20061007

Un foro de debate sobre os recursos naturais de Ribadeo

Chámame a atención a presentación das xornadas de medio ambiente. As de patrimonio contribuíron a alimentar o lume da protesta polo urbanismo, estando planteadas sobre o tema dun urbanismo sustentabel. Estas, sobre o desenvolvemento sostible en relación coa defensa dos recuros naturais de Ribadeo, poden ter un curso semellante, pois ó paso que os está a coidar o Concello, parece raro que aínda existan moitos, pero é que había moitísimos. De calquera xeito, estas xornadas coido que non levantarán tanta polvareda como as de patrimonio, polo mero feito de que collen como 'subtítulo' (non real, senón expresado polo alcalde) un tema local, e xa sabemos todos as dificultades de organización en temas locales polos clientelismos de diferentes tipos de intereses que se dan en Ribadeo, e ó ser organizadas nesta época e non no verán tamén terán menos audiencia e repercusión nas conversas diarias. Pero non será causa da menor polvareda o que a actuación do concello sexa coherente na maioría dos casos e teña como lema o que preconiza para as xornadas.
Falando de xeito máis amplio, o desenvolvemento sustentábel non é doado de acadar coa mentalidade actual, basada no concepto de rendemento e na que se entende que o desenvolvemento implica un incremento de aproveitamento. Pero é sabido que todo aproveitamento incide nunha interacción, e a maior aproveitamento, maior interacción, co que hai que chegar necesariamente a un compromiso no que se crucen aproveitamento e supervivencia do medio. Compromiso que pola propia mentalidade que implica o 'desenvolvemento', será sempre precario, presionando pra correlo un pouco máis aló a costa do medio. Boto en falta cando se fala de este tema o establecemento previo do compromiso, que se soe establecer en cambio despois de establecer á súa volta uns obxectivos de rendemento, os que, tamén eles, tenden a maximizarse. É dicir, en xeral, ó falar de desenvolvemento sostibel estáse a primar uns intereses de rendemento a costa do medio. Eso si, téndoo en conta en relación a que a xente non se queixe máis aló dun límite, o que se trata de trata de rebaixar a traverso do que se chama 'enxeñaría social'. É dicir, o compromiso deses proxectos de 'desenvolvemento sostible' co medio dependen da xente que poda defender o medio. E é que, a pesar das verbas, avanzamos lentamente na defensa dos nosos propios intereses comúns, e a nada que nos descoidemos, o que facemos é retroceder.

Ningún comentario: