20060423

Non á mina: o cheiro de Ribadeo

Hoxe pasei aquí a presentación contra a mina de ouro en Salave (Tapia), de xeito que se pode ver en calquera navegador. As consecuencias dela podían ter afectado a Ribadeo, pero case non se notou ningunha actividade en relación con ela, a favor ou en contra, desta beira da Ría de Ribadeo. Os Tapiegos lograron manifestarse e facer variar o curso dos acontecementos, de xeito que a empresa emigrou e o furado non se fixo.
En Ribadeo, polo contrario, non fomos capaces polo momento de que o recheo da ría non se fixera, a piscifactoría de Meirengos fora reformada de xeito convinte ou polo contrario, se conseguira un terceiro acceso decente á circunvalación. Ás veces vénme a idea de Ribadeo como unha sociedade satisfeita de si mesma, pagada de si, e polo tanto, podre: se un non se move, os músculos vóltanse fofos, o corpo non é capaz de responder e a persoa pasa a ser unha imaxe grotesca de si mesma. Por eso me chama a atención condo na prensa se leen titulares como o que hoxe provoca o alcalde: 'O que apesta é o proceso xudicial que hai aberto contra Andina'. Coido que nas sociedades enfermas, non é 'o' (xeralmente 'os', como se pode comprobar de xeito doado en Ribadeo) peor o posible proceso xudicial, senón o que subxace socialmente, o que ten amarrado ó corpo social para que este teña dificultade en rexerarse. É dicir, esa falta dun pequeno ou grande esforzo que leva á non participación nos propioas asuntos de todos, quedándose a xente reducida a esfera persoal. Acábase pretendendo controlar unha pequena esfera para evitar roces e vivir nun pequeno 'mundo feliz'. Psicoloxía e Socioloxía indican, xunto coa historia, que así se corta unha dimensión humana fundamental, a da relación co grupo amplio da sociedade na que vivimos. Un xeito máis de autoengano para tentar vivir mellor a costa de vivir máis plenamente, que normalmente non da froito.
Por certo, tras unha tempada sen posibilidade de comentarios, volto a habilitar esa función, se ben moderada.

Ningún comentario: