20060915

O castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo)


O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo Catálogo de normas complementarias e subsidiarias de planemanto' da Consellería de Cultura, co código de catalogación GA27051007. Neste castro un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid por unha onza de ouro (eso dixeron sucesores seus).
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m ó castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura de Ribadeo 'insuíña/pescanova' (tamén aquí hai documentación da nova piscifactoría para Ribadeo)
Ben, o castro ten unhas dimensións de uns 230 x 180 m2, ocupando algo máis de 2,5Ha, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, e no catálogo aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, tendo aparecido alí restos arqueolóxicos (cerámicos). Asemade, cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco medidas de protección. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha de anchura 8-10m separados por parapetos.
Na actualidade, forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria.
A cousa é que esta mesma semana din nova no blog da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo e lamenteime de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, estaba sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais debera: xa a finais do 1998 o arqueólogo da delegación de cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó delegado ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña).
Aplícalle ese calificativo por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, a existencia da franxa de protección de costa, que garante a conservación do contorno, a facilidade de comezo de psota en valor só coa limpeza do enclave, a paisaxe onde está inscrita, a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias, a posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e a existencia dun levantamento topográfico previo debido á concentración parcelaria.
En fin, que esa nota que se me ocorrera facer a min xa está feita na súa base dende hai oito anos, incluíndo a dirección final da carta, que lle pretende facer a proposición de recuperación ó concello, cousa que non sei se se chegou a facer ou non. Non descarto o facer algo con máis estructura que estas verbas, para insistir na promoción turística e cultural, pero quero insistir tamén que a miña idea desta semana xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días...

Ningún comentario: