20060422

Novas de Ribadeo e a Costa

Tras o anuncio de que Fomento ía construír o terceiro acceso da circunvalación, o alcalde deu a impresión de 'logreino!', pero parece que non o logrou tanto: os socios e a oposición véno doutro xeito, postergado e a medias, de xeito que (ademáis do cómo) estará sempre en perigo ó non facerse cando a mesma estrada, senón ser prometido para despois. Pregúntome se a traizón na manifestación contra o recheo en Mirasol (lembro: apoiou a última hora a manifestación e á semana seguinte veu de Santiago dicindo que apoiaba o recheo porque lle concederan a cambio o ouro e o mouro) ó final lle serviu para algo. O polígono ía estar listo este ano, e xa veremos se o está nesta década (por favor, que sexa que si!), a autostrada leva xa un retraso sobre outro retraso, a circunvalación non se ve avanzar (un paseo por Ove...) e eses eran os puntos básicos da transacción feita en Santiago segundo o alcalde, se non lembro mal.
Tamén nos quedamos polo momento sen xulgado de máis categoría. E aquí, sen comentarios: que Ribadeo, pretendendo ser unha cidade e aumentar fortemente súa poboación siga sen el, despois de telo, non conxunta moi ben coa oferta de servizos que pretende, nin a atracción de construcción, nin ...
Polo anterior, pode que sexa o momento de que a posición se endureza, tal como lle piden as súas bases. E estaría de acordo se estivera de acordo no que significa. Se é exercer verdadeiramente de oposición, OK. Se é protestar máis, ou que a xente note máis a protesta, que haxa máis ruído, entón...
Mentras así andan as cousas no pobo, o Dionisio Gamallo está a piques de comezar un corto interno. O Porta da Auga ten nestes momentos estudantes e profesores frenceses e italianos de visita, para coñecer esto noso (terra e xente...). Os IES e colexios tratan de formar ós futuros ribadenses dun xeito crítico, e non só en coñecementos. É dicir, nestes momentos, de mellorar a sociedade. Falta fai.
Hoxe celébrase a asamblea de socios do Tesón. A asociación de vecños pretende elexir nova directiva e variar lixeiramente os seus estatutos para poder funcionar mellor. A carón do anterior comentado, acepto apostas sobre a procentaxe de socios asistentes. Un 25% sería para min unha revelación. Nembargantes, é unha sociedade que pretende promover as condicións vitais en Ribadeo, para os seus socios e para o pobo en xeral. Que pasa logo? estamos tan ben ou xa está a cousa desesperada? Coido urxente un estudo de promoción do interese cidadán na súa propia vida, e non só en Ribadeo. Para tratar de atallar unha situación que considero de pasividade, en particular fronte ós cartos. Faráo alguén?
Non paso por alto a substitución de Xavier Campos como técnico de cultura. Váise a algo que coido lle interesa máis, pero a súa labor queda: ontes mesmo, xa no seu novo posto, participou de novo nun acto de presentación dunha curtametraxe sobre a memoria histórica (neste caso, os primeiros anos da era Franco), e de seguro non esquecerá Ribadeo no seu novo posto no audiovisual galego.
Esto hoxe vai moi longo. En espera de cargar máis cousas na páxina web que remato de estrear (a próxima, unha presentación sobre o tema da mina de ouro en Tapia), chámame a atención unha nova de Viveiro sobre o ruído nouturno: anuncian máis vixiancia de horarios. E suspiro. De non cambiar, parece claro que este verán nos enfrontaremos en toda a costa a novas sobre o ruído.

Ningún comentario: