20060625

Dúas notas de prensa

Hoxe só adxunto dúas notas de prensa ben dispares. Unha, a que aparece máis abaixo, sobre o ruído en Vigo, a modo de testemuña noutro sitio sobre un tema do que escribo con frecuencia. Outra, a que aparece mesmo a continuación, de O Tesón, a asociación de veciños ribadense sobre o nome da ría de Ribadeo, chega máis preto de nós.
--
Nota de prensa
O Tesón

A asociación de veciños O Tesón, despois de ter apoiado de calquera iniciativa institucional ou social que puidera xurdir a favor do uso do nome de 'ría de Ribadeo', e en vista de que continúa o intento de variar a oficialidade desta denominación, facemos público novamente o noso apoio ó coidado e conservación da ría de Ribadeo e á súa propia denominación.
Con esta idea, instamos a potenciación do uso da denominación 'ría de Ribadeo' polo concello, institucións, asociacións, veciños e empresas, tanto con iniciativas positivas de utilización e difusión do nome como polo rexeitamento do uso de outras denominacións en escritos oficiais, solicitudes e documentos en xeral.
Como posibles ideas nese sentido, a máis das xa realizadas e que deben ser relanzadas, está a súa utilización na cartelería propia de sinalización de lugares relacionados coa ría, de xeito que o nome de ría de Ribadeo quede asociado a eles. Podería podería ser o caso dos miradores, como “Mirador de San Miguel. Ría de Ribadeo”. Do mesmo xeito, a potenciación desexada pode incluír a denominación como 'ría de Ribadeo' de algún edificio de uso público, como un polideportivo municipal, ou a animación a novas empresas (como algún dos novos hostais ou hoteis) e colectivos de inclusión do nome de 'ría de Ribadeo' na súa propia denominación.
En certo xeito, trátase de enmendar decisións que, dende a perspectiva actual, parecen ter sido feitas con pouca visión, como a do nome da 'Casa da Ría', curto e manexable, pero que de pouco serve para a súa ubicación xeográfica.
Somos conscientes que boa parte do esforzo polo mantemento do nome da ría inclúe aspectos políticos. Pero tamén o somos de que hai que procurar non só ter a historia detrás, senón asemade o futuro. E o futuro debe pasar por asociar o nome de 'ría de Ribadeo', un lugar que asociamos tanto a nós que a chamamos sinxelamente Ría (aí está a 'Casa da Ría'), á nosa vida diaria e a outras realidades que apoien o seu uso, conservación e coñecemento.
--
AVCOR - Asociación viguesa contra o ruído
Comunicado 2/2006 , Xuño / 2006

UN NEGOCIO POR RIBA DO OCIO.-

Un numeroso grupo de veciños desta cidade, uns individualmente, de xeito colectivo outros, presentaron unha alegación ao PXOM en trámite para que por éste se contemplase a incompatibilidade dos usos residenciais cos usos industriais correspondentes ao sector dos pub e discotecas: en concreto, tratábase de que, con fundamento na vixente lexislación, nos baixos dos edificios de vivendas e nos edificios beirantes aos de vivendas, non puderan instalarse os devanditos negocios.

Na base da alegación está a evolución da distribución dos espazos urbanos en relación a ubicación de certas actividades que poideran interferir no normal e pacífico desenvolvemento da vida cotiá da veciñanza. Este proceso evolutivo enténdese ben cuns sinxelos exemplos: se nun tempo as touradas se celebraban nas Prazas Maiores, chegado un período (século XIX), constrúense os cosos taurinos nas aforas para permiteren aos veciños que o quixeran, poderen permanecer alleos ao espectáculo; o mesmo pasou coas actividades deportivas e coas feiras: o desprazamento do centro da urbe ao extrarradio foi continuado; o que tamén sucedeu coas actividades industriais e certos negocios ou servizos, desprazados dos cascos urbanos a polígonos, cidades tecnolóxicas, nós de comunicacións, grandes superficies comerciais, centros de distribución… Proceso que tamén comenza a afectar, finalmente, á chamada industria do ocio (discotecas, parques temáticos, zonas específicas de copas en polígonos industriais en decadencia ou abandonados…).

Cando nos atopamos fronte a establecementos que desenvolven unha actividade danosa para a veciñanza (así, a violencia acústica que ten a súa orixe en pubs, bares con música e discotecas), no medio de zonas de vivendas, a primeira solución que aplica o sentido común é a de pensar alonxalos das zonas habitadas o mais pronto posíble. Por iso, calquer postura retardataria deste proceso resulta fondamente retrógada e cabe preguntarse lícitamente qué intereses pode haber tras unha actitude tan fondamente insolidaria e contra o natural proceso evolutivo da convivencia social.

Ben, pois na reunión do goberno municipal do pasado día 11 de maio, a devandita alegación, foi rexeitada polo grupo de goberno municipal -PP- co apoio do grupo municipal do BNG.

Chama a atención a base da argumentación do voceiro do goberno municipal, Sr. Figueroa, para tal rexeitamento: 45.000 clientes semanais “xustifican” que haxa pubs en edificios de vivendas. O Sr. Figueroa, Concelleiro de Urbanismo, tería que saber do drama de moitisimos veciños da cidade -e das súas familias-, que se ven na obriga de ter que abandonar os seus fogares as fins de semana (outros están sometidos a tratamento psicolóxico, incluso con fármacos, a causa diso). Estes veciños non poden disfrutaren do seu ocio (por exemplo, descansando), porque para o Sr. Figueroa o ocio resultaría ser un negocio. A insólita explicación do Sr. Figueroa merece un comentario (non paga a pena falar da vacuidade argumental da xustificación invocada polo seu compañeiro de Corporación o Sr. Vieitez).

Sen necesidade de engadir mais, o argumento resulta estarrecente: os pubs moven 45 mil clientes semanais. Non cita a fonte ¿de onde saca o dado? (por certo ¿os impostos que pagan son consontes a tal volume de negocio? ¿disfrutan os seus traballadores de seguros sociais, contratos estables, salarios dignos, condicións de traballo saudables?).

Pero aceptémolo dado coma hipótese. Os tales clientes, serían xentes que, dócilmente, semana tras semana, adicanse ao ritual de arruinaren a súa saúde entramentras enchen os petos dos donos dos ditos establecementos (e, probablemente, algún peto mais do entorno). Os efectos directos deses hábitos son coñecidos: alcoholismo; problemas auditivos polo altísimo volume da música neses locais; tráfico e consumo das mais diversas sustancias psicotrópicas de ultimísima xeración e sen control sanitario ningún...

Respeitando o dereito de todo cidadan á facer no seu tempo libre o que lle pete (sen interferir na liberdade dos demais), cabe reflexionar se a Administración debe protexer esas formas de emprego do ocio. Máxime cando está en xogo o respeito aos dereitos daqueles que sofren as súas consecuencias; ou a saúde das novas xeracións.

Por outra parte semella que os Srs. Concelleiros que votaron contra da alegación non entenden o cerne do problema das víctimas das agresións ocasionadas por aqueles que actúan coma maltratadores acústicos dende os locais e pubs que rexentan. Ben, pois trátase dunha clara violación dos dereitos humanos mais elementais: dereito á intimidade persoal, dereito á integridade física e moral. Neste sentido, as sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, do Tribunal Constitucional e das diversas instancias xudiciais, forman un corpo de doutrina consolidado. Se os políticos non son os primeiros en reaccionar ante as agresións que sofren os cidadans, preguntámonos para que están ¿como son capaces de obrigar ás víctimas a prantexar longos e carísimos pleitos para se defenderen, cando na súa man está o artellar os medios de protección mais eficaces?

En fin, ante tan gravísimas agresións, esgrimese o argumento da facturación: os pubs son negocio. Non se comprende que fronte as violacións dos dereitos humanos ceden todos os demais dereitos, incluída a liberdade de empresa. Dende o Concello semella non entenderse que o pobo vigués (nin pobo ningún) non pode desexar o establecemento de negocios nos que o prezo a pagar sexa o alto prezo das agresións acústicas á veciñanza.

Ningún comentario: