20060303

Cartos

Ontes din que veu o Delegado provincial de educación, e trouxo a confirmación de varias melloras nos centros educativos, entre elas, pintar a escola de música (31000€) e poñer doble ventanal ó Porta da Auga (23000€). Non comprndo como o primeiro vale máis que o segundo, pero parece que é así.
Vai uns días vin un chiste nun periódico, asinado por Máximo: estaba Deus razoando e dicindo algo así como '... e entón dixen: fáganse os cartos. E ise foi o meu erro...' Lembreino agora a causa da nimiedade das obras nos centros educativos ribadenses, pero pódese usar en situacións moito máis comprometidas, verdade?
De calquera xeito, voltando ás novas, a principal internacional é que India e EEUU van comaprtir secretos sobre a bomba atómica (lectura particular, ningún titular probablemente diga eso), e aí os cartos só teñen parte da importancia (pode...). Hai que ver ó sr. presi do imperio facendo tratos sobre armas nucleares con outro país que xa as ten e polo tanto pode facerse impoñer e non permitindo que as consiga outro terceiro porque a el non lle da a gana. A rememorar que a India e os EEUU non se levaban precisamente ben ata onte, coma quen di.

A foto é de Cabanela. Está en obras o anfiteatro de alí abaixo, pero non se sabe nada na prensa (alomenos que eu vira) Por que, que van facer ou canto tempo van durar son cousas que descoeñzo. O caso é que viña de fotografar casas vellas para completar a reportaxe fotográfica do mes pasado, e atopeime co tema. Por certo, que non lle vin ningún cartel ilustrativo da situación.
Unha nota: Recibín un comentario idiota, pero ofensivo. Terei un empo deshabilitada a opción... os que me coñecedes, podedes facerme os comentarios por outros medios.
--
Un artigo de Hernán...
Data: --/01/1996 Fonte: web do libro V aniversario BMR
Título: Así que pasen cinco anos
Autor: Hernán Naval Parapar
Descrición: trátase do artigo escrito por Hernán para o libro do 5º cabodano da banda. Hernán pasa revista rápida o que foron os cinco primeiros anos e soña cos seguintes. A ter en conta que un comentario fóra do libro editado perde parte da riqueza que ten nel, pola scircunstancias de edición.
Comentarios: Sairá outro día
ASÍ QUE PASEN CINCO ANOS
Aviso inicial para leitores sagaces: este artigo comeza e acaba en páxina par, isto é, aberto o libro, ollemos á esquerda. Non en balde foi un membro do comité Central do PCP que xestionou a participación da banda que ate hoxe dirixo no Festival Internacional de Bandas Amadoras (amaters) de Loures (Portugal) en Novembro de 1995. E de tocar na mesmísima Lisboa ocupeime eu. Non vaia pensar ninguén, tras a leitura da penúltima plana deste heteroxéneo libriño, que só se accede á glória pasteleira dende unha das beiras. Lembro con saudade unha viaxe a Madrid con Eduardo gutiérrez en Decembro do 94 para conseguirmos que a banda tocase na capital do Estado un mes despois (no Auditório de La Vaguada, no Hotel Foxá e... na Praza Maior!) sen arruinarnos de todo. O que leva chovido! (que lles pregunten aos de Múrcia...).
Este meu artigo, esta miña canción, leva letra, mesmo desde o título, de arrebatado bolero paixoal: "de lo que pudo haber sido y no fue".
Queria rememorar cun ponto de ponderación o congreso de Bandas de Música Populares de Galiza que organizamos en ribadeo en novembro do 94, pero entroume a amargura: só o concello -daquela- puxo o hombreiro económico institucional de xeito non limosneiro; os compoñentes da Banda sinfónica de Galiza que dirixiu Marcel van Bree cobraron con moitos meses de retraso as súas dietas, e se non é polo concello -daquela- e pola Federación de Bandas, había ter que pagar eu do meu peto a publicación das ponéncias. Miren agora este libro, pero insisto, a min léanme, con cartos ou sen eles, de páxina para a páxina par. De tódolos xeitos, o pior é que as propostas conceituais de renovación e de modernización que lanzamos naquel congreso, coa bagaxe ribadense como prototipo, estánna despensa mental, sen perspectivas de consumo, da maioría dos participantes foráneos; e van máis de dous anos.
Quería publicar, como se prometeu nas notas do programa do último Aqui como en Viena, a lista de paso-dobres interpretados pola Banda desde o seu debu o 25 de xaneiro de 1992, pero se hai entre os colaboradores do libro que se auto-limita o espácio para non falar de nós, da Banda actual, e si das de antano, conmigo pode a pereza -e o espácio- e non hai lista que valga, porque, pésie ao que digan, é case tan longa como a de Schindler, que musicalmente prefiro.
Releo o anterior e descúbrome algo influído polo exuberante barroquismo literário dalgúns articulistas precedentes (impares) que teñen algún pequeno problema coas comas, os guións, as frases parentéticas e as "aspas" (ouh!, as aspas), pero nengún co espácio. Pésie a que quedei coa directiva de "amadores ..." en coidar eu da edición do volume, non teño vocación e menos capacidade para actuar de censo, nen sequer fronte a un émulo do profesor Quintana que tamén circula entre estas páxinas (e menos mal que, como asertan vários, a música é unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, etc.). Poñerlle a man a algun artigo seria, por suposto, excederme nas miñas atribucións, que hai que confunde con "atributos"; o dos atributos non son eu.
Tamén tiña pensado cantar as exceléncias da Escola Municipal de Música, pero xa hai -no libro- quen lle descobriu unha paternidade oculta e quen expresamente me recomenda dirixila (e non falo de decretos, falo de algo que se di nesta publicación).
Neste libro fálase por primeira vez de licenciaturas en instrumentos musicais, de títulos de director de banda, de mestres, compositores e musicólogos dos que non sabia. E eu con istos pelos (poucos). Está claro que me teño que reciclar. No entanto, para qué dar outra vez o coñazo coa música de cámara, coa corda, coa Banda Sinfónica... Estudiarei en recollimento, con este documentado libro na cabeceira e os meus eses: Sibelius, Shostakovitch, Strauss...; e igoal discurro un método Stanislavsky (comeza por ese) para a interpretaciónmusical. Prometido.
Quería falar de como case non fumos a Barcelona en Abril/95 e de por que non fumos a Ourense en Xullo/93, pero con tanto patrocinador institucional polo médio será mellor que cale unha vez máis. a min mesmo si que me podo auto-censurar. E non pasará nada porque diga que a tocar ao teatro Colón da coruña, en agosto do 93, levounos a nacionalista Federación de Asociacións Culturais de Galiza, entidade hoxe desaparecida por inanición institucional, entre outras cousas, e que naquel concerto escoitounos e felicitounos a deputada Pilar Garcia Negro.
Destas cousas e dalgunha outras tiña decidio falar cando a Xunta Directiva de "Amadores da Música" ideou tirar este libro conmemorativo do quinto aniversário da Banda. Déixoo para o décimo. A ver se no segundo lustro Eli e máis eu vivemos tempos musicais de fartura, Coté e máis eu fartámonos de cervexas, lalo e máis eu montamos unha ópera (el xa sabe cando), a Banda -con Eva- e máis eu damos unha volta ao mundo de verdade e non só no pentagrama e grabamos o disco dunha puñeteira vez. Daquela, á nena oculta da fotografía da páxina anterior chegaranlle os pes ao chan, e agardemos que todos teñamos os nosos na terra. Asi que pasen (outros) cinco anos.
Todo, claro, se non sego algúns consellos nen sego a Carlos Núñez e á Nova trova Santiagueña cando interpretan xuntos aquela que di...
Hernán Naval

Ningún comentario: