Hai xa unha década que xurdiu a música de 'Port Bou - Saraxevo', da man de Hernán Naval. Daquela tratábase de xuntar a historia final de Walter Benjamin en Port Bou coa sorte que estaba a correr Saraxevo. O ocorrido en Nigrán, a protesta que interrupiu un pleno para que non se aprobara o PXOM, fixome cavilar nun título de comparación con Ribadeo. Collo prestado dun xornal: "O urbanismo é o primiero problema: esta é unha vila sen ordre, construída sen ningún plan. Pero ademáis, esta xente nova necesita traballo, sentirse útil". Non se trata de Ribadeo. Tampouco de Nigrán, senón dunha vila na que xa está feito o dano, na periferia de Paris, onde xurdiu o pasado ano a protesta, a semana pasada a protesta e espérase que en non moito tempo, outra doutra volta a protesta (El País, domingo, p.2). Parecería que comparar un suburbio de París con Nigrán, e este con Ribadeo, é un pouco rizar o rizo. Pero sábese de sobra da influenza do ambiente socioeconómico no desenvolvemento da persoa individual, e son sinxelamente fases as que se percorren, eso si, en cada sitio coas súas características. En París, en xeral en Francia, despois de sublevacións dos suburbios, pregúntanse xa non o por que, que teñen asumido, senón o cómo resolver ese embrollo. En Nigrán a protesta xurdiu, parece, por un favoritismo asumido na aprobación do PXOM en perxuízo dos pequenos, en favor das empresas dun certo tamaño en perxuízo dos pequenos tenedores de chan. En Ribadeo, aínda non hai máis protesta que as faladurías dos bares. Non pretendo poñer Nigrán como exemplo, pois non coñezo abondo a situación para asegurar algo que me gustaría: que é unha protesta dos individuos polo desenvolvemento social (máis ben parece dos individuos para favorecer ós individuos, e por aí váise a un calexón sen saída, contrapoñendo intereses individuais de xente débil contra intereses individuais de menos xente máis forte). Nembargantes, unha protesta veciñal desa magnitude contra o poder político votado significa que os políticos deben lembrar non só que hai votacións cada catro anos e que daquela os votantes poden elixir (o alcalde de Ribadeo dixit) senón que son elixidos para servir ó pobo durante os catro anos e non para comentar a xogada ó final de mandato. E nesa situación estamos en Ribadeo, no comentario da xogada. Por sorte, cousas como as de Nigrán coméntanse e poden expandirse, co toque de atención que representa, aínda coa intervención non desexable contra bens públicos.
E sobre esto último, a destacar que nuns poucos fins de semana se chega (en Ribadeo) a destrozos como os propiciados en Nigrán nas protestas, e ven a conto de que xa caeron vandálicamente as novas árbores de San Francisco, aínda que non saian nos xornais, e tamén de que é previsible que na xunta de seguridade de xoves a declaración fnal é que todo está moi plácido e moi bonito por Ribadeo, incluído todo o posible, e quedano só algún fleco para o verán, no que se aumentará a vixiancia máis ben como prevención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario