20061230
Unha charla sobre arqueoloxía en Ribadeo
Adxunto a nota de prensa enviada polo Tesón, xunto coas fotos referidas nela (o conferenciante en pleno traballo e unha das pezas recobradas no castro de Zoñán) e unha foto aérea de Miguel tomada esta mesma semana sobre o castro das Grobas, unha volta desbrozado, en primicia:
O venres 29, ás oito do serán, no salón de actos da casa do Mar de Ribadeo, tivo lugar a conferencia “Posta en valor dun elemento arqueolóxico”, impartida por D. Abel Vigo García, arqueólogo do concello mindoniense. A conferencia tivo como base unha presentación informática sobre o castro de Zoñán, Mondoñedo, o primeiro escavado en Galicia, posto en valor este mesmo século mercede a acción conxunta da Universidade compostelá, o Concello de Mondoñedo e a Fundación Comarcal da Mariña Central, tras ser comezada con financiamento do Leader +. O acto, do que se adxunta algunha foto, foi unha referencia a ter en conta para a recuperación do castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo), e como complemento a ela participaron D.Manuel Valín, que fixo de introdutor como responsable da Fundación Comarcal da Mariña Central, e D. Roberto Rodríguez, que glosou o traballo de Suso Peña en relación co material gráfico presentado, a carpeta titulada 'O castro de Zoñán', con láminas sobre a súa posta en valor con anterioridade ó 2005, campaña que supuxo a mellor das mantidas ata o momento.
O arqueólogo glosou os diversos elementos recuperados, amosou unha peza cerámica recollida no mesmo, a idea actual a raíz das pescudas sobre o castro, as campañas mantidas, etc, o que ofrece un contraste entre o que se leva feito nas 8 Ha. que se supoñen en Zoñán cunha superficie equivalente no castro das Grobas, recentemente rozado, o que facilita a súa visita. Subliñou asemade que na zona mariñá é necesario aínda moito traballo para levar a cabo xa non unha recuperación, senón un descubrimento castrexo acorde co material que debe haber.
O Tesón lembra que se espera próximamente ter a exposición 'Os habitantes dos castros' e unha conferencia sobre os castros ribadenses.
Etiquetas:
castro das Grobas,
cultura,
educación,
fotos,
Fotos Ribadeo,
Medio,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
1 comentario:
Ola,
Entrei no teu blog dende a ligazón da túa páxina da Wikipedia. O motivo de porme en contacto contigo é que me encargaron unha entrevista para un xornal que se chama "A Peneira" con xente que leve o tema da Wikipedia en galego. Eu tamén colaboro de cando en vez pero coido que é mellor que a entrevista sexa a xente que está máis involucrada no proxecto.
Agardo pola túa resposta. Penso que é unha boa oportunidade para que nos coñezan máis usuarios e poidamos seguir medrando.
Pablo Aguiar
-------------------
paguiar@ub.edu
-------------------
Publicar un comentario