20070620

Segunda de hoxe, unha para mañá: concerto.

Paso unha nota de prensa que remato de recibir sobre o concerto didáctico:
--
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra un concerto didáctico no CEIP Gregorio Sanz
A actividade enmárcase nos actos de celebración do final de curso do centro

Ribadeo, 21 xuño. A Orquestra Sinfónica Xuvenil da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrará hoxe xoves, día 21 de xuño de 2007, ás 12.15 horas, un concerto didáctico no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo. Até o centro educativo vanse desprazar arredor de medio cento de alumnas e alumnos da EMMeD de Ribadeo, de moi diferentes idades, co obxectivo de achegar o mundo da música aos máis cativos.
Segundo sinalou o director do centro, Lourenço Cruz, “trátase de familiarizar ao público de menor idade coa música clásica, un xénero ao que moitas veces non están moi acostumados”. O responsábel da EMMeD de Ribadeo sinalou que o caso da vila ribadense é peculiar pois “contamos con case trescentos matriculados e matriculadas na Escola e boa parte deles son persoas de curta idade, o que indica unha tradición musical importante, aínda que fica moito por facer”. Lourenço Cruz mostrou o seu asombro pola “escaseza de actividades musicais coma de hoxe” que se levan a cabo na comarca e sinalou que “en boa parte de Europa concertos deste tipo forman parte de xeito estábel da programación educativa dos centros”. “Queremos conseguir que durante o próximo curso, a celebración dun concerto didáctico xa non sexa unha novidade no noso día a día dentro da Escola”, sentenciou.
O concerto vaise dividir estrutúrase en tres partes: a primeira delas sirve como presentación da formación e da actividade así como do traballo que se leva a cabo nunha formación musical de cara a preparación do concerto; a segunda parte consta dunha presentación das diferentes familias instrumentais que compoñen a orquestra así como da súa sonoridade; e na parte final tócalles o turno aos propios alumnos e alumnas do centro que van ter a posibilidade de probar os instrumentos que compoñen a orquestra. Como eixe destas tres partes a orquestra vai interpretar fragmentos de coñecidas bandas sonoras de filmes e series de televisión, caso de Os picapedra, Os Simpson ou A bela e a besta.
Lourenço Cruz mostrou o seu “máis profundo agradecemento” tanto aos profesores e profesoras do centro como á súa equipa directiva por ser receptivos ante unha actividade que calificou como “moi enriquecedora para os nenos e nenas”.
--

1 comentario:

agremon dixo...

Que ben que por fin se recolla o que comezou Hernán cos concertos didácticos! (foi unha mágoa que só se fixeran un par de veces, a ver se agora hai máis continuidade)