20060531

O reparto da globalización

Un artigo desta fin de semana nun diario de tirada nacional (enténdase, nacional española) titulábase 'El reparto de la globalización'. Hoxe, as primeiras novas que vexo tratan todas de eso, cada unha ó seu aire e no seu nivel. A escala intenacional, en Chile máis de medio millón de estudantes paralizan o ensino en protesta pola educación que reciben os máis pobres. A nivel local, as fábricas de pescado (as poucas fábricas) na Mariña teñen problemas coa deslocalización e os traballadores están fartos, o hospital da costa, despois de ser receptor de promesas, agora o é de esperas, houbo detencións en Ribadeo por o paso de inmigrantes, ... estamos nun mundo globalizado no que hai quen pugna por traer industrias contaminantes e de non moita man de obra cando se foi a fábrica de avións e pouca forza se fixo, por poñer un exemplo e un máis e un menos no tema de postos de traballo.
Por outra banda, o bazar chino está a piques de abrise e polo que sei, xa teñen aloxamento. Así pode verse Ribadeo non como terra onde non hai traballo, senón como promesa de traballo. Pode dicirse que non é o mesmo, que son traballos que ninguén quere (montar un bazar como pequeno propietario, ou non tan pequeno, non parece que non o quixera ninguén...), pero tamén é certo que son traballos que non se están a promocionar por xente 'autóctona'. Por certo, que de xeito lóxico, tamén serán autóctonos os seus fillos, de igual xeito que o son os nosos. Esto último ven a conto de que parece en certos círculos que para ser de Ribadeo debían pasar varias xeracións, ter 'pedigree'. Coa globalización, co movemento de xente que está a ter Ribadeo, coido que eso xa cambiou, aínda que a idea perdure. Ben, xa temos outro problema en cernes: a relación cos inmigrantes. E lembro que hai un ano apareceron por Ribadeo uns carteis ofertando clases de chino, dadas por un inmigrante que pouco sabía de castelán (nada de galego), pero que en troques facía esforzo por formarse, e non só aprendendo a lingua, ó tempo que estaba aquí.
Outros aspectos da globalización hainos: aí está a gripe aviar, calificada de pandemia, que xa ten 35 mortos ó lombo en Indonesia, por exemplo, e pode chegar aquí cando ás aves lles pete, pero ese é outro tipo de globalización sobre o que pode haber menos control (o que non quere dicir que se deixe sen tratar de previr).

Ningún comentario: