedia, a raíz dun libro que fixemos no IES Porta da Auga e que tamén está nas súas páxinas, con outros máis). É educación esta nova? Non moito, pero por eso metín 'pola porta de atrás' as publicacións do IES, nas que contribuíron alumnos.
E unha nova que me deixa descolocado: Acisa quere que Ribadeo sexa 'estación náutica'. Non sei ben o que é eso, pero parece que sinalaron en contra que 'non ten unha oferta de ocio diversificada'. Significa que teremos algo máis que botellón e movida? Entón, por min, en principio, benvida. De calquera xeito, tentarei enterarme máis...
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario