20060401

Mantemento, para que?

Para que o mantemento se somos afeizoados ás novidades? Se algo se fastidia, algo novo. O vello, non serve.
Un pouco de ironía como a que amosei xa algunha vez sobre temas semellantes: cáese o vial ó faro e, tras tardar tres meses en determinar a quen corresponte (entre portos e concello anda o tema, portos propietario, concello mantemento) como é complicado o amaño, pensase nun novo vial, con expropiacións posiblemente. As filtracións de auga pola pendente inadeucada do vial e a cuneta sen desaugue, deso non se fala, Será que non interveñen en nada para o derrumbe? Será. Con cousas así, xa case resulta extrano que se pense en pintar o mirador do cargadeiro, despois de anos de necesidade.
(...) continuará (...)
--
Como a feira da ciencia xa vai estando preparada, un artigo vello relacionado con ela (22 e 23/1/98):
A ciencia, na casa

En toda sociedade hai cousas que se fan ``na casa´´ de xeito exclusivo ou preponderante. Son eses feitos os que teñen funcións máis íntimas, e, nese senso, máis vitais no propio transcurrir das persoas. É evidente que a ciencia non ocupa un lugar nese mundo máis interno, ó menos en xeral: non se realiza de xeito preponderante, nin está presente na maioría dos casos no fogar.

Nembargantes, de continuo pode aludirse a ela dende aparellos ou accións que alí se realizan. Algo que nos parece tan lonxano da vida diaria como a noción física de campo ou a relatividade do movemento son elementos presentes nesa nosa cotidianeidade. De feito, en Ribadeo estase a preparar a IV edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía, que estará volcada de xeito preferente a aplicacións da ciencia no fogar, ou, correlativamente, ó estudio cunha visión científica de compoñentes elementais ou accidentais das nosas vivendas. Neste, como noutros moitos casos, trátase de achegar a ciencia que nos atopamos por dondequeira que miremos á realidade de tódolos días, esta vez meténdose polos resquicios que deixa a nosa propia porta. ¿Como?. Na ciencia, nos seus diversos aspectos, case todo é posible. Entremos mentalmente nunha casa; podemos comprobalo.

Ó empuxar a porta notaremos que tendemos a empuxala pola pechadura, que queda na beira oposta ás bisagras. A razón é que nos resulta moito máis sinxelo porque así o momento da forza exercida, digamos o rendemento dese esforzo que facemos para abrir, é maior. Pola mesma razón a pechadura se coloca dese lado e non do outro. Non creo que faga falla experimentar moito para comprobar que da beira do eixe de xiro sería inútil...

Se entramos na casa, atoparemos con abonda probabilidade cun corredor sen luz natural. É a luz proporcionada por cargas eléctricas ó pasar un fiamento fino ou polo interior dun tubo con gas o que fai posible ese milagre que foi domesticado no pasado século. ¡Anda que non lles deu traballo á xente de ciencia, enxeñeiros e demais chegar ó estado actual de desenvolvemento das fontes de luz artificiais!.

Sen abandoa-lo corredor, é posible que podamos ver algún radiador da calefacción, un elemento visible no fogar que manifesta todo un sistema de aproveitamento térmico no que poden intervir dende reaccións químicas co queimado do combustible ata xogos de densidades, pasando por diversas formas dos tres xeitos de trasmiti-la calor que se estudian na escola.

Se entramos na cociña, observaremos un completo laboratorio. Aí prodúcense reaccións químicas varias veces ó día, que eso é o cociñado dos alimentos. ¡Anda que non da que explicar o sinxelo fritido dun ovo!. Tamén aí podemos amosar a rotación da terra vendo como desauga o fregadeiro, a partir dunha consecuencia das leis da mecánica cun nome tan raro como efecto Coriolis. Naturalmente, ese mesmo efecto no desaugue tamén se pode ver no baño, por exemplo.

Non se esgota así, nin moito menos, o que se pode observa na cociña. O frigorífico aporta no seu haber todo un catálogo para o estudio das leis que rexen a materia, así como para o intercambio da calor. O funcionamento deste aparello tamén conta coa dinámica dos cambios químicos, aproveitando o principio coñecido polos estudiantes de medias de que a velocidade dunha reacción depende en xeral da temperatura; neste caso, o enfriamento dos alimentos ralentiza a súa descomposición.

No mesmo recinto podemos ver cambios de estado, como de líquido a sólido (de igual xeito no conxelador) ou de líquido a gas (cando ferve a auga), e viceversa. Tamén é na cociña onde se manifestan os diferentes calores específicos para distintas sustancias (mira por exemplo o que tardan en quencer o aceite e a auga), ou a posibilidade de estudia-las correntes de convección no interior dun recipiente con auga a ferver. Ou descubrir, pola condensación, os puntos por onde se pode fuga-la calor da casa. Todos sentimos tamén como se transmite a calor a través dos cubertos cando temos comida quente no prato. E observamos a relación entre temperatura de fervenza e presión, o que aproveitamos para facer máis rápido a comida co uso das olas a presión.

Se hai algún pequeno ou pequena na casa, haberá unha cadeira especial para que coma. A mesiña particular que incorpora aproveita a gravidade para asegurar unha boa base para posa-lo recipiente e, ó tempo, manter á meniña ou meniño sentados sen problemas de vixiancia.

Imos deixa-la cociña. Eso, aínda que faltan moitas cousas de reseñar nela, como a extendida moda do uso de imáns para suxeitar notas no frigo ou a manía da nosa época de querer domina-lo tempo medíndoo, que a bó seguro terá a súa correspondencia co reloxio na parede, o aparello de medida máis integrado nunha vivenda.

A cociña comparte a posibilidade de albergar diversos elementos tecnolóxicos con outros ocos da casa, como o servicio ou o comedor e a sá de estar. Por exemplo, os fluídos e as súas leis están ó alcance de calquera nun grifo do baño. Alí podemos comprobar a ecuación de continuidade, observando que chorro de auga que sae da chave diminúe o seu grosor a medida que vai baixando e aumentando a velocidade. Cando unha cousa caia o chan, ou mediante o mesmo chorro de auga, podemos observa-la aceleración que produce a gravidade, e en xeral os efectos desta. ¿O tiro parabólico?. Iste coñecido e estudiado tipo de movemento lévao a auga que cae cando nos estamos a duchar, por exemplo.

O baño é tamén un lugar apropiado para a óptica. Alí podemos ve-la nosa imaxe reflexada no espello, e con ela, iniciarnos nas leis da reflexión. É curioso, se se ten un armario con porta espellada, ver como ó move-la porta un ángulo determinado e nós seguir a mirar cara a mesma dirección, observamos un movemento de cousas que abarca un ángulo doble do que fai o espello. O outro gran fenómeno que se estudia en relación á luz nas aulas no ensino medio é a refracción. Un pouco de auga nun vaso de vidro e o mirar a través das superficies do mesmo poden dar para todo un curso de óptica.

No baño está tamén moitas veces a lavadora. Nela pódense estudiar dende as forzas de inercia (¡cántas voltas hai que darlle á forza centrífuga nas aulas!) ás reaccións químicas de intercambio relacionadas coa limpeza por medio de xabón e deterxentes.

Tódolos fenómenos anteriores, e moitos máis, poden ampliarse a outros elementos correntes nos fogares, que non caiba a menor dúbida, ou aínda sinxelamente ós nosos propios movementos e xeitos de face-las cousas. O balanceo dun cabalo de xoguete da idea da actuación da gravide nun tipo de péndulo nada sinxelo, e, !a cantidade de elementos como parafusos que se poden observar e que constitúen (neste caso) exemplos de planos inclinados, unha máquina elemental!. Todo elo, sen recurrir a complicadas montaxes como o televisor. Ou a pequenos adornos e xogos de base científica que pululan polas casas, como o conxunto de péndulos que Baltasar me deixou a noite do pasado día cinco de xaneiro e que, ó tempo que adornan, teñen moitas, moitas, variacións para xogar con eles mentras se estudian as leis dos choques e o propio funcionamento do péndulo.

Ningún comentario: