20061010
Pubeiros, baristas e Anna Politkovskaya
Hai un tempo, introducín no meu vocabulario un neoloxismo (coido que oínllo a un amigo e non foi invención miña), 'pubeiro', para designar á xente relacionada como propietario ou traballador dun local de hostelería nouturna. Máis adiante, abondo máis, atopeime co saquiño de azucre que aparece na imaxe e pregunteime e preguntei que sería barista. Non mo souberon dicir, ata que dunha procura por internet saquei a conclusión que era o equivalente a pubeiro, pero para os bares. É dicir, outro neoloxismo útil, que encadrei nun reclamo nunha servilleta do CCA para preguntarme se non haberá no próximo futuro unha verba por exemplo para designar á xente encadrada no Centro Comercial Aberto (atención, non sirve 'comerciantes' ou 'industriais' porque non agrupa a todos, e ademáis, agrupa a ambas clases); poidera ser 'comercialistas', pero non ten gancho abondo, paréceme.
Tamén podería parecer unha verba chamativa o apelido de Anna Politkovskaya, 'Ana a Política', pero parece que non é así. Que non era política, senón periodista, e precisamente adicábase a investigar contra os desmanes que a polìtica facía no seu país, Rusia. Que se adicaba, porque a súa falta de política (da política mal entendida ou desentendida que se practica moito hoxe) fixo que fora amezada de morte e que cumpriran a ameaza. Caeu asasinada. Quizais poda dicirse dela que como os soldados, 'caeu coas botas postas', con valentía, cando preparaba outro traballo de denuncia das tropelías. Sen xente como ela, a democraciá quedábase máis cedo que tarde en nada, en pantalla; si, máis do que xa está, e máis rápido. A pesares do seu nome, coido que tamén a ela lle faría falla que inventáramos unha verba que xuntara o que representa 'valentía', 'procura da verdade' e tamén 'idea de xustiza'.
A que correspondería no caso de Anna, 'política', xa está ocupada por un significado en devaluación contínua, por desgraza, tamén en contra da democracia. Ó mellor é unha verba, esta de 'política' que necesita como os vellos mobles unha restauración para que cobre vigor. É cousa de pensalo. Pode que compense poñerse mans á obra.
-
Hai un ano e un día, lembraba os comezos da 'Galipedia', a enciclopedia en galego, na rede, libre, cooperativa, que segue a medrar. E tamén completaba o día con outra entrada, 'Visións de Ribadeo', visións a contrastar entre todos máis que a contrapoñer.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario