20070409

Resaca da fin de semana



As dúas fotos de hoxe están sacadas do mesmo lugar e de xeito sucesivo con pouca diferencia de tempo. Só é unha mostra do bonito que pode ser un sitio e como se pode estragar. Neste caso, as fotos, só amosan un efecto de tipo visual, de lixo, un dos múltiples posibles despois dunha troula incontrolada.
O do lixo lémbrame un xa vello artigo sobre Sogama (12/6/1996) que reproduzo a continuación unha vez corrixidas unha serie de faltas.
==
¿Que vas facer con este papel?

Imaxino que pasarás un rato leéndoo e logo o destinarás ó lixo, onde o máis probable e que quede por moito tempo. As cousas son así, e o xornal é efímero. Se pensamos na cantidade de lixo que producimos e a comparamos, por exemplo, co noso propio peso, veremos que producimos e que levamos producido en xeral moito máis desperdicio que o que somos na actualidade. Compréndese facil o problema das lixos: Non hai sitio para tanto.

A realidade pode verse nembargantes como moito máis complexa. Noutros tempos non se producían lixos en grandes cantidades. Hoxe estamos nunha época na que a producción de bens materiais creceu moito, pero tamén, ano a a no, a cantidade de lixo. Aínda é grande a porcentaxe de personas que lembra, por exemplo, o comprar o azucre a granel. O prestixio do envase, e a posibilidade dunha ganancia maior fixeron que eso xa non se vexa. Por suposto, houbo outras causas como os alegatos á hixiene/sanidade, pero creo que non había moita mortandade por inxerir azucre en mal estado. Así as cousas, ¿cántos anos fai que non ves ofrecido azucre dese xeito?.

Por unha banda, fóronse impoñendo os envases, ate chegar ás veces a situacións esperpénticas, como a do perfume nun frasco pequeno, metido nunha bolsa de deseño, envasado nunha caixa, envolta en papel de regalo, metida nunha bolsa para transportalo. Pola outra, o afastamento dun modo de vida achegado á natureza fai que cada vez poidamos aproveitar menos cousas. É dicir, aumentamos o problema e diminuímos a posibilidade de solución. Con elo xorde unha dificultade engadida cara á procura de solucións: o aproveitamento dos nosos propios residuos cada vez se vai máis da nosa esfera personal para pasar a ser de solución comunitaria e allea (ler "societaria" ou, tamén, "empresarial"). E iste comentario é a nivel privado, familiar, sen metérmonos no mundo da empresa, onde se consideran outros aspectos en diferente grao, como a primacía do compoñente económico.

Nestas estamos, tentando de solucionar o problema con regulacións diversas que normalmente non son moi ben acatadas, ou son "ponteadas" de diversos xeitos polas empresas. No caso dos particulares altérnanse momentos de acatamento pleno con outros de auto-disculpa plena. Aplicando o principio de "a grandes problemas, grandes remedios", téntanse buscar solucións globais, como no caso de Galicia. Chócame, dende o meu punto de vista de inexperto en lixos e/ou merda que se procure unha solución na que a base é incinerar para producir enerxía, e ademais dun xeito centralizado, a través dunha empresa participada por unha eléctrica.

¿Por que? Queimar destrúe recursos que costou aproveitar, centralizar implica transportar e algo patrocinado (=> subvencionado) por unha institución pública váise a destinar para ... ¿solucionar un problema?

Pode que sexa algo lonxe da realidade pensar nesas obxeccións, ou noutras como a contaminación na mesma Cerceda (por certo, ¿cándo parará de "chover das Pontes" esa auga que deixa queimadas as plantas?). Eu mesmo penso que hai que deixar como boa a solución que os técnicos den por mellor. Pero hai veces que non me fío moito do resultado, como cando hai mistura de política e economía. Ollo. Non estou a dicir que cheire mal esa unión, pero as cousas, claras, e, polo momento, eu non as vexo así. Ademais, cando o problema é complexo, como no tema do lixo, técnicamente pode haber ideas contrapostas nas que prime unha ou outra característica do proxecto, estando unhas e outras ben fundamentadas pero suplindo subxectivamente lagoas no coñecemento profundo, científico do tema. Evidentemente, isto embrolla máis as cousas e afástaas da comprensión/decisión popular. Así, a xente non contamos con máis apoios nos que fundar a nosa decisión de rexeitar ou apoiar o proxecto que os que dan os sentimentos ou, en todo caso de xeito posterior, o olfato, dando lugar a demagoxias de todo tipo, a máis do debate serio e consciente.

Mentras, ¿hai unha campaña seria para reducir o problema, para reducir a cantidade de lixo?. Non a vexo. Eso me fai dudar aínda un pouquiño máis da liña que se pretende seguir para procurar unha solución.

1 comentario:

Agremon dixo...

Ocórreseme, despois da publicación, que hai unha diferencia fundamental de cando foi publicado o artigo, no 'A Mariña' de El Progreso, en papel, co tempo que estamos a vivir, en formato electrónico. Espero que deste xeito faga menos dano á natureza...