20060526

Que é 'desenvolvemento sostible'?

A conto das novas de hoxe, pregúntome que é eso de desenvolvemento sostible. Pódese manter un desenvolvemento de xeito ilimitado? É evidente que se consideramos a definición correspondente no DRAE (a palabra sería 'desarrollo', obtendo " Econ. Evolución progresiva de una economía hacia mejores niveles de vida.", todos desexaríamos que se poidera manter. Non embargante, o tema métenos no xaleo de ter que discernir que é eso de mellores niveis de vida e do que necesita unha economía. En concreto, os recursos, sábese que nunha boa parte, son non só limitados, senón que tamén poden ser non reutilizables ou o seu uso entrar en confrontacón co uso e disfrute de outros diferentes. É dicir, o desenvolvemento sostible ten un límite de sostenibilidade. Que ninguén se engane: a competencia polos recursos xa sabemos que ten comenzado hai moito, e estamos vivindo unha fase de agudización totalmente visible nun caso particular,o petróleo, como significativo das fontes de enerxía. E non é a primeira vez: que impulsou ós exércitos do III Reich cara ó Volga? en boa parte, o conseguir petróleo.
Ben, unha auga limpa é algo ben diferente que o petróleo, pero tamén é ben certo que é moito máis doado emporcallar a auga que limpala, cousa que ademáis, produce residuos. Como caso límite polo momento, aí está o Prestige.
É dicir, cando se fala de que Ribadeo terá de novo este ano bandeira verde, pódese discutir a súa procedencia ou improcedencia, á vista, por exemplo, da cochambre dalgúns lugares, a contaminación acústica ou das augas, etc. Nese caso, a cuestión sería decidir cales son os niveis aceptables. A algúns pareceralles de risa e outros, pola contra, poderán rir tranquilamente pola decisión da bandeira. Outro caso diferente é que se diga que a instgalación dunha planta de acuicultura sería unha magnífica nova para Ribadeo, sempre que se respecten os criterios de sostenibilidade e emprego. É evidente que co axuste do binomio sostenibilidade e emprego a nova convírtese en moi boa. O que xa non é tan evidente, e queda tapado loa manifestación feita, é que se veña a instala na nosa costa unha planta productiva que foi alonxada de outras que parece que hai que conservar mellor. É dicir, criterios de sostenibilidade si, pero parece que poden varir dun lugar a outro, o que sería incomprensible. Queda nese reino da incomprensibilidade tamén que outra planta que xa se está a obrar non poidera atopar outros terreos sen invadir unha zona protexida e esta os atope de xeito rápido. quen non se lembra de aquelo que dí 'quen non quere caldo, dúas tazas' Parece, nesa liña, un castigo inflixido ó pobo de Ribadeo. E se é difícil creer na aplicación duns criterios adecuados para a sostenibilidade polos antecedentes, respecto á base para creelo por ser a administración ribadense quen os tería que vixiar, tampouco resulta doado.

Ningún comentario: