A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu tradicional Festival de Nadal
Actuarán un total de dez formacións xurdidas no seo do propio centro
O festival ten preparadas moitas sorpresas para os máis pequenos
Ribadeo. 21 decembro 2006. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra hoxe, venres día 22 de decembro ás 20.30 horas no Auditorio Municipal “Hernán Naval” o seu tradicional Festival de Nadal. Un total de dez formacións xurdidas no seo da propia Escola e integradas polos máis de 250 rapaces e rapazas que se atopan matriculados no centro son as que van poñer en riba do escenario un programa onde o espírito de nadal se respira polos catro costados. “Queremos contribuir con música á celebración das festas de nadal así como que os nenos e nenas se divirtan e disfruten facendo tocando”, sinalou Lourenço Cruz, director da EMMeD de Ribadeo. Para que isto ocorra en cada unha das pezas vai haber algún elemento sorpresa que, nalgúns casos, nin os propios alumnos e alumnas nin a direición do centro coñecen. “Este é un festival onde a maxia e a ilusión son compoñentes fundamentais pois moitas das cousas que se van facer non as coñecemos nin os propios profesores, son sorpresas que cada director das agrupacións ten preparadas e polas que tan só nos queda agardar”, comenta con sorna o director do centro ribadense.
Grupos de iniciación á música, de ballet, de saxofóns, guitarras ou percusión así como a banda infantil van interpretar diferentes versións de temas clásicos do nadal así como versións de pezas de música de cinema como a banda sonora do filme Titanic.
O prato forte do festival está reservado para as actuacións conxuntas da Orquesta sinfónica xuvenil e do Coro da EMMeD. Ambas e dúas formacións van escenificar un dos momentos máis especiais do festival. “Algo que si podemos adiantar é que a estrutura do cocerto é in crescendo xa que a súa intensidade e espectacularidade vai ir medrando a medida que vai avanzando”, sinalou Lourenço Cruz.
Unha vez máis a EMMeD de Ribadeo mantén nos seus concertos a premisa de que exista presenza de todos os estilos de música. Boa proba delo é que polo escenario do Auditorio “Hernán Naval” van desfilar dende un corpo de ballet que se move ao ritmo de “Campana sobre campana” até un coro que canta “O Tamborileiro”, unha banda infantil que versiona “Titanic” ou un grupo que fai música heavy e que se atreve con “Red Barum”.
O concerto de nadal da EMMeD de Ribadeo vai estar presentado por Suso López.
Ningún comentario:
Publicar un comentario