20070418

Unha nova oportunidade para Ribadeo

Onte, o pleno, dende o primeiro momento, pareceu unha partida de xadrez. De feito, diría que, ó contrario que a xeralidade, o resultado deste decidiuse sobre o taboleiro, é dicir, sobre a propia marcha dun pleno no que había abonda xente, pero non tantos dos veciños 'invitados' do alcalde. E na partida, dende unha posición inicial que xulgaba desfavorable, Fernando Suárez levou a estratexia mellor e gañou, e con el, polo momento, coido que Ribadeo. Só os votos do PSOE en apoio dunha proposta do alcalde de legalizar o ilegal, como alí se dixo,; en contra, BNG e PP. Polo medio, dúas propostas, unha do BNG, de enviar á xunta o tema e logo decidir, e logo, avanzada a xuntanza, outra do PP de deixar a cousa con compromiso dos aprtidos para tratalo o primeiro pleno da nova corporación, foron rexeitadas. E un cambio de voto, o de Santiago, que pasou de dicir si aínda que non lle gustara o xeito, a absterse cando veu que o PP tamén tomaba un rumbo negativo a partir dunha incógnita inicial (e cando el xa tivera algunha discusión e acusacións ó alcalde, que, polo alí dito, é de supoñer que rematen tamén no xulgado, pois son abondo graves).
Polo medio, enfrontamentos a múltiples bandas, por exemplo co PP e o PSOE botándolle en cara ó BNG que pola mañá eran goberno e pola tarde oposición. O caso é que o tema, tratado de xeito político, quedou para outra volta, pero non solucionado de xeito práctico, pois todos os grupos tentaban de salvar a cara diante dos veciños, polo que haberá seguramente unha segunda parte, pero dubido que sexa no inicio do próximo mandato. O tema non remata aquí, pero polo pronto os constructores tampouco poden telas todas consigo.
Decátome que non falei da argumentación, só da estratexia. E é que a argumentación coido que foi só unha arma da estratexia, pero, básicamente, dun xeito rápido e comendo polo medio outras cousas secundarias, o alcade alegou a posibilidade técnica, o Bloque que era un engano non ter antes a autorización escrita da Xunta e o PP que había que distinguir entre altura de máis e pisos de máis. Repito, non foron as únicas argumentacións, pero coido que si as que representan o fí condutor para cada grupo.
Por certo, antes do pleno fíxenme a idea de que se o tema saía adiante, sería capitalizable de xeito eleitoral polo PSOE, e se non, que se repartirtiría o posible rédito electoral. Sígoo pensando.

Ningún comentario: