20070215

Terceira de hoxe. Un artigo polo momento non publicado sobre un tema ribadense: a banda

A banda, ese ser vivo
A música basa a produción de sensacións na xeración de sons que gardan algunha relación con outros que os seres vivos podemos escoitar en diversas situacións. E dicir, en certo xeito, en semellanzas. Por eso non é de estrañar que unha unidade de produción musical, a banda, poda ser comparable a un ser vivo.
Din os manuais que os seres vivos recoñécense en que nacen, crecen, reprodúcense e morren. Polo medio, dalgún xeito aliméntanse, e é necesario un período de xestación para pasar a existir, e necesaria a reprodución, sen a que os seres vivos dese tipo deixarían de existir. Ben, pois calquera desas fases a ten unha banda, poñamos por caso, a nosa banda ribadense.
Está claro que en toda comparación hai cousas que poden fallar, e eso vese cando a semellanza escóllese un pouco ó chou: que impediría que fora Amadores da Música, a sociedade titular da banda, a que fora posta en situación de comparación? Nada.
Pero voltemos á banda: como todo ser vivo, tivo unha xestación. Ven o vimos todos os que, baixo o maxisterio de Hernán, nos entrenamos para un bo día presentármonos na igrexa e rematar o parto ós acordes do Tannhauser.
A partir de aí a banda creceu. Fíxose maior, con maior número de compoñentes. Aumentou o dominio do mundo no que se movía, o mundo musical. Incrementou a súa base, pasando a ter músicos formados nunha escola. Aumentou o número de actuacións. E mellorou aquelo que facía: a interpretación musical. Claro que como en todo proceso de nenez, adolescencia, madurez, houbo tempos nos que algúns deses cambios non se percibiron, mentras que noutros foron rápidos, auténticos estiróns.
E chegou un momento no que a banda xa estaba no que sería a súa pubertade, e logo, en disposición de reproducirse en outras agrupacións musicais que pouco a pouco foron saíndo do seu seo ou que contribuiu a crear. Poñamos aí a contrabanda, pero podemos substituíla por grupos de cámara ou a big band, por exemplo. Cada un tivo o seu parto, e se ben o pai soe estar ben recoñecible na obra dos que son os seus fillos, e a banda actuou en tódalas ocasións como nai, os partos foron ben diferentes. E os caracteres das novas formacións, tamén: a familia aumentou, diversificouse e acadou idade abonda para estar en situación de voltar a reproducirse.
Pero voltemos á banda. No sinxelo esquema do comezo, parecería que a calquera ser vivo, despois da reprodución, só lle queda a morte. Non. Pode voltar a reproducirse, ou facer nacer novas creacións que son outro xeito de reproducción. A madurez pode ser prolífica en manifestacións diversas, e sempre, é un tempo de asentamento, calma con apertura de miras e crecemento interior. Tres cousas que soen ademais, ir acompañadas de tempos de enfermidade, horas baixas con convalecencias reparadoras e volta á normalidade, asentando esa sabiduría que dan os anos, coñecendo os propios límites (seguindo o célebre 'coñécete a ti mesmo'), sabendo a que pode aspirar... É o tempo que está a vivir a nosa banda.
As formacións musicais teñen duracións vitais moi variadas, o mesmo que mortes tamén moi variadas, de súbitas a languidecentes, pero polo momento, a banda, a que deu lugar a este artigo, non pensa en tal, senón en aquilatar a súa experiencia para beneficio do público, en particular, do público ribadense, co que mantén en cada concerto unha mostra mutua de cariño e expectación que a revitalizan.
Ribadeo, mencer do 1 de xaneiro de 2007.

Ningún comentario: