20060407

Porto seco en seco


Despois de lograr a ampliación de Mirasol (en canto a superficie, non esquezamos que resultou un recorte en lonxitude de peirao), aparece de novo o tema do porto seco no polígono (co que un se pregunta cal era o obxectivo de dispor dunha maior superficie no peirao) ó tempo que se auncia un retraso de un ano na circunvalación, o que o porto seco, aínda non decidido, está un ano máis en seco. Un ano porque ese se anuncia vai ser o retraso da circunvalación. Parece evicente que as infrastructuras en ribadeo están gafadas. casos como o da piscina, que entrou en funcionamento a primeira fase no tempo acordado, son extranos. Así, dicíase que a Pasarón y Lastra e San Francisco estarían en funcionamento en Semana Santa, e, a non ser unha miragre, a procesión irá por unha rúa en obras, testemuña unha vez máis do retraso endémico das obras en infrastructuras (ou melloras ou mantemento das mesmas) que falo. resulta curioso a rapidez coa que se move, en contrapartida, a xestión de urbanizacións, se ben agora mesmo aprece que dende santiago están tomando cartas no asunto e o tema está parado. vamos, que costa creelo.

Hoxe remata a XII Feira da Ciencia e Tecnoloxía. Despois de ter controlado o crecemento e o número de visitas, a feira parece ter unha dimensión máis apropiada para a aprendizaxe das ciencias, que o principal motivo da mesma e do que nos felicitamos.
E, mentras nós tentamos de poñer coto na feira a unha expansión que podería ser nociva, chega ás máns outra nova, esta de Boiro que incide en algo normativizado aquí e que se quere desregular ou variar: a situación dos locais de copas. Tras un tira e afloxa, están facendo unha normativa que implica unha separación de 50 m. entre locais, se ben especifica que a separación non terá efecto para os locais con licenza de bar. Tamén será efectuado un seguemento de nivel sonoro a distancia.
--
... un artigo do meu vello sitio web 'o recuncho da lectura' en relación co ensino, publicado en 'Xerfa', a revista do IES Porta da Auga, en 2003:

Educación, ¿medio ou fin?

A educación é un proceso. Non un procedemento totalmente establecido, senón actividades que van tratando de adaptarse ó "sistema complexo adaptativo"1 que é o ser humano.

A primeira distinción a facer neste artigo é entre aqueles que pensan que educar significa só seguir unhas normas e outros, entre os que me atopo, para os que educar significa máis ben comprender as normas para saber cándo se debe aplicalas e cándo e cómo saltalas.

Nembargantes a distinción anterior, o sistema educativo ten como fin a educación. E como tal, instrúe ou sinala procedementos para lograla. Neste sentido, a educación é un fin, o fin do sistema educativo. É dicir, coa perspectiva do "sistema educativo", a educación é un fin, non un medio: pasa a ser "unha" educación, a que pretende o sistema e di ofertar os "clientes-alumnos", en troques de ser "a" educación, sen apelidos ou calificativos. Se collemos un retazo da educación que se pretende (que pretende o sistema), por exemplo, a chamada educación para a paz, o medio educativo vése limitado por o fin que se pretende, aínda que sexa unha meta en principio de alto nivel chamémoslle ético, que neste caso poderiamos sinalar como a xestión da paz. O mesmo ocorre con calquera outra parte de calquera lexislación educativa2, como a educación medioambiental, que sería un medio para lograr que a persoa se integre nun medio ambiente equilibrado. En tódolos casos atopamos que se poñen primeiro os fins e logo fálase dos medios para logralos.

O caso é que o poñer fins implica unha reducción do número de posibles vías educativasdo. E hai que engadir que os fins do sistema son postos por persoas, se non bastara que non se concretan ben a partir de abstraccións como a "educación" da ser humano. É por eso polo que temos as "educacións para" que caracterizan as leis educativas vixentes. Ou sexa, a educación utilitarista. Deste xeito, a dirección educativa pasa a ser legalmente sinónimo de educación, e a educación, de ser un medio para o desenvolvemento persoal pasa a ser dirixida a medio para formación dalgún xeito particular, sexa a adquisición de habilidades para poñer unha lámpada ou a formación de ideas axeitadas ó que o pensamento de quen dirixe o sistema cree convinte.

De calquera xeito, a educación é perigosa. O é para quen a recibe, pois pode resultar perxudicado para toda a súa vida posterior. Tamén para quen quere aproveitarse dela, pois o ser educado pode permitir á xente liberarse de quen quere unha "educación á medida"3. É un medio, (segue a ser un medio aínda que o sistema educativo poda considerala como un obxectivo determinado) e como tal, encamiñable para un ou outro fin segundo o uso que se lle de. Pero tamén é un medio perigoso porque non é doado separar totalmente unha boa "educación para" da sinxela "educación", porque é necesaria unha interrelación múltiple para poder educar para ou adestrar. Así, cando se forma a alguén, tamén se lle está dando a base para pensar de xeito independente, e de aí á crítica da educación dirixida ou do sistema que a soporta só hai un paso. Un paso que por desgracia algunha xente non da, pero por sorte outra moita si.

Así, educación, ¿problema ou solución? Problema e tamén solución.

Medio, non fin. Como tal é usable e dirixible políticamente ou económicamente, entre outras posibilidades e como mostras de cousas que poden dirixir o rumbo educativo pero tamén admiten unha imposición de dirección. É dicir, é algo que está dirixido e imposto, do mesmo xeito que está dirixida a economía e tamén a política, pero incluíndo estas dúas actividades como posibles directoras da educación, logo supeditada a elas. E non vexo claro que sen variar suficientemente o sistema social actual (é dicir, sen unha revolución) se poda variar este estado de cousas dun xeito significativo.

¿Podemos os educadores deixar de transmitir un sistema social para educar "a secas"? É unha pregunta máis que nos podemos formular á beira desa outra que inquire sobor da posibilidade educativa dos maestros fronte á televisión, por exemplo. Unha pregunta que se vai facendo máis importante a medida que a sociedade se tecnifica e permite incrementar a posibilidade de dominio. Unha pregunta que só admite a resposta no día a día, intentándoo.

Prantexar preguntas-problema, non solucións. As solucións hai veces, a maioría, que son particulares e non xeralizables, e outras son circunstanciais, non chegan a ser particulares. Así, un problema pode ter moitas solucións diferentes, valorables tamén de xeito diverso e polo tanto "boas" ou "malas" segundo as circunstancias do problema e perspectivas de quen busca a solución. Pero sempre, para tratar de solucionar un problema, hai que ser consciente da súa existencia.

----

Chega o punto de rematar para non liar máis (aínda) a quen tivo a consideración de chegar ata aquí. Pero non me podo quitar do medio dúas frases a relacionar co tema e que pretendía meter no texto anterior do artigo, para o que necesitaría que fora abondo máis longo.

A primeira, atribuída a Sta. Teresa de Xesús, "la paciencia todo lo alcanza" incita á perseverancia, que non a ser teimudo; é dicir, a usar conscientemente os nosos medios (poñamos a educación, por exemplo) ata o final para conseguir os mellores fins (xa sexa a paz, un medio ambiente limpo ou outras moitas cousas).

A segunda, "gostábanme as películas de indios ata que me decatei que eu era o indio" provén dunha entrevista a un escritor sudafricano negro; creo que ese feito explica o seu significado máis que moitas aclaracións. Pero, por si acaso, un complemento: ¿a quen non lle gusta ser o triunfador nun mundo onde hai triunfadores e perdedores? Mais cando hai moitos máis perdedores que triunfadores, a perspectiva pode variar moito, en particular cando notas que os vaqueiros cos que te identificabas como "bó" son na realidade os que te están a tratar como indio e están dicíndote que és "malo". De aí a consideración da cita en relación coa educación e os medios educativos nun sistema social non igualitario4 e que orientado á masa e non ó individuo5, en contra dos principios educativos que din que se pretendes educar a un conxunto de persoas e tratas a todas como a unha "media", en realidade non estás a educar a ninguén.

Antonio Gregorio Montes

Nota final: se alguén non comprende, ou está en desacordo, o autor terá moito gusto en dialogar sobre o tema.

1Ver "El Quark y el Jaguar", de Murray Gell-Mann, un libro sobre Física e outras cousas.

2En calquera lexislación educativa, non só aquí.

3Á medida dos seus intereses, por exemplo para formar os intereses dos educandos.

4¿Acaso alguén cre que o sistema educativo actual é igualitario?

5Ortega y Gasset descubriu as masas ó mundo, pero nalgúns sentidos o concepto variou moito no tempo ata hoxe.

Ningún comentario: