20070324

De feira. Tapea e Ribadea/Ribadeo de tapeo





Onte foi a presentación á prensa da 'XIII Feria da Ciencia e Tecnoloxía', que se inaugurará martes e na que se espera unha asistencia que, só no apartado de visitas programadas de estudantes, será dunhas mil persoas. Esperamos non defraudar a ninguén, e seguir sendo un acto sobre todo, didáctico (...non é doado manter un equilibrio entre didáctica e espectáculo: tamaño da feira, xeito de presentación, implicación dos estudantes, ...). seguirei informando no blog Física e Química en Ribadeo
Remato de ler 'Ribadeo Muller', boletín do Centro de Información á Muller. Hai cousas que me chamaron a atención, tanto a favor como en contra ou como mera información descoñecida, e deume que pensar para facer algunha chanza co de 'Tapea e Ribadea' ou 'Ribadea, tapea' que coido que sería tan bo lema como o 'Ribadeo de tapeo', e en feminino Ribadeo (aínda que lingüisticamente sexancousas diferentes). Tapeo que remata mañá e creo ben que fora un éxito polo movemento dos locais.
Esta noite próxima, despois de entrar na primavera, cambio de hora: unha hora menos, ás dúas haberá que poñer ós reloxos nas 3. Espero que, igual que aproveitan unha hora máis nos pub cando é o revés, desta volta pechen tamén pola 'hora nova'
Nun repaso polos blogs ribadenses, destaco as dúas entrada do blog do cargadoiro sobre a vida política e social de Ribadeo, as reflexións de Fernando no seu lonxe do Mar sobre conservatorios e escolas, (ou o canto que refire sobre a liberdade de coñecemento) e por chamativo as camisetas referidas por Marsop, a parte das xa ditas (entre outras) do FQ Ribadeo. Como se ve, temas moi diversos para navegar a fin de semana.
Por outra banda, a parte do blog de base musical da banda e da escola, parece que está a saír outro sobre a coral polifónica. Coido que estase a crear en Ribadeo o que se chama unha rede social baseada en internet, na que habería que incluír blogs e fotoblogs diversos de menor renovación que os citados antes ou de tipo máis persoal. Divagando un pouco, e saíndo dos blog, lémbrome de Ribadeo.com e a constelación de sitios creados á súa sombra ou referidos dende o seu portal, dos foros da Cope ou a primeira páxina web de Ribadeo no tempo ... xa son moitas as páxinas de Ribadeo para incluílas nunha soa entrada.
As fotos, de onte das obras na praza do mercado.

Ningún comentario: