20060316

Dar que falar


Hai momentos nos que as acusacións choven por todos os lados, sexan ou non certas. A última é que me ofreceron instalar dobre ventá na miña casa e o rexeitei porque non quero solucionar o problema. Como é un artigo na prensa e teño experiencia que non son reflexo fiel dos feitos, non comento máis que que a miña casa vése abondo ben dende a rúa, e calquera pode observar como son as cousas, os elementos estructurais, etc. E que me refresquen a memoria para ver cándo a min se me ofreceu algo. Noutra orde de cousas, resulta curioso que digan que non hai ruído e que asemade digan que me teñen ofertado illamento...
--
Aí vai un artigo meu publicado o 10/06/03; coido que ás veces cambiar de tema non é nada malo... :

Unha de títulos.

Ás veces, acumúlanse os posibles artigos a escribir, porque tamén se acumulan os desexos, ante a falta de tempo e a velocidade que leva este endiablado mundo en globalización dalgunhas cousas e particularización asimétrica de outras (ás veces, e sen contrasentido, das mesmas). En substitución, aquí van algúns títulos que me gustaría ter escrito, acompañados cun pequeno comentario de que vai (de que iría) cada un deles

“De 'quen se mova non sae na foto' a 'a letra con sangue entra'”: título para sintetizar dez anos, o paso dunha época que xa cadra lonxe na nosa política á actual, na que se segue ese vello lema que algunha vez se usou na nosa educación, pero a nivel bestial: o das bombas, con sangue a raudais.

“Despois de”: un título que nos levaría a contemplar as cousas a auga pasada. Así, non xa o “non á guerra” senón unha pregunta , ¿pero que estades a facer en Iraq? Ocupación, violación da Convención de Xenebra, control do petróleo, dar unha “lección ó mundo ... ou tódalas cousas anteriores ó tempo. Tampouco sería “estamos furiosos polo Prestige” senón “queremos ter as responsabilidades claras sobre o Prestige” e “¿que fixechedes para evitar un novo desastre no futuro? Porque é agora cando hai que facer o nunca máis.

“Ciencia e conciencia: balance desequilibrado”. Sobre a orientación social que se pretende no futuro da humanidade e a guerra de Iraq; gran desenvolvemento técnico e moral acomodaticia.

“L'etat, c'est moi”: Coa prevalencia hoxe por hoxe do inglés fronte ó francés como idioma de relacións diplomáticas, estamos a esquecer algúns retacos de historia aproveitable en francés. Por exemplo, aquela na que o Rei Sol dicía que o estado era el, símbolo absolutista, ou aquel outro “todo para o pobo pero sen o pobo”, que tiveron vixencia ata que o pobo se rebelou, e que parecen o traslado a outra época do que está a suceder hoxe por hoxe en España e boa parte do mundo.

“Yo creo en la esperanza” é o título dun libro sobre a fe escrito xa fai tempo por José María Díaz-Alegría. Neste caso o artigo trasmutaríase na esperanza dun mundo mellor, en momentos nos que parece que se derruba non o mundo, senón o futuro do mesmo.

“Entre Sun-Tzu e Clausewitz”. Un repaso ó arte da guerra á vista da invasión “dos vinte días” (como xa se lle comeza a chamar) en Iraq, reparando tanto nas causas como no desenvolvemento á vista dos dous teóricos desta “arte”.

Parece que todos os títulos irían enfocados a un tema, pero non. Hai para outros, como por exemplo a educación:

“Currás, ¿que nos fas?”, resposta a unha carta do Conselleiro de Educación, contradictoria co deseño educativo teórico da súa propia Consellería, que defende a educación para a paz.

“Galicia calidade e a lei de Calidade Educativa”, sobre o significado da palabra calidade.

Ou sobre outros temas variados:

“Entre a praia das Catedrais e as catedrais en primeira liña de praia”. Creo que o título é abondo indicativo para calquera que viva cerca dos desastres urbanísticos costeiros.

“Unha noticia. Éxito e ampliación da pasarela catro calles”, sobre a ampliación dun xa non tan recente desenvolvemento urbanístico en Ribadeo.

“Algúns silencios contra o Papa e declaracións a favor do Pepe”. Desviacións e desvariacións na xerarquía eclesiástica mindoniense sobre política.

“Por reducir el ruido, la luna”, crítica á nova campaña do Ministerio de Medio Ambiente a través do lema, cecais dirixida ós que loitamos contra o ruído e quereríannos enviar á lúa.

...

En fin, pode que baixo algún deses títulos aínda escriba algún artigo. Aínda que pensándoo ben, sobre eles, non me apetece facelo senón para dar saída a sentimentos como rabia ou tristura.

Ningún comentario: