20070704

Unha nota de prensa sobre curtas en Ribadeo

É de xupoñer que será de novo no parque, cara a finais do verán, pois as datas non as poñen. Aí vai un extracto:
Diferentes vilas e cidades do país recibirán ao longo dos meses de verán o proxecto RedeCurtas, no que se inclúen as curtametraxes de maior éxito de todo o Estado, tanto de animación como de ficción e dos diferentes xéneros: documentario, terror, infantil, comedia, drama, proxectos experimentais…Títulos como A rosa dos ventos (de Jairo Iglesias, galardoado co Mestre Mateo 06 por Cicatrices), Cousas de Kulechov (premiada no Festival de Cans do Porriño), Sen Chumbo (unha das curtas galegas de máis éxito do ano) ou Catharsis (premida no festival Trayecto Corto 2007), entre outros están incluídos no catálogo da RedeCurtas 07 que promove Mr.Misto Films.
As proxeccións realizaranse en espazos públicos acondicionados para tal fin con pantalla xigante, equipo de son e cadeiras para o público e organizaranse en sesións de entre 70-75 minutos de duración nas que sempre se inclúen dúas curtametraxes feitas en Galicia. Un profesional do audiovisual é o encargado de presentar e comentar as curtas que se exhiben, falando do director, do proxecto, da temática, do tratamento e fomentado o coloquio entre o público. Nalgunha proxección participarán tamén membros do equipo que realizou a curtametraxe, tanto actores e actrices como o propio director, o produtor ou persoal técnico da mesma.
Segundo sinalou un dos responsábeis de Mr.Misto Films, Xoán Mariño “trátase de sacar a curtametraxe á rúa, de crear un público que vexa de xeito regular obras deste tipo e que as curtas non fiquen tan só como un formato destinado só aos festivais, que son ocasionais e efímeros”.

Ningún comentario: