20060212

Ribadeo, sábado noche


    Quen vexa o blog, notará a hora de apunte. Tamén notará que non é a única volta que edito a esta hora. Ben, o motivo: o ruído. E por hoxe, non comento máis.
    Naturalmente, os xornais a esta hora aínda non saíron, polo que ando escaso de novas. Comento pois a foto.
    Como pode verse, non é de Ribadeo Pero a situación ilustra ben o que pasa en moitas circunstancias en Ribadeo: unha norma xera un aviso, neste caso unha prohibición, e non se cumpre e non pasa nada. A sinal de prohibido aparcar di: 'en toda a praza Santa María', é dicir, en toda a extensión que se ve na foto e máis que non se ve. O cartel debaixo dela axusta: 'excepto puntos autorizados', e vése que a beirarúa da esquerda éo. Pero non o mesmo punto onde se axusta a prohibición, ou o situado á volta, ou o que se ve ó fondo. Como se ve, Ribadeo non é único, pero nalgúns destes desaxustes é modelo. E ale, a estas horas, que é o mellor que se pode facer? Pode que redactar unha denuncia polos máis de 60 dB que estou a soportar nestes momentos. Ou por todas as que xa teño feito e o Concello non atendeu. Non o sei aínda. Queda moita noite e hai tempo; mañá pola mañá virán as consecuencias de falta de sono, irritabilidade etc; hoxe, agora, os síntomas son diferentes.
--
Continuando o que comecei en decembro, de Hernán Naval, en espera de ser colgado no sitio web de Hernán:

Data: 10/7/99

Fonte: EL PROGRESO

Título: O “MONEY” DE MARTA SÁNCHEZ

Autor: HERNÁN NAVAL

Descrición: Xenial ou non? No fondo, a idea de sempre, que podemos explicitar con algo de pompa: a gastar moreas de cartos en merdas varias e a escola nin un peso porque a dirixe un roxo comunista mason e cheira a xofre...

Comentarios:

O “MONEY” DE MARTA SÁNCHEZ

O pasado mércores, de mañán, despois de “dopparme” de café cal corredor do Tour para fortalecer as neuronas perante as emocións que me pudera deparar a leitura dos xornais (sabia que o concerto de maña á noite fora apresentado a víspera en rolda de prensa), abrin istos directamente polas páxinas que incluían a cobertura do acto informativo no que interviran a víspera un responsábel da programación do concertos do Xacobeo e máis o concellal de Cultura de Ribadeo, o revalidado Manuel Valín. Eu quería coñecer os números.

Efectivamente, as informacións recollían algunhas destas sumárias cantidades: un cenario de 12 por 25 metros, 5.000 sillas... Pero faltaba a cifra que un, e ben sei que algunha outra xente, procuraba na leitura: os dous díxitos que desen conta da cantidade de millóns do orzamento dese delírio musical titulado “De Roma a Santiago” que mañá terá lugar, se o mal temppo non o impide, na praia dos Bloques de Ribadeo.

Non, o dirixente xacobeo e o concelleiro ribadense non subministraron dado algún sobre o custe da merenda, ou os xornais non os recolleron. Pola contra, o xestor xacobinista – que non xacobino – prodigouse seique en explicacións sobre as enormes dificultades que entrañou relacionar musicalmente Roma con Santiago, Galiza con Itália. Desde a profisión, comprendémolo. Non sabemos de muiñeira algunha composta por Luigi Nono, aínda que tampouco sabemos se entre os condeados a morte en campos de concentración nazis que escreberon os familiares e amigos as cartas nas que se basea “Il canto sospeso” habia algún galego. De Casella tocan os nenos e nenas das escolas de música aires de inspiración continental diversos pero nengun de influxo galego ... que saibamos. Mágoa que Verdi non soubese – ¿ou si? – do Rexurdimento literario galego, que aparcaba a Dumas e colocaba á Violetta de “ la Traviata” no barrio chino lugués. Monteverdi, en fin, escrebiu “la incoronazione di Poppea”, non se lle ocorriu compoñer “la incoronazione di Alfonso X il Sabio.

E como non había para onde ir, Albano. Nen sequer Marta Sánchez, caída do cartel a última hora. (Conceitualemnte non hai perda algunha pola baixa da Sánchez: o máis mestizo e paneuropeo que se lle ten ouvido cantar, de nova, era unha trepidante versión de Lili Marlen, canción que tamén caantaba Liza Minelli en Cabaret, película na que tamén cantaba “Money...”Conceitualmente, non pasa nada porque non veña Marta Sánchez; conceitualmente repetimos) ¿Qué hai de Albano? ¿Qué canta últimamente? ¿Qué gravou recentemente? ¿Actuou xa no Luar? En prata, señores, ¿quen o atura? Maña, nos Bloques ¿”en directo”?

O “money”, o parné, velaí a cuestión. Non puidemos saber o que custa – o que nos custa - a metafórica viaxe “musical” entre Itália e Galiza, entre Roma e Santiago parando a comer sardiñas nos Bloques de Ribadeo, pero xógome o diapasón a que coa décima parte do montante da ordinariez de mañá a noite poderíase dotar de fotocopiadora e ordenador á Escola Municipal de Música de Ribadeo e aumentar o seu cadro de personal cun administrativo-ordenanza con outro profesor ou profesora. Máis o conceito de divulgación musical da Xunta é máis “guay” (en prata, señores, máis paleto!): agasallan á xente con camisetas coa mascota xacobea e cun disco “Idea original de Alberto Comesaña”. Que hipérbole!: pensar que o que paira o Comesaña de Lugo poda ser calificado de idea ... O da camiseta amañase con lexía.

Habia, sen embargo, outra cifra, outro número nas informacións xornalísticas: os peregrinos chegados a Compostela no que vai de ano, 600.000, segundo o voceiro Xacobeo. Nen que dicer ten que a maioría deles mercede a Concertos no Camiño como o de mañá en Ribadeo, na praia dos Bloques, vaia se non. Non se molesten o representante xacobeo nen Manuel Valín en descontar do público a quen mañá á noite marchemos tomar unha copa á beira asturiana da ría.

Ningún comentario: