20061125

A río revolto...


De novo, un destes días de novas densas, aínda que nos titulares non o parezan. Resulta que un estudo de industria afirma que a comarca ten como punto débil a presión urbanística. Evidentemente, non é titular, xa o sabemos case todos,excepto algún alcalde, outros alcaldes que unhas veces din unha cousa e outras outra, e algúns outros con intereses diversos no tema. Afirma asemade que Ribadeo debe apostar polo golf, os picadeiros e as casas de indianos. O golf, porque aquí (aínda) hai auga, aínda que a súa calidade non se cuide moito. E porque non se comezou co tema. Habería que discutir máis, pero o certo é que como non comezamos co dos campos de golf, ter algún é lóxico apoialo. Respecto dos picadeiros de cabalos, aínda teño na cabeza que algún que pediu cartos ó Leader para implantarse, coido que anos despois está parado porque os cartos non chegaron (o motivo?). E en canto ás casas de indianos, a cousa leva tempo comentándose, pero a este paso aínda vai pasar como co polígono industrial: farase, pero non se sabe cando se rematará.
E seguimos: medalla para a coral polifónica de Ribadeo, a primeira que concede o concello, nun pleno extraordinario do que me entero a auga pasada pola prensa. Pois paréceme ben, pero coido que se podería facer mellor coa participación cidadá por varias razóns, o mesmo que piden veciños de Couxela (onte dicía a radio 60, hoxe a prensa 70) que asinaron unha carta contra o talante antidemocrático do BNG porque lles vai facer melloras, pero polo que parece, sen contar con eles. Conste que non protestan polas melloras, senón pola versión moderna daqueles ditos tan Luis XIV de Francia, 'O estado, son eu' e 'todo para o pobo (pero sen o pobo)'. Non coñezo o tema que expoñen os de Couxela, pero parece certo que o talante dos tres partidos que están agora mesmo no consistorio vai por aí. Do bloque, a segunda nova que teño en pouco tempo (a outra, do mesmo estilo no mesmo mercado ribadense). Do PSOE, aí están as actuacións, e por se fora pouco, aquelo de 'eu fago o que me sae dos collóns'. E do PP, despois de oito anos, pasa a oposición e no último pleno ó que fun, comenta dun xeito para min incomprensible e gratuíto máis ben contra os veciños por propoñer nomes para rúas en Ribadeo e Rinlo, en troques de aproveitar para enviar o tiro contra o goberno por teren os veciños máis iniciativa, que lle tería saído gratis.
A foto, dun recuncho bonito de Ribadeo, na rúa Villafranca del Bierzo (chamada así de cando se pretendía que o ferrocarril mineiro chegara ata aló, hai un século), nun lateral da Farmacia de Cid.
Hai un ano, tamén se achegaba o nadal a Ribadeo. Non sei se estaría a carpa a medio montar como o está este ano (só a estrutura, pero xa pisando por riba dos xardíns do parque), nunha zona que pronto sufrirá (ou desfrutará, non podo xulgar porque non coñezo moito o proxecto) unha remodelación.

1 comentario:

Agremon dixo...

Chegoume unha nota: a rúa da Farmacia de Cid é Reinante (Reynante, segundo aparece no letreiro), e non Villafranca. E poño esto como comentario e non varío o texto pola relación que me permitiu citar un soño ribadense, o do ferrocarril coa meseta.