20060910

Unha nota de prensa de Adega respecto á piscifactoría (2ª de hoxe)

Reprodúzoa enteira:
Santiago, a 10 de Setembro do 2006
ADEGA PIDE QUE A PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA DESPRAZADA DE CABO TOURIÑAN A RIBADEO SE APROXIME AOS LINDES DO POLÍGONO INDUSTRIAL EN TRAMITACIÓN

O chamado Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria que o governo anterior, -da mán do exconselleiro de Pesca, D. Enrique López Veiga, nos deixou en herencia-, non consistía máis que nun mapa cos lugares elexidos polas empresas do clúster de acuicultura, sen outros criterios que os de fácil acceso á auga do mar e reducidos costes de expropiación. Nada importaba que se tratara ou non de espazos protexidos ou de paisaxes singulares e así resultou que dun total de 23 parques iniciais, 13 afectaban a espazos protexidos ou que mereceran ser considerados como tais. Entre estes estaban, a piscifactoría do Sr. Alvárez-Cascos en Rinlo-Ribadeo (hoxe paralizadas as obras por decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) e a piscifactoría de Pescanova en Cabo Touriñán, ambas as dúas en idéntica situación administrativa: estudo de impacto ambiental favorábel e proxecto sectorial aprobado no último consello da Xunta de Galiza presidido por D. Manuel Fraga.
Aínda que a actual Consellería de Pesca, de forma incoerente, tén acordado, -a pesares das múltiples irregularidades do Plan (fáltalle avaliación de impacto ambiental e informe urbanístico da consellería de Ordenación do Territorio)-, continuar adiante co Plan de acuicultura do Sr. López Veiga, hai consenso entre Pesca e a Consellería de Meio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel en facer respetar os espazos protexidos da Rede Natura, obrigando así a Pescanova a buscar outra ubicación para a piscifactoría de cabo Touriñán e a Stolt a buscar outra para a piscifactoría nos lindes do Parque Natural de Corrubedo.
A nova proposta de ubicación para a piscifactoría desprazada de Cabo Touriñán ven a ser agora a punta de Pena Corveira ou Pena do Corvo en Ribadeo, nun área de apenas un quilómetro de ancha entre o LIC de As Catedrais e o LIC e tamén ZEPA da Ría do Eo. Trátase dun área dentro da rasa costeira cantábrica á que aínda non tiña chegado a presión urbanística do litoral e de importante valores paisaxísticos na que, ademáis, podemos contemplar un castro no que aínda son ben visíbeis os seus muros perimetrais. Dende o punto de vista ecolóxico, esta área comparte a mesma xeoloxía, edafoloxía, condicións climáticas, etc, dos LICs colindantes nos que se constata a existencia de valiosos hábitats prioritarios: o *4020, Uceiras húmidas atlánticas de erica ciliaris e erica tetralix, ou o *4040, Uceiras secas atlánticas costeiras de erica vagans e Ulex maritimus. A escasa presencia destas especies nesta área na que está prevista a ubicación desta granxa mariña de engorde de peixes planos non é debida máis que a tratarse de parcelas aínda traballadas para uso agrario, cumplindo cos criterios do anexo III da Directiva 92/43 para a selección dos lugares de importancia comunitaria. E, en tal sentido, tanto dende ADEGA como dende a Federación Ecoloxista Galega, vimos solicitando reiteradamente a conexión destes dous espazos protexidos que só se entende que quedaran no seu día desconectados non polos seus valores ecolóxicos senón por, máis que seguramente, por intereses da especulación urbanística.
En base a isto, ADEGA pide da Consellería de Meio Ambiente que se atenda a solicitude de ampliación da Rede Natura que se tén presentado xa no principio desta lexislatura conectando estes e demáis espazos da Rede Natura do litoral de Lugo e pide da Dirección Xeral de Recursos Mariños que se lle propoña a Pescanova desprazar esta instalación ata os lindes do polígono industrial que se está iniciando en Ribadeo, de forma que, -ademáis de aproveitar os servizos propios do polígono-, permita dar coerencia a estes espazos da Rede Natura e preservar os valores paisaxísticos e ecolóxicos de toda esta zona costeira. Para facilitar isto, ADEGA propón que, dos fondos anunciados pola Ministra de Meio Ambiente para a adquisición de espazos protexidos no litoral, se solicite, por parte da Consellería de Meio Ambiente, a recompra das parcelas adquiridas por Pescanova a cambio tamén de facilitarlle a cesión de terreos necesarios dentro do polígono industrial.
Noutra orde de cousas ADEGA pide a redaccción por parte da Empresa dun nov Estudo de Impacto Ambiental que subsane carencias tan importantes como a falta dun estudo sobre o patrimonio, sobre o impacto dos vertidos ao mar ou da escombreira que resulte de rebaixar a cota do solo dende 15 m. ata os 7 m. sobre o nivel do mar.
Pide tamén ADEGA que, en todo caso, se proceda á apertura dun novo período de exposición pública para cumplir a lexislación de avaliación ambiental no que respecta a que o Estudo de Impacto Ambiental ten que facerse de forma conxunta coa exposición do proxecto, cousa que, -como xa se anuncia na publicación do DOG-, non se fixo coa exposición pública da documentación na Delegación Territorial de Pesca de Cervo onde só estivo a exposición pública o estudo de impacto ambiental.

Ningún comentario: