20060624

Ribadeando, 10000 e medrando

Onte superáronse as 10000 visitas a Ribadeando. E seguimos. É natural, despois dun ano, que unhas entradas teñan un interese moio máis pequeno que o de outras, o mesmo que tamén é natural que despois de cáseque trescentas entradas a un ritmo aproximadamente diario, se dispoña xa dunha base de dados non desprezable, visitantes asiduos e tamén outra xente que non está de acordo co que se escribe.
E tamén, problemas de tipo técnico. Así, nestes momentos, hai problemas cos comentarios (hai xente que non pode abrir a fiestra para facelos, por exemplo) e teño algún outro coa plantilla, e sen tempo apra poñerme de xeito serio a que todo funcione de xeito adecuado.
Tamén hai temas por tratar, que van quedando adiados: non me esquezo, por exemplo, do último, o pasado fin de semana, a raíz dun comentario o alcalde en plan 'didáctico' a unha actuación de Valín... vou facendo as cousas cando teño tempo, e eso non abonda.
En canto ó comentario de hoxe, os 21M€ (millóns de euros) de facturación dos Irmandiños é unha esperanza para o concello no sentido de que empresas nadas aquí poden converterse con tesón non só nunha iniciaiva de tamaño, senón tamén nunha iniciativa rendible económica e socialmente.
Tamén é motivo de esperanza o que poda xurdir unha iniciativa veciñal que plante cara ós partidos políticos (en Lugo) visto dende a perspeciva de que cando os partidos non representan os intereses dos veciños, os veciños poden ser capaces de organizarse e tomar eles as riendas da política local. En Ribadeo? Por que non? Claro que non é cousa de dicir 'adiante!' sen ter as cousas ben tratadas e calculadas: o que pasou en Nigrán coa interrupción dun pleno por cuestións urbanísticas posiblemente non fora posible se non houbera un grupo de independentes no concello, que de xeito político contribuíron a acción.
Tamén hai unha chamada en prol do parque de bombeiros, que xa está ben do abandono do tema. Posiblemente tamén neste caso se houbera algúns grupos de independentes en varios concellos, xa estivera solucionado. Claro que o mesmo se pode dicir de outros temas, e así posiblemente (e seguimos no reino das posibilidades, que tamén poden ser malas) de haber independentes non tería a piscifactoría de Meirengos acumulado uns cantos casos no TSXG.
E así, seguimos camiño das 300 entradas e as 20000 visitas...

Ningún comentario: