20060403

O leite é vida

Ás veces esquecemos. Por exemplo, que a natureza pon nas nosas mans con que alimentarnos e que somos nós os que xestionamos mal moitas cousas, ata que as fastidiamos. O mar está aí para que sexamos testemuñas, xeración tras xeración, de como vencemos á natureza e emporcallamos algo que parecía inabarcable, e deixamos esgotadas especies que aparecían como nubes nas augas. O do leite é algo diferente nestes momentos. Resulta que como non se pode transportar de xeito tan doado, é máis sinxelo ter sobreprodución nun sitio e escasez noutro. E manipular os prezos. E, cando se toca o tema dos cartos, xa hai follón. Os gandeiros están moitos a monocultivo lácteo, sen posibilidade de resposta ante o que está a pasar: que a industria está a impoñer prezos baixos que non cobren gastos. A máis, están os cretos de modernización que case lles foron impostos prometendo o ouro e o mouro. E por riba, a cuota láctea, pois como se lle prometeu o mesmo a moita xente, hai sobreproducción. Resultado: a non ser unha especie de miragre, gandeiros arruinados e con eles,o campo máis desdeixado e parte do que era tradición fóra de combate. Por eso queren unirse. Pero coido que se non nos unimos nós a eles como consumidores, non teñen moito que facer. E para eso aínda queda.
--
Un artigo que ten algo de relación, de cando se ían a insalar os hiper...(publicado o 30/4/99)
Pastoral

Ribadeo, 1999. Un ano antes do fin do século e do milenio, en Ribadeo estáse a plantexar unha pequena revolución comercial. Nalgúns sitios, fai anos que tivo lugar. En outros, aínda tardará.

O feito: tres grandes superficies comerciais / áreas comerciais (ou como se lles quera chamar, pois hai unha gama de centros deste tipo que para moitos efectos son diferentes) están a piques de se instalar na nosa vila. A favor, o Concello, esgrimindo postos de traballo e progreso da vila. En contra, comerciantes (non todos) e defensores da producción autóctona. No medio, a maioría da xente, con vistas a unha maior posibilidade de compra e cunha apatía que se trata de mobilizar.

Con certa frecuencia pódese ver na prensa fotografías de mercados doutros lugares do mundo, como Perú ou Kenia, que son empregados moitas veces como reclamo turístico, lugares de colorido e tipismo que se tratan de identifica cos vellos tempos perdidos de estilo pastoral. Lembran ás nosas feiras, máis ás de fai trinta anos que as de hoxe. Son feiras de supervivencia (dunha economía de) que aspiran a evolucionar. Tamén pódese observar outro tipo de mercados ó estilo de Francia, por exemplo, onde a mecanización dos tenderetes arrasou por completo ós proveedores de productos da súa propia colleita e era fai vinte anos cando xa se desenvolvían alí como agora aquí. Aquí mesmo estáse levando a cabo unha transformación, co nacemento de mercados especializados, dende o mel á faba, por poñer só dous exemplos, ou mesmo a mecanización de tenderetes, da que quedan afastados os productores autóctonos, se ben non os comerciantes. O esgrimir a defensa da producción do lugar por esa vía coido que é querer loitar con pedras contra armas automáticas: poderase obter algunha victoria, pero a guerra está perdida. A saída desa producción está en buscar e atopar novas formas de comercialización e logo, potencialas, non en ter unha economía de supervivencia.

¿Postos de traballo? As estatísticas din que a creación de postos polas áreas comerciais non compensa en principio os destruídos no pequeno comercio. Non hai estudio dese tipo que non teña algún sesgo, pero a realidade está aí: o rendemento empresarial é superior na maioría dos casos cunha organización do tipo área comercial que coa dos comercios tradicionais. Outra cousa é intentar repercutir novos postos de traballo pola atracción de clientes de fóra, o que é factible e supoño que non descartarán nos seus estudios de mercado as sociedades que pensan instalarse aquí.

O progreso da vila non é igual a unha maior instalación de empresas comerciais, pero parece ser algo parello. Díse que as novas zonas comerciales poden rematar cos pequenos comerciantes. Nunha confrontación comercial, sempre hai quen gana e quen perde, aínda que se poden establecer relacións amistosas nas que se pretende que ganen todos. E hai comerciantes que levan anos preparando os seus negocios, modernizándoos, e tamén crecendo, mentras outros teñen parado ese proceso. Na actualidade, hai áreas sensibles que están xa copadas por empresas foráneas. Un caso típico é a alimentación. Tres empresas de fóra, con cinco establecementos, copan a gran maioría da distribución neste sector, e pouco efecto poden facer xa as novas instalacións ós comerciantes de vello no pobo. Por contra, o comercio de Ribadeo ten tamén establecidos pontes noutras vilas.

No reparto de clientes, queda dito con anterioridade, hai que contar coa xente que virá comprar dende outros lugares e que non viría doutro xeito. Xente que hai que atraer, e non só polo novo comercio, senon tamén polo xa establecido en Ribadeo, ó tempo que toma medidas para perder a mínima cota de porcentaxe fronte ós novos. ¿David contra Goliat? Nalgún caso, a loita pode establecerse neses termos. En xeral, será unha confrontación de xeitos diferentes de organización de empresas, na que haberá que agudizar o inxenio.

Respecto á competencia esperada que beneficie ó consumidor, pouca xente o pon en dúbida, se ben a competencia poucas veces é perfecta. Ademais, competencia libre implica depredación do comercio sen poñer unhas reglas do xogo que protexan a sociedade fronte a abusos libres, do mesmo xeito que se é demasiado restrinxida supón un sometemento do comercio a determinadas entidades favorecidas, tamén en detrimento da sociedade. Esperemos non entrar en ningún dos dous casos.

De calquera xeito, cando se trata dunha perturbación previsible de gran magnitude no comercio local, pode haber unha negociación para conseguir que as empresas se instalen dun xeito favorable para todos, sen avasallar facendo, por exemplo, modificacións en plans que perxudiquen ó pobo. Esto queda en mans do Concello. ¿Fíxose? As empresas que se instalan, a ben seguron fixeron un estudio de mercado. ¿Pode facer / ten ACISA feito algún plan que facilite a competencia das empresas que a integran?

Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: