É unha remodelación dun post anterior, ampliado. De calquera xeito, aí vai.
Dous castros en Ribadeo?
O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo 'Catálogo de Normas Complementarias e subsidiarias de planeamento' da Consellería de Cultura, na que ten o código de catalogación GA27051007. Neste castro foi onde un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid, segundo dixeron sucesores seus, por unha onza de ouro.
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m a un castro castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura promovida en terreo de Ribadeo pola empresa 'Insuíña', dependente de 'Pescanova', factoría da que hai pouco rematou a exposición pública dun primeiro proxecto e que tamén toca lateralmente á zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) de As catedrais. Exposición pública si, en Celeiro, non en Ribadeo, onde está prevista. Polo que parece, ten un interese supracomunitario e polo tanto non ten por que estar exposta en Ribadeo a documentación (aínda que podería)
Ben, o castro ten unhas dimensións máximas duns 230 m x 180 m, ocupando algo máis de dúas hectáreas e media, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, é dicir, xusto ó sur, a carón, da ínsua de Vilaselán. No catálogo no que aparece referido, aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento, a punta que se achega a ínsua. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, pensando aínda na súa pertenza ó mesmo, pois teñen aparecido alí restos arqueolóxicos, como cerámicas.
Na ficha de catalogación aparece que cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco había nin eran consideradas necesarias medidas de protección a parte das propias naturais, pois o estado era bo para seguir conservándose así. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha e de anchura entre 8 e 10m, separados por parapetos.
Na actualidade, o castro forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria, como se pode comprobar por internet coa utilidade SIGPAC.
Fronte a un castro de verdade como o das Grobas, conservado ata o momento e que pode ter un futuro e contribuír ó futuro de todos nós pola súa dinamización, durante a semana das festas decateime da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo. Para evitar que á xente lle pasara o que a min, procurei dar a nova, ó tempo que me lamentei de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, está sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais deberan: xa a finais do 1998 un arqueólogo da Delegación de Cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó Delegado Provincial ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección, e polo tanto, unha garantía. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña). Aplícalle ese calificativo a) por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, b) pola existencia da franxa de protección de costa, que debera garantir a conservación do contorno, c) pola facilidade de comezo de posta en valor só coa limpeza do enclave, d) polo valor engadido da paisaxe onde está inscrita, e) pola facilidade cara á súa explotación que representa a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias que eso representa, f) pola posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e g) pola facilidade previa da existencia dun levantamento topográfico anterior debido á concentración parcelaria.
En fin, que cando hai algún tempo se me ocorrera facer unha pequena nota sobre o castro e as súas posibilidades non sabía que o traballo xa estaba feito dende hai oito anos, incluíndo algo que aparece claro na carta: a proposición ó Concello da súa recuperación. Esto último, aínda que expreso no texto, non sei se se chegou a facer ou non.
Coido que se debe insistir na promoción turística e cultural do castro, que entendo abondo máis rendible que o deseño ad hoc de algo parello a un castro, pero de mentira. Lembro ademáis que hai poucos días o catedrático de xeoloxía da USC Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico. Xeoloxía que está fror de rocha tamén na zona do mesmo castro, zona na que a piscifactoría de Insuíña prevé rebaixar o terreo uns 15m.
Repito que teño a idea, pero que xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días. E polo que parece caeu en saco roto.
Unha última cousa. Como a zona non está desenvolta de xeito turístico, ténme preguntado xa algunha xente onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro no plano e na imaxe do sigpac, queda pegado á insua. Se se quere ir a esa zona dende a pista costeira asfaltada, coller o camiño cara ó mar no punto máis alto da pista, por tras das casas de Vilaselán. Hai unha bifurcación, e collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bó cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra, como aparece no plano.
Antonio Gregorio Montes
1 comentario:
Lémbrase que hai documentación sobre a piscifactoría en http://usuarios.lycos.es/agremon/piscifactoria.html
Publicar un comentario