20061109

Nota de prensa da Asociación de Veciños de O Tesón (2ª de hoxe)

Reproduzo a nota de Prensa de O Tesón:

Conforme o ven facendo de xeito normal, a Asociación de Veciños O Tesón ten remitido ó Concello dúas preguntas para seren contestadas no pleno municipal correspondente a este mes.
Deitas preguntas pódenas facer as asociacións de veciños en virtude do acordado polo Pleno do Concello o 13 de setembro de 2004, desenvolvendo as posibilidades que ofrece a lei. As condicións de presentación de ditas preguntas inclúen o seren formuladas o xoves anterior, o seren contestadas ó finalizar o pleno, o abranguer un máximo de dúas preguntas por asociación e o poder cortar as respostas ós dez minutos en total. Ditas condicións, totalmente restritivas, poden ser ampliadas a tenor da lei correspondente.
As preguntas este mes son formuladas ó Portavoz do Grupo Socialista no Concello de Ribadeo, e son:
1.Ante o estado de diversas obras en Ribadeo (por exemplo, e en orden temporal, a situación de derribo por mandato xudicial da parte alta dun edificio sen levar a cabo, o incumprimento dunha detención de obra na Lodeira ou a apertura dunha porta e garaxe correspondente na muralla coa substitución da mesma por muro fino), solicitamos coñecer as actuación levadas a cabo por parte do concello en relación ás infraccións urbanísticas no último ano, e en concreto, en relación ós casos citados.
2.Ante as novas na prensa en relación a unha licenza de obra á empresa Insuíña para a construción dunha piscifactoría en Piñeira nas inmediacións do castro das Grobas, solicitamos coñecer as actuacións do concello en relación a dita piscifactoría, e en particular, a delimitación de responsabilidades entre concello e outras administracións sobre dita instalación, se se ten en conta a incidencia que esta obra pode representar para a conservación e o futuro do castro ou se no proxecto básico constan os informes de Medio Ambiente e Patrimonio.
En ambos casos consideramos que poderían engadirse preguntas suplementarias, como as alturas pertinentes á rúa Calvo Sotelo (a raíz do edificio aínda non rematado na cabeceira de dita rúa) ou o estado actual da documentación da piscifactoría de Meirengos (da que non se teñen comunicacións públicas dende hai tempo).

Ningún comentario: