20060409

Aproveitemos os ramos

Hoxe é Domingo de Ramos. Pensar que se fai con eses ramos e de ónde se cortan, a maioría das veces por satisfacer só unha visión social sen outro respaldo máis que o propio locemento cáusame un certo desasosego. E eso que coido que vai minguando, tanto polo número de xente que a practica como polo tamaño dos ramos e o coidado con que se collen. Pásaseme pola cabeza: 'gostaríame interpelar a Xesús para ver que lle parece esta parafernalia'.
Afirmo o anterior vendo pasar xente que chega tarde ó acto con ramos, e xente que volve pola rúa, tamén con ramos, pero sen acudir á misa. Empregaránse as follas como condimento ou sinxelamente tiraranse o rematar o ano e seren substituídas por outras novas? Está visto que pola cabeza dos humanos poden pasar moitas ideas referidas a un mesmo tema, pois tanta diferencia se observa con só botar unha ollada a unha manifestacón como a da bendición dos ramos.
Pode que a min mesmo me veña este tema hoxe máis a man precisamente porque ontes (8/4/6) houbo en Foz unha reuión para constituír a 'Coordinadora de defensa do litoral'. Estaba presente na Casa do Mar focega xente de diversas asociacións con outros a título individual, abranguendo diversos puntos da Mariña.
Quedouse en que unha pequena comisión fixera un comunicado de prensa e para a administración dando fe do nacemento deste colectivo plural no que polo momento non se atopan partidos políticos e no que a asociación que tivo a idea é sinxelamente unha máis: o importante é o cumprimento da misión. Misión que hai que perfilar aínda, pero que se pode resumir en apoiar a legalidade en relación co mantemento da natureza na Mariña, impulsar novas normativas protectoras e orientar e mentalizar a cidadanía para poder levar a cabo o manemento do mellor xeito posible, sen perder de vista a posta en valor do medio natural neste noso litoral e o desenvolvemento sostible do mesmo. Asemade, tamén se apoiará que o día mundial do medio ambiente a manifestación galega se celebre en Ribadeo.
É dicir, preténdese que o grupo se manifeste sinxelamente por medio das súas accións, comezando co apoio á celebración dese sinxelo acto en Ribadeo como chamada de atención do que está ocorrendo e pode seguir a ocorrer na Mariña. Non será doado, pero hai que dar os primeiros pasos para poder continuar. Haberá que chegar a acordos con industrias e forzas sociais, haberá que deseñar unha auténtica estructura, perfilar os obxectivos, mover á cidadanía, ... queda moito por facer, como sempre que se da un primeiro paso. Lembrando a Machado, 'fáise camiño ó andar'.

Ningún comentario: