20060803

Chove miudiño

Da o mesmo que onte o INM dera unha porcentaxe de choiva do 10%, tras chover boa parte da noite, leva choviscando a mañá. Non creo que teñan problemas na xira co tema do lume, que este ano levou a normas drásticas como a de non botar foguetes. A festa dará comezo co pregón sábado ás sete e media, oficiado por José Mª Rodríguez. E finalizará... non sei cándo. A ver se antes do sábado subo a tomar unhas fotos e despois da xira, outras. A comparación pode ser interesante.
Se hoxe chove, onte houbo marexada: ata tiveron que chamar á Guardia Civil para evitar que a xente se bañara. Agora mesmo estou escoitando a nova na TVG. De calquera xeito, collo unha revista e tento comparar co que pasa en Ribadeo. Trata de cómo se pon a punto unha praia: 23:00, tras o paso da xente, limpeza do lixo máis voluminoso. 6:00 limpeza da liña de marea. 7:00 acondicionamento de accesos e servizos. 9:00 apertura de cabinas, puntos de información e de socorro. 10:00 comezan a funcionar os outros servizos de pago. 12:00 inspección visual e recollida de mostras de auga. 16:00 retirada de restos de mareas e cambio de papeleiras. Quitado que polas horas variantes das mareas algunhas das tarefas sexa de hora variable, pregúntome se ó fin do día se quita o lixo máis voluminoso, se ás 9 da mañá xa está todo o que é servizo público en marcha...
En Ribadeo vánse perfilando as candidaturas para as próximas eleccións locais. Díse que os partidos do goberno xa as teñen prácticamente listas, con poucas variacións importantes, mentras a oposición vai un pouco máis retrasada (aínda que houbo quen me dixo que non era así). Tamén debe estar xa lista unha candidatura alternativa, da que descoñezo o nome pero con cabeza de lista visible. Aínda se comenta se pode haber unha segunda candidatura independente de partidos, pero a pesares do aparecido nalgún medio, esta vai sendo cada vez menos considerada nas 'apostas'.
E copio un titular: "Andina: «Non sei de que se queixa Pérez Vacas por ter sido denunciado no xulgado»" E é que antes foi Pérez Vacas quen denunciou a Andina, caso que se non lembro mal rematou con sobreseimento.

Ningún comentario: