Vin unha serie de gráficos na prensa de onte. A nova, a compra dunha construtora galega por outra madrileña. As cifras que se manexaban, mareantes para unha persoa de a pé. O fondo da nova, máis ou menos 'que se nos vai una empresa!'.
No primeiro, Fadesa, a construtora que se dicía insignia de empresas galegas, xunto con Zara e Citroën (si, aparece cantidade de veces como galega, si) implica que a construtora multiplicou por 4 o seu negocio entre 2001 e 2005. Crecemento rápido. Estamos a falar de case 1000 millóns de € no 2005.
O segundo, o beneficio. No mesmo periodo, multiplicouse por ... 9! Podería indicar só unha boa xestión, ou unha mellor xestión co paso do tempo. Pero estamos a falar dunha construtora que no 2005 convertía o 20% dos ingresos en beneficios. É dicir, parece ter algo que ver o aumento dos prezos da construción e dos solares que ten hipotecada a media España.
O terceiro e o cuarto significan que a empresa 'galega' que é adquirida por unha empresa madrileña ten uns 20.000.000 de m2 para construír. Eso da algo así como 200.000 edificios de 100 m2 de planta, o que é unha casa de dimensións normais. É certo que parte do terreo seguramente deberá quedar para infraestructuras e servizos, pero pónlle só a metade construído e catro plantas (ou 3 + baixo), eso implica 400.000 vivendas (ou 300.000 + 100.000 baixos), é dicir, a 2 ou 3 persoas por vivenda, construción posible para unha poboación como a de Vigo, A Coruña e Santiago xuntas. Para ser unha empresa que comezou a actuar algo en grande nos 90, coido que é unha carreira meteórica. A min non me cadran as contas de como se pode facer eso, ó menos se deixamos á beira a inflación urbanística. Ben, deses m2, 1.000.000 corresponde a Galicia (15.000.000 a España)
Outro gráfico máis nos da unha cifra que indica o perfil de negocio, e que para unha empresa pequena non tería nada de particualr, pero coas dimensións de Fadesa parece marcar unha tendencia: as vivendas de segunda residencia constitúen máis de 1/3 do negocio, e as protexidas, só 1/10. é dicir, algo así como que quen da o negocio é quen ten cartos, algo que polo demáis pode resultar obvio nun sistema sen compensacións.
Hai máis gráficos, pero fíxome só en dous a parte dos anteriores: nun, pon o capital social das empresas que adquiren esta 'xoia do patrimonio galego'. Se a prensa non se engana, o capital social das dúas é 1.200.000 €, mentras que van pagar pola metade da empresa 2.200.000.000 €. Significaría que manexan uns fondos de alomenos 2.000 veces o seu capital social. Eso fánno os especuladores, que esperan beneficios rápidos con poucos compromisos iniciais, ou os que queren sinxelamente invertir sen ter que poñer os cartos de veras se as cousas pintan mal. O outro gráfico indica que as dúas empresas adquirintes teñen 15 empregados (a de 900.000 € de capital) e 1 empregado (si, en singular, a de 300.000 €) Poden xestionar unha empresa adquirida con máis de 4000 empregados segundo o mesmo periódico, a parte dos seus propios negocios? Unha segunda pregunta: failles falta facelo?
Reflexiono e vexo ademáis que en ningunha parte do periódico se fai eco dunha análise semellante ó que faigo. Non mo explico. Por contra, encárganse de ver se a sé social (é dicir, onde se pagan impostos) se vai a madrid ou se queda en A Coruña. Certo, eso é importante, cos beneficios da empresa...
1 comentario:
Unha nota accesoria: a data aparece como 30, cando foi posteado como 2º post do 29, por cuestión dunha proba con novas prestacións do servizo de blog. Podo cambiala de novo (coido) pero non o farei.
Publicar un comentario