20060613

Probas

Téñome referido xa algunha vez a que os exames de selectividade son algo así como as probas de madurez das sociedades tribais, nas que se fai pasar á xente nova por probas que intentan amosar que están preparados para a vida adulta, coas responsabilidades que eso conleva en cada lugar e tempo. Tamén nesas sociedades se espera a unha certa época ou circunstancias para a proba, tamén as supera a grande maioría da xente (ninguanha sociedade pode permitirse quedarse sen xente considerada adulta), tamén supón unha tensión para os candidatos, etc. Pero eses exames/probas, o mesmo que a selectividade ou a proba de acceso a ciclos formativos (que se realizou onte en parte) sempre son criticadas porque non garanten que logo se 'triunfe' na vida. Comezan a selo xeralmente polas nais, que ven o paso dos seus fillos por probas, sexan do tipo que sexan, como algo que non ven a conto: xa a vida os curtirá de por si. E continuán logo a selo polos propios afectados, outros familiares, e a mesma xente que pon as probas e que non sabe moi ben como facelo doutro xeito, ou que cree sabelo, pero por condicionamentos, mesmo burocráticos, sociais, etc, non pode facelo doutro xeito. O feito é que as probas seguen, e a vida tamén, e que o 'triunfo' nas mesmas non significa o 'triunfo' na vida, senón algo parello ó ingreso noutro tipo de vida diferente á que se levaba ata ó momento. Entre outras cousas, porque triunfar na vida pode significar algo diferente para dúas persoas diferentes, e mesmo para unha persoa en dous momentos diferentes da vida, mesmo en momentos nos que parece que o triunfo, socialmente, é só amasar cartos.
Mentras, unha porcentaxe non desprezable de xente nova (sobre os 18 anos) vai probar mañá que aprendeu cousas e que sabe facer exames. Que é persoa, eso xa é fariña de outro costal. Para eso tamén hai probas, pero son máis difíciles de avaliar e mesmo de saber que son probas para quen as fai.

Ningún comentario: