20060309

Ribadeo transitable


Parece que en poucos días desbrozáronse e están transitables varios quilómetros da antiga vía do ferrocarril no termo municipal de Ribadeo. Santirso de Abres e a Pontenova xa o fixeron vai moito, e entre ambos, é transitable de xeito completo. Aquí tamén se podería seguir, se ben é certo que hai tramos que están cortados pola actual estrada e é máis dificultoso, pois lévase falando do tema un decenio alomenos. Da gusto pasear polos tramos recuperados por alí arriba; é unha invitación ó sifrute da calma na natureza.
Potenciar rotas como a do tren viría ben nun momento no que os hostaleiros se teñen reunido (martes) interpreto para algo así como 'recuperar credibilidade', voltando a mencionar os positivos (segundo eles) aspectos económicos que trae a movida. De outros aspectos, é necesario unha sentencia para que se recoñezan, e de outros máis, aínda falla o recoñecemento. Dos beneficios veño oíndo falar vai moito. Se alguén non os coñece, podo explicarllos.
A mimosa caída o pasado fin de semana, parece máis bonita así, pero en poucos días, caso de non ser retirada, morrerá.
--
Unha de Hernán:
Data: 14/11/98 Fonte: la comarca del eo
Título: APRACEN A VERBENA: QUÉDOME
Autor: Hernán Naval
Descrición: artigo escrito como reacción a decisión de non concederlle a compatibilidade laboral para que poidera simultanear a subdirección da escola de música da Coruña, no que se manifesta a voluntade de continuidade da súa labor pola música en Ribadeo.
Comentarios:
APRACEN A VERBENA: QUÉDOME
Hernán Naval
Na tarde do pasado martes comuniquei aos responsabeis do Consórcio para a Promoción da Música (Orquestra Sinfónica de Galiza) e do Concello da Coruña, promotores da Escola Municipal de Música da Coruña, a miña decisión de non me incorporar ao centro como docente e Sub-Director, como me tiñan proposto. A Escola coruñesa, un magno proxecto educativo e de divulgación musical de orzamento millonario, entrará en funcionamento inmediamente, en canto rematen as probas públicas de seleición de profesorado e máis a s importantes obras de remodelación dun grande edificio ubicado no casco vello da Coruña. Coñezo de perto todo, tanto o proxecto educativo, plasmación prática do discurso que nos últimos anos veño defendendo sobre ensinanza musical e promoción da música, como os pormenores práticos da súa realización: mantiña conversas cos responsabeis do Concello coruñes e da O.S.G. desde hai semanas. Debo agradecer públicamente a comprensión amosada polos representantes municipais coruñeses e do ente sinfónico ao coñecer a miña decisión final de non ocupar finalmente a Sub-Dirección da Escola Municipal de Música da Coruña, toda vez que o Pleno da Corporación Municipal de Ribadeo, mercede aos votos dos membros do Partido Popular e do concellal “independente”, e a inintelixíbel abstención dun concelleiro do PSOE, non me concedeu a compatibilidade do meu posto de traballo que solicitaba, pois tal era a miña pretensión: continuar á fronte da Banda Municipal de Ribadeo e da Escola Municipal de Música, a tempo parcial, e aceitar a proposta coruñesa. Naturalmente, renunciando a unha redución salarial en Ribadeo de case o cincuenta por cento (renuncia ao plus de incompatibilidade, pérdida de varios niveis no plus de dedicación, redución salarial global proporcional á redución de xornada laboral, etc), e contando co informe de Secretaria avaliando a legalidade e a viabilidade da miña pretensión. Folga mostrar a miña gratitude aos concellais do BNG, os únicos que votaron a prol da compatibilidade laboral que solicitaba.
2º Non podo obviar unha reflexión pública, sequer breve, sobre o dito no Pleno do pasado luns, 9 de novembro, por parte do alcalde de Ribadeo, don José Carlos Rodriguez Andina, e sobre a atitude dos concelleiros do seu partido. Lamento non poder conter a afirmación vehemente pola miña parte de que o Alcalde comportouse cinicamente. Primeiro aludiu á posta en funcionamento da Escola no anterior mandato municipal, mesmo querendo expresar unha certa conformidade coa súa criación, cando o certo é que el e os membros do seu partido combateron na sombra a posta en marcha do centro; Andina, daquela na oposición (outono do 93), mesmo realizou comentarios despectivos de cara a Escola en médios de comunicación. Máis logo falou da actual Relación de Postos de Traballo municipais e das consideracións obxectivas que deben primar na descripción dos mesmos; faltoulle lembrar que a descripción do posto 0601, de Director da Banda, foi o instrumento seu, hai dous anos, para me obrigar autoritariamente a permanecer na Dirección da Escola Municipal de Música, cando eu tiña apresentada a dimisión polo desinterese, a desatención e mesmo o desprécio á Escola amosado polo actual Alcalde. En definitiva, cando quixo mostrar recoñecimento á miña dedicación á Escola e á Banda, ás “moitas horas que fai Naval, máis das que debe”, e cando dixo con ironía chulesca que se eu era “un luxo” mellor non prescindir de min nen por unhas horas, trataba de rirse de min; non importa.
3º. O grave é que o señor alcalde, no Pleno do pasado luns, ríuse de todo Ribadeo cando afirmou que el, como Director do Instituto de Bacharelato, a pesar de Alcalde, estaba no centro todos os días. O martes, entre as dez e as once da mañan, chamei ao Instituto coa intención de felicitalo por ter o sangue tan frio: non estaba. Que o Alcalde me desprecie e se ria de min non ten a maior importáncia, que se ria de todos é cuestión máis séria.
4º. Teño dito que o Alcalde non ten a menor confianza en min. Por suposto, nengunha no ámbito personal, pero tampouco no plano profisional. Díxeno até esgotarme cando en xuño do 96 apresenteille a dimisión como Director da Escola, perante o seu deseinterese pola mesma, e o Alcalde botou case tres meses sen abrir a boca ao respeito, até que por decreto, sen mediar diálogo, me obrigou a seguer dirixindo a Escola dos seus tormentos. Segue igoal. En nengún intre, no transcurso do debate plenário, estimou as consideracións profisionais por min argúidas –contidas no documento aportado como argumentación miña para obter a compatibilidade-, moitas delas apresentadas pensando no mantenimento e mesmo mellora dos servizos da Escola, e desde logo no benefício da Banda. Se así for, non tería acusado ao portavoz da oposición, e xa que logo a min, pois o portavoz do BNG apoiou os meus argumentos, de subxectivo, apresentándose el, Andina, como o defensor do interese público. O interese público, señor Alcalde, no referido á Escola Municipal de Música, tería pasado por que as xestións mínimas para un normal comezo do curso que lles prantexei en agosto e que a vostés correspondían, estivesen realizadas en tempo e forma antes de outubro, cousa que non ocorriu; en atención ao interese público, a estas alturas os profesores da Escola terian que ter asinado o correspondente contrato para comezaren a perceber as súas remuneracións, sobre todo despois de teren feito vostés, no seu día, bandeira da regularización da situación deste personal, por non falar das constantes mostras de incompetencia, xa non desinterese, que, verbo da Escola e da Banda, mostra de cotío o concelleiro que ten para istos menesteres menores; se o interese fose de vostés, e non só meu e do público, quizáis eu non tivese que escreber este comunicado.
5º. En todo o tempo que, en virtude do meu posto de Director musical, me tiven que relacionar con Rodríguez Andina como Alcalde e con Valín Valdés como concelleiro de Educación e de Cultura, mantiven sempre unha atitude de escrupuloso respeito institucional, antepoñendo a isto únicamente, cando foi necesário, a dignidade da Banda e da Escola como entidades públicas, por min promovidas, ao servizo dos cidadáns. Ninguén poderá dicer que politicei nunca o meu traballo. Serei un profisional regular ou mesmamente malo, pero son un profisional íntegro. Nen Andina nen Valín poderán negar que, pola miña parte, sempre houbo entrega, colaboración, xenerosidade. Habíaa, institucionalmente, cando eles eran oposición; hóuboa cando foron governo. Observadas as súas mans e as dos concelleiros do PP no Pleno do pasado luns, votando en contra de que pudera compatibilizar un traballo artístico en Ribadeo con outro semellante na Coruña deixando de perceber unha parte moi sustancial do meu sálario en Ribadeo, non podo dicer que, por parte deles, houbese nengunha correspondéncia. Pola contra, actuaron con critérios políticos...contra min, coñecida e nunca ocultada a miña militáncia política na beira contrária a súa. Non votaron en beneficio do interese público, non: votaron para agredirme políticamente.
6º. Como dixen, quédome. Pésie a Andina. Teño un labor que rematar aquí. Coa Banda, á que teño ilusionado con novos e máis importantes proxectos. E coa Escola, para facer dela a mellor Escola de Galiza despois da da Coruña. Así pois, señor Alcalde, señores do PP, garden en seco os foguetes e apracen a verbena. “Ao enemigo que fuxe, ponte de prata”, pensaron. Pero non vai desta. Terei, seguramente, outras oportunidades de promoción profisional na miña carreira.
E se non, vostés non bailan no meu enterro.

Ningún comentario: