20060717

Ribadeo musical

Onte finalizou o campamento musical de Amadores da Música. Un concerto deu conta dos progresos entre os asistentes, que non foron poucos. Os primeiros sons foron do piano, Cando ti crees e os Simpson. A Sonata de primaveira e Manteliño branco (W A Mozart confrontado ás tradicións chilenas) continuaron, deixándose ouvir coas guitarras. Á turca, tamén de Mozart, e a coñecida Ei, querida (Hello, Dolly!) de Jerry Herman foron interpretadas pola orquestra do campamento, para finalizar co grupo de percusión cunha tradicional Zulú, Thu, Thu, e Corazón de coco, de Ramiro Couce.
Non era tanto a asistencia a un concerto, senón o comprobar o resultado didáctico dun campamento. Os asistentes, maioría de familiares dos músicos, pode que non sexamos de fiar na avaliación, pero a satisfacción, non polo avance de cada pequeno en particular, senón polo xeral, era evidente.
Nestes casos hai que dicir que porfiar no avance de cada un individualmente sería un desastre, pois implicaría que se oe de xeito diferente ó conxunto, ou sexa, que pode ser moi bó pero que vai pola súa beira e polo tanto a música producida en conxunto non é de calidade. Dende logo, a música de grupo, como neste caso no que todos tocaron en conxuntos de diversos tamaños, da unha idea do funcionamento do corpo social, unha explicación de aquelo de 'onde foras, fai como vexas' (entendendo de que en cada sitio hai que facer segundo os xeitos do lugar) incluíndo comentarios como os que leín unha vez en relación ó século de ouro español, que era unha sociedade ben bizarra para o que é o patrón de hoxe, que parece imposible que funcionara, pero que nembargantes tivo unha longa decadencia e non un corte abrupto (supoño que o ouro americano foi ó tempo un cancro e un sostén). E é que as sociedades son difíciles de corrixir nos seus comportamentos, as revolucións non son máis que episódicas e inestables unha volta que se producen. Pero... necesitan corrección, entre outras cousas porque non son estáticas, senón que cambian de xeito imperceptible, pouco a pouco, como o son nunha banda de música. E aquí, en Ribadeo, temos experiencia de que o son da banda pode cambiar para ben e para mal, e que as medidas correctoras custa aplicalas (tanto pola desafección social unhas veces como polo que custa convencer de xeito definitivo ó alcalde e compaña as outras) Pois se custa nunha agrupación por baixo dos cen membros, calculemos o seu custe a nivel cen voltas maior, o municipal. Pensando así, certamente hai que ter un trato dolce cos alcaldes cando tratan de facer as cousas ben... : merécenno. Pero antes, hai que tentar de que as faigan.
Unha nota final: ó poñer os títulos das obras interpretadas polas diversas agrupacións, fixen unha traducción ó galego: non me parece oportuno o que se fai moitas veces, de deixar o título dunhas obras no idioma orixinal, aínda que non sexa o do autor (caso de Alla Turca de Mozart, en italiano porque era o chic do momento, e non o seu alemán), deixar outros en lingua orixinal e vernácula dos autores (When you believe), coller un nome traducido dunha partitura cando non é o orixinal, que se lle puxo noutra lingua, nin a traducción ó galego ou castelán (Spring song), etc. E iso aínda en casos no que está tan afeito o ouvido a escoitalo dun determinado xeito que se di un mesmo: é unha barbaridade (caso Hello, Dolly!). Evidentemente, non ten que ver coa calidade musical, pero a min gústame máis así e paréceme máis coherente.

Ningún comentario: