20060317

Achégase o macrobotellón


Era cuestión de tempo que cundira a moda dos minimacrobotellóns. Despois das vilas grandes, as máis pequenas tiñan que emulalas debido ó doado da 'organización'. Parece que está convocado un para hoxe en Viveiro. De seguro que non reúne a tanta xente como o de Sevilla, pero o principio sociolóxico é o mesmo: unha identidade de grupo a rebufo dalgunha causa, no caso dos pequenos pobos posiblemente só a emulación xunto coa costume permitida de facer botellón en pequeno grupo. Parce que dende o concello o achacan ó éxito das noites alternativas. Se é así, a min non me parece precisamente un éxito e irían no mesmo senso que me temía cando falei dunha posibilidade das de Ribadeo do outro ano: acostumar á xente a saír de noite e máis tarde. É dicir, promocionar a movida, o que non sería un 'dano colateral', senón máis ben 'o tiro pola culata'.
Por sorte, que se chame á xente para vinte diferentes lugares ó ancho de España (en cidades) parece que alonxa un pouco a posibilidade de que en viveiro (ou noutro sitio calquera da zona) o botellón aumente desorbitadamente frotne a outra fin de semana calquera. E chama a atención dun fenómeno que se cita a favor deste tipo de organización por parte da xente nova: a parte das posibilidades económicas, o reunirse charlando sen o ruído infernal de discotecas e pub. Estaremos ante un cambio de fondo en relación ó ruído?
Sitos para organizalo? En Ribadeo non faltan, e a futura fonte, marcada xa no chan na foto (sei que se ve mal...) pode ser un deles. De calquera xeito, e á vista dos trazos marcados no chan, pregúntome se comezará a obra antes de ter rematada a de San Francisco e Pasarón y Lastra.
--
Un texto en relación a Hernán (coido que xa rematei os que tiña preparados de Hernán, haberá que ir premarando máis):

Data: 5/8/00

Fonte: La Comarca del Eo

Título: O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

Autor: BNG Ribadeo (nota informativa)

Descrición: nota informativa no semanario local sobor do seu interese cara a escola de música. Da que pensar que fora o mesmo ano que Hernán se apresentou coma candidato ao Senado pola provincia de Lugo

Comentarios:

O BNG acusa ao governo municipal do PP de irresponsábel e desleixado

O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

O pasado sábado, os concellais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistraron nas oficinas do Concello un escrito cunha serie de preguntas dirixidas á Alcaldía para que ésta explique no próximo pleno ordinario da Corporación por qué o Concello de Ribadeo non realizou dentro de prazo os trámites para obter un ano máis á subvención que a Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria viña outorgando á Escola Municipal de Música de Ribadeo. O Grupo Municipal do BNG considera que se debe “a absoluta incúria do governo municipal” do PP e ao seu desinterese polo presente e futuro deste centro educativo, posto en funcionamento a finais de 1993, antes de que o PP governase en Ribadeo. O texto asinado por Eduardo Gutierrez, MariLuz Alvarez Lastra e Fernando Suárez di literalmente o seguinte:

“O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribadeo, ao abeiro do Regulamento de organización, Funcionamento e Réxime xurídico das Corporacions Locais, formula á alcaldía, para a súa resposta en pleno, a seguinte pregunta:

No Diário Oficial de Galiza (D.O.G.) do 21 de xullo pasado publícase unha Orde da Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria pola que se conceden subvencións a escolas de música públicas. No anexo II á citada orde relaciónanse ás escolas ás que a Consellaria denega a axuda con indicación da causa da denegación, aparecendo a de Ribadeo porque “a solicitude foi presentada fóra de prazo”.

A Escola Municipal de Música de Ribadeo, en funcionamento desde 1993, foi unha das primeiras escolas criadas e a primeira en entrar en funcionamento ao abeiro do desenvolvimento autonómico do artigo 39.5 da Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), que contempla legalmente a criación destes centros delegando nas administracións autonómicas a específica regulación das condicións da súa posta en funcionamento (Orde da Consellaria de Educación do 11 de marzo de 1993).

Pésie a funcionaren desde 1993, até o curso 95-96 non convocou a Consellaria subvencións para estes centros. Desde entón, a Escola Municipal de Música de Ribadeo veu obtendo discretas axudas anuais. O pasado ano concedeuselle unha de arredor de 1.200.000 pts, que, pésie a súa cativeza, era das máis cuantiosas concedidas a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Ao noso grupo municipal solprendeu que este ano a subvención sexa denegada por un aparente erro administrativo, extremo do que se fixo eco a prensa diaria. Por todo isto é polo que formulamos á Alcaldía as seguintes preguntas:

- ¿Foi elaborado en tempo e forma o correspondente expedente para solicitar a subvención e simplemente foi enviado fóra de prazo ou o non cumprimento do prazo sinalado debeuse a demoras na elaboración do expedente?

- ¿Qué documentación esixe aportar a Consellaria para optar as axudas?

- ¿Realizou a Alcaldía ou algún membro da equipa de governo municipal algunha xestión directa perante responsabeis da Consellaria de Educación con posterioridade ao envío fóra de prazo da solicitude da subvención a fin de intentar solventar o aparente erro administrativo?

- ¿Por algunha razón non tiña a Alcaldía e o Governo Municipal interese en obter a axuda para a Escola Municipal de Música este ano, daí o desleixamento á hora de tramitala?

O alcalde Andina e máis o Concelleiro Delegado de Educación Manuel Valín deberán dar conta na próxima sesión plenária da súa actuación, que o BNG califica de “irresponsábel e desleixada”.

Ningún comentario: