Onte, de casualidade, souben que a biblioteca de Burela estaba aberta 12 horas seguidas, co que pensei na de Ribadeo, que estivo aberta no verán menos da terceira parte dese horario. Na realidade, hoxe mesmo, o horario aumentou e abre non só a mañá, senón mañá e tarde, aínda que en menor horario que a burelesa.
De calquera xeito, é apra pensar a que se adican as bibliotecas. Despois do canon por préstamo de libros imposto en certo xeito pola UE (é dicir, máis ou menos cada biblioteca pública ten que pagar unha cota anual polos libros que ten; a solución a ese pago debe facela o titular, neste caso o concello), imaxino que as bibliotecas públicas xa non son tan públicas (aínda que polo funcionamento burocrático do tema en moitos casos non se debe de estar a pagar). Por outra parte, no verán, no que se supón que moita xente ten máis tempo para ler, a biblioteca reduce horario. E nos últimos días de agosto, cando moitos estudantes comezan a preparar os exames de setembro (parece unha contradicción que sexa nos últimos días, pero é a realidade), entón aumentan o servicio, prestando a imaxe de sá de estudio abondo ateigada, como pode verse estes días.
Entón, o que queda daquela función de difusión cultural aparece totalmente desdibuxada, e máis aínda cando a maioría dos que usan esa sá de estudo son universitarios e Ribadeo non optou nunca (a pesares das miñas indicacións de fai xa dúas décadas, non é a primeira volta que o digo no blog) a unha sé univeristaria como na actualidade teñen Viveiro ou Foz.
Ben, a sá fai un servizo. O fondo bibliotecario, menos. Coido que habería que reorientar o servizo para aumentar a dinamización do fondo de que dispón a Biblioteca Municipal Viejo Pancho, que está entrando xa nos actos da celebración do seu 50 cabodano, o que sería un momento idóneo para relanzar a utilidade e uso deses fondos. Por pór un exemplo, hai moita xente de aluvión que veu a Ribadeo vivir e que non sabe onde está a biblioteca. Ou outra que non sabe que nela disponse de cintas de vídeo e DVD, unha colección que foi medrando pouco a pouco e que representa fondos que necesitan moitas horas para velos. Ou que se dispón asemade de servizo de ordenadores conectados a internet (complementados polos máis numerosos da Casa da Xuventude á súa beira) Ou que as revistas que alí hai, aínda sendo abondo numerosas que noutras bibliotecas, dan pé a unha lectura variada. Ou que alí pode verse a historia de Ribadeo día a día a traverso das coleccións de A Comarca e outros xornais locais xa desaparecidos, ou ben a máis recente das seccións da Mariña de El Progreso ou La Voz de Galicia. Ou mesmo, como descubriron xa moitos estudantes, dispor dunha sá tranquila en xeral para ler.
En fin, non teño visto tampouco moitos carteis que indiquen dende calquera parte do pobo a situación da biblioteca, e os actos de animación á lectura son para escolares, que se ben son máis doados de facer e seguramente de maior rendemento que para os máis maiores, non deberan ser os únicos. E aí está a Casa do Libro que fai, como entidade privada, unha promoción cara á lectura a traverso da venta que non fai a BMVP a pesares da diferencia de custe de uso dos resursos bibliográficos que pode ofertar. Ó mellor era bó facer un concurso de ideas para a promoción da BMVP e da lectura: ás veces asombra o que pode saír de aí. Claro que hai que estar dispostos a levar a cabo as ideas, e eso implicaría con bastante probabilidade o aumento do orzamento adicado.
Algunha idea?
1 comentario:
http://www.galizacig.com/normaliza/base_convenios/23/23concello_ribadeo_laborais_2004_2006.pdf Nese enlace podese ver que a Bibliotecaria e a limpiadora dese centro, están cunha xornada reducida. Unha reivindicación sindical para elas é a xornada completa. Tamén é reivindicación veciñal polo que ti expons. Eso xa supondría un cambio.
De todo-los xeitos penso que esas traballadoras xa están facendo mais horas que as que o Concello lles paga xa que o traballo e a afluencia de xente aumento moitisimo de unhos anos para aca.
Discriminados.
Publicar un comentario