20070326
50 anos e un día
Onte culminaron as celebracións dos 50 anos da Comunidade Económica Europea, hoxe UE. Un día despois, eses 50 anos e un día da para pensamentos carcelarios e para pensar no futuro, unha auténtica amalgama de pensamentos sobre unha estrutura complicada como a da UE. Non estamos atados como en prisón dentro da Unión, pero podemos estalo se esquecemos que se pretende que a Unión Europea sexa algo máis que un sitio comercial. E podemos estalo porque o sitio comercial xa o é, e profundización significa algo máis que cesión de dereitos de negocio. Pode dar que pensar, por exemplo, que se celebre como medio país os 50 anos dun comezo como unión aduaneira.
En canto a Ribadeo, o que se ve como feito neste mandato ten en boa medida orixe en fondos europeos, aínda que se diga só ás veces e aínda que o proveito sexa menos visible aínda. Vamos, que Ribadeo tamén é Europa, igual que o noso entorno, gracias á entrada de España na CEE e, en boa parte, ó Camiño de Santiago. Pero rematamos de ver en anos pasados como o camiño en moitos puntos se axustaba variándoo por estradas, cambiando o seu recorrido por intereses diversos comerciais e políticos. E para tirarlle beneficios partidistas (non de partidos políticos, senón maís ben localistas), comezaban loitas de intereses sen considerar o que era previamente, senón o poder actual de cada quen. Segue a ser camiño a Santiago, pero o esprito e con el o resultado xa non é o mesmo, aínda que quen camiñe por alí pareza que o fai con intencións semellantes: a atracción pouco a pouco vai cambiando, desfigurándose e prostituíndose, aínda que se aproveite o substrato inicial. Era unha ocasión para melloralo; foino moitas veces para aproveitalo.
Hai anos, aló para derradeiro xacobeo do século XX, escribín unha serie de tres artigos sobre o camiño que agora non teño a man pero que sairán calquera día destes e que van ó dedo aquí sobre o que foi, é e pode ser Europa, varios anos despois do intento dun refrendo de tratado de perda de dereitos das persoas en favor das entidades.
Na foto de hoxe, unha imaxe en certo xeito alegórica ó camiño de Santiago e a Europa: o transcantábrico, bonito tren que pasa por nosas terras e do que se tenta sacar proveito, pero que está ó alcance de poucos ribadenses.
Etiquetas:
economía,
Fotos Ribadeo,
política,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario