20060616

Dando difusión a unha nota de prensa de Adega (2º de hoxe)

Lugo, a 15 de Xuño do 2006

Contestando ao Sr. Alcalde de Ribadeo, sobre a piscifactoría de Rinlo

En relación ás declaracións do Sr. Alcalde de Ribadeo sobre a paralización das obras da piscifactoría do Sr. Álvarez-Cascos, ADEGA quere aclarar o seguinte:
Primeiro: os sucesivos incidentes de medidas cautelares de paralización das obras non foron, en absoluto, de tipo administrativo, -por máis que o tiveramos solicitado reiteradamente-, senón xudicial. Nada ten que ver, polo tanto, a suposta indefinición da Xunta que argumenta o Sr. Alcalde con esta paralización das obras acordada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Segunda: No caso da piscifactoría de Rinlo, -e o Sr. Alcalde coñece moi personalmente como teñen sido tomadas as sucesivas decisións ao respecto-, en absoluto tén habido indefinición por parte da Xunta: ben ao contrario, en ningún outro parque de tecnoloxía alimentaria se tén manifestado un apoio administrativo e económico tan importante. Empezando pola declaración de impacto ambiental, a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto sectorial, a venta dunha parcela pública a 1 euro/metro cuadrado ou o expediente de caducidade da concesión da cetárea de Vázquez, e continuando pola permisividade da Administración ante unhas obras que se teñen iniciado sen contar coa autorización de Costas para a ocupación da zona de servidume da zona de domino público marítimo-terrestre nen coa concesión e autorización de actividade por parte da Consellería de Pesca e que, a maiores, se estaban a realizar incumplindo o condicionado da declaración e plan de vixiancia ambiental. En todo caso, é ben coñecido o diferente trato da Xunta de Galicia no que respecta a esta piscifactoría de Rinlo en comparación coa de Cabo Touriñán, -e o Sr. Alcalde de seguro que coñece algunha das razóns-, a pesares de que a situación administrativa destas dúas eran completamente idénticas.

Terceira: Non dubidamos que cando alguén demasiado acostumbrado a marcar as decisións da administración se ve obrigado a cumplir coa lexislación se poda sentir indefenso. Mais non pode o Sr. Alcalde alegar a indefensión xurídica do Sr. Álvarez-Cascos, pois, a maiores de contar cun equipo xurídico de seguro que ben pagado, contou, en todo momento, co apoio xurídico e político do seu governo municipal.

Cuarta: En canto á falta de autorización de actividade por parte da Consellería de Pesca en ningún momento a nosa presidenta dixo que a Consellería de Pesca poidera denegar arbitrariamente dita autorización e concesión de actividade. Limitouse a trasladar a realidade xurídica: por imperativo legal, nen esta nen ningunha outra piscifactoría poden ter autorización de actividade, mentras non aporte a disponibilidade de todos os terrenos afectados polo proxecto.

Pola nosa parte, seguimos insistindo na ilegalidade da declaración de impacto ambiental e máis do proxecto sectorial e licencia municipal e, en defensa dun patrimonio natural e paisaxístico que nos pertenece a todos, manifestamos a nosa disposición a continuar os recursos administrativos ata o final. Temos a seguridade de que o administración de Xustiza nos dará a razón.

Por último volver a reiterar que nada temos en contra do Sr. Alvarez-Cascos ou do Concello de Ribadeo. Só reclamamos que a lexislación ambiental de protección de espazos naturais tén que obrigar a todos por igual. Neste sentido, esta nova paralización debera de ofrecer a oportunidade para negociar co promotor un cambio de ubicación: ganamos todos.

ADEGA-LUGO

Ningún comentario: