Os luns non son moi propicios a nada por mor do cambio de actividade. No meu caso, e vou insistir unha volta máis, menos aínda polo tema do descanso finsemanal. Nembargantes, a semana pasada deixou algunhas cousas por rematar no blog, e aínda que pouco, a algunha dela me queria adicar.
Así, sorpresivamente atopeime coa petición de diálogo por parte dos propietarios de pub, se me apunto á interpretación dalgún periodista.
Diálogo, si. Pero... Deixando a parte que non recibín ningunha convocatoria nese sentido nin de concello nin de pubs, pregúntome, diálogo? con quen? cándo? cómo? sobre que? ... E é que tras trece anos de protestas un non ten só a pel máis correosa e máis mala uva aínda que loite contra eso, senón que tamén ten máis prevención.
Cos puberos ou co concello? O lóxico sería co concello, aínda que invitara tamén á xente dos pub. Nembargantes, xa comentei que os reunira a eles (por n volta) sós. E se os dos pub consideran 80 ou 90 locais e se xuntan 30, quen vai facer a convocatoria? Aqueles que actúan pola zona ou todos? os que fixeron xa algunha reforma ou os que non fixeron ningunha? Os que xa me teñen amezado ou os que non? En fin, é luns e a redación non se me da ben despois do día de san Patricio celebrado a noite anterior polo de enfrente e o sábado (a noite de) celebrada ó día seguinte.
Cándo? Despois dasentencia que apreta e tenta de restituír unha situación que nos trece anos non deixou de empeorar a pesar dalgunha conquista legal sobre o papel e algunha dobre porta? sóname a eso de acorrala primeiro e fai o que queiras, que cando o outro non poda facer nada podes ser bó con el impoñendo a túa vontade: cando comecei era un local. Hoxe xa non sei cántos contar...
Sobre que? xa teño dito que se é sobre a sentencia, sería perda de tempo. Sobre a legalidade? non, sería unha tontería. Sobre a adecuación á legalidade? despois de anos dicindo dende diversas consellerías que as competencias son municipais e o propio concello que é a rúa quen fai ruído, o galimatías que teñen montado é seu.
Cómo? Aínda que foran só trinta, coido que sería non digo desequilibrado, senón un maremágnum á hora de falar.
O dito, diálogo si, pero non é 'veña, xa, que temos présa' despois de 13 anos e sen ver outro xesto que dicir 'queremos diálogo' mentras se di que protesta pouca xente ou que se teñen trescentos empregos. Por certo, aínda non sei o 'censo' de afilidados á seguridade social; ó mellor esto tamén lles ven ben ós empregados.
Mágoa de non ter tempo. O estudo do tema do diálogo requiriría moito máis do que aquí lle adico.
--
Ó mellor non ven a conto, pero... (publicado o 24/04/97, unha parte está referida a Fraga, por unhas declaracións daquela época)
¿A quen insulta? ou “TINA ataca de novo”
Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.
¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.
Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.
Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.
E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario