20060722

Ribadeo, máis do mesmo

Si, máis do mesmo. Do mesmo que noutros lugares: hoxe celébrase o Carme, outra vez desprazado, e outra volta cun desprazamento contrario ó de Tapia e As Figueiras para non competir con elas na celebración. Hai que lembrar que as festas agora non son tanto celebracións, senón motivos de atracción e negocio (ou eso parece moitas delas). Ademáis, a comisión de festas patronais ribadense alerta de xente que vai pedindo no seu nome e non (é dicir, é un apaño de cartos para algunha xente)
Pero sobre todo, máis do mesmo que estes días pasados: advertencia do avance dos feísmo. A relación coa economía e a política foi manifestada, aínda que a expresión de que non hai alternativa, en certo xeito tamén dito, non é certa. Vai xa moito tempo que escribín un artigo sobre TINA (There Is Not Alternative; o artigo non vai só sobre eso, pero é a parte principal) e sigoo a manter: outro mundo é posible... e hai moita xente na mesma liña, de amosar esa posibilidade. Mentras, en España xa hai unha vivenda por cada dous habitantes, o que indica que o parque de segundas vivendas segue a crecer pero chega a unas proporcións considerables, coa advertencia continuada dende hai xa tempo de que a burbulla inmobiliaria pode pinchar en calquera momento, con máis perigo canto maior endebedamento teñan as familias, e este segue a aumentar.
Un último comentario fóra de Ribadeo: aconsello a lectura dos articulistas Juan Goytisolo e Manuel Rivas, hoxe en El País
--
O artigo referido arriba, publicado o 24 do 4 do 1997 en A Mariña de El Progreso:
¿A quen insulta? ou “TINA ataca de novo”

Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.

¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.

Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.

Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.

E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.

Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: